06 03 18 Costa da Morte (Camariñas) A Coruña
VER PUNTO DE SAÍDA | VER MAPA DA RUTA | VER GALERÍA DE FOTOS | PDF EN CASTELAN |
Travesía de Santa Mariña a Camariñas
SITUACIÓN: Concello de Camariñas
PUNTO DE PARTIDA: Porto de Santa Mariña
ACCESO: Pola auto estrada A – 6 ata Arteixo, logo aquí coller a A – 55 de peaxe ou a C – 552 que pasa por Carballo ata Vimianzo. Aquí coller cara á Ponte do Porto e logo dirección Camelle. Antes de Camelle, coller en dirección Arou e por esta estrada a Santa Mariña.
HORARIO: 5 horas DESNIVEL: 150 m. De baixada DISTANCIA: 16/22 km.
DIFICULTADE: Media TIPO DE ROTA: Travesía
DESCRICIÓN DA ROTA: A Costa da Morte, que se extende dende o Faro Roncudo ata o Cabo Fisterra está ben representada neste tramo, declarado como Sitio Natural de Interese Nacional segundo unha orde ministerial de 1933.
Santa Mariña, lugar convertido en refuxio, na serra, noutros tempos frecuentada por lobos, é tamén un miradoiro e centro de control territorial dos montes aínda salvaxes que a rodean. De aquí báixase en pronunciada pendente cara a un minúsculo e descoidado porto onde atracan as lanchas dos mariñeiros de Santa Mariña. A súa dereita o cabo Roncudo e Laxe, á esquerda o Cabo Veo e o Monte Branco, unha duna que presume de ser a maior de Europa.
No porto comézase a costear cara ao oeste, primeiro polos pelouros de granito rosáceo, aínda xaspeado en negro e despois por carreiros bordeados de uces, queirugas e toxos, con algunhas árbores os que o vento do mar non deixa coller altura, e medran ao son da terra. Entre pedras de formas caprichosas, rodéase o Cabo Veo, unha das puntas da Praia do Trece, á que se chega sen deixar o carreiro da beira do mar. Vaise agora entre dunas, fráxiles, con especies de flora protexida como a camariña, na antigüidade presente en toda a costa galega, e hoxe practicamente desaparecida. Sendo baixamar pódese ir polas trece calas, unhas de area e outras de canto rodado, que forman esta praia. Pecha a praia o Cabo Tosto cunha restinga coñecida como Punta do Boi onde tivo lugar a traxedia do Serpent:
O buque-escola da coroa británica partiu de Plymouth en novembro de 1890 cunha dotación de 175 tripulantes, dos que tan só tres puideron chegar vivos a praia. Ao longo dos días seguintes, o mar foi deixando na costa os corpos do resto da tripulación, a maioría cadetes. Os veciños de Xaviña e Camariñas déronlles sepultura no que hoxe coñecemos como o Cemiterio do Ingleses, feito polo que foron condecorados pola coroa británica.
Ao pasar o Cabo Tosto aparece unha pista de terra, ancha, que pasa as praias de Area Longa, Reira, Balea, Pedrosa, nun lugar coñecido como Mar de Reira. Pasada a praia de Reira, á esquerda, consérvase un foxo utilizado para matar lobos. Uns metros máis adiante sae un carreiro á dereita, que nos permite atravesar a praia Pedrosa, sen ter que rodeala, e subir ao Alto da Vela onde está o parque eólico, e o autobús para quen escolla o primeiro percorrido de 14 km., ou 16 se fan un km., de ida e outro de volta para visitar o faro.
A pista continua ao Cabo Vilán, fronte o cal está o Vilán de Fora e o penedo separado da terra polo paso que chaman O Bufardo.
O anterior faro, do que se poden ver os restos, acendeuse por primeira vez en 1854. Era un faro de cuarto orde alimentado por aceite e cun alcance de dez millas, pero non era capaz de salvar as rochas máis altas do cabo, producíndose unha perigosa zoa de escuridade no lugar onde se sitúan uns baixos rochosos. Dinamitouse a rocha e aumentouse a altura da torre, pero non se puido solucionar o problema do ángulo cego. A traxedia do Serpent, en 1890, e as de outros barcos naufragados por estas costas, puxeron de manifesto ás autoridades españolas da deficiente iluminación do faro e así, en 1896, inaugurábase o faro novo, o primeiro de España que funcionaba con enerxía eléctrica; o que supuxo unha notable melloría para a navegación.
O edificio que alberga aos técnicos está nunha explanada, é de pranta cadrada, con patio interior e dúas alturas. Na pranta baixa hai un pequeno museo onde podemos ver algúns elementos propios da historia do faro. Ten un pasadizo cuberto que o comunica coa torre do faro, de 25 metros de altura, construído sobre rocha a 105 m. Sobre o nivel do mar. Os raios luminosos da súa lanterna, cun alcance de 40 millas, convérteno nun dos máis potentes das nosas costas.
Cabo Vilán é un dos enclaves de maior importancia da provincia para a observación de aves mariñas. Está o arao dos cons (en grave risco de desaparecer), e polo menos 30 parellas de corvo mariño cristado, é tamén un dos poucos lugares onde aniña o paíño común e a gaivota tridáctila. E frecuente observar o paso de migradores como o alcatráz común.
Saímos de Cabo Vilán deixando á nosa dereita a piscifactoría, por carreiros á beira do mar, pásase xunto ao campo de futbol, máis adiante está a ermida da Virxe do Monte, na punta do Costado. Dende esta punta pódese contemplar unha ampla panorámica da ría de Camariñas co santuario da Virxe da Barca de Muxía enfronte. A capela actual foi construída no XVIII sobre as ruínas dunha anterior.
Para chegar a Camariñas, hai que pasar polo porto pesqueiro, un dos máis importantes da zoa, e ver o barómetro que o almirantádego inglés regalou ao pobo de Camariñas polas atencións prestadas tralo naufraxio do Serpent. Por fin na vila haberá que prestarlle atención ao seu famoso encaixe.