06 10 15 Peña Cuyargayos (Sobrescobio e Caso) Asturias

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

SITUACIÓN: Sierra Mermeja (Sobrescobio e Caso) Asturias

PUNTO DE PARTIDA: Agues (Sobrescobio)

ACCESO: A Agues chégase dende a estrada AS – 17  que sobe o porto de Tarna. En Rioseco cóllese a SC – 2, que en 4 km. nos leva ata Agues.

HORARIO: 5/6 horas                        DESNIVEL: 850/950                   DISTANCIA: 14/15 km.

DIFICULTADE:Baixa/Media                 TIPO DE ROTA: Circular            MAPA: I.G.N. 54 - III

 

DESCRICIÓN DA ROTA: O comezo desta andaina sitúase no lugar de Agues (440 m.). Xusto á beira da ponte sobre o río Nozalín, temos que coller un camiño que deixa a dereita a canle do río que de seguida nos leva a aldea de Ladines (625 m.) O itinerario descorre en suave pendente por un camiño encaixado entre muros de pedra que cerran os prados, ata acadar a estrada, xa preto de Ladines.

            Nesta pintoresca aldea, situada na faldra meridional do pico Caón a rota segue a través da praza do pobo tomando inicialmente o camiño da igrexa. Seguimos por pista, primeiro de formigón e logo de terra, para atoparnos co cruce de camiños de Candanu (922 m.) dende onde se divisa unha espléndida panorámica do encoro de Rioseco e das aldeas do entorno, tendo que tomar un desvío cara a dereita que se dirixe a braña de Faidiellu.

            Pasada a braña de Faidiellu, abandonamos o camiño principal e collemos a esquerda un desvío que nos leva a campeira de Les Collaines (940 m.). Agora seguimos polo sendeiro ben marcado, chamado Senda de los Vaqueros, que sobe deixando a dereita as cristas do Xerru Piqueru e a esquerda o Cantu los Rubios. A andaina pasa polo frondoso faiedo do Monte Tornu, desembocando no pequeno cimbro de El Escobiu (1.190m.) para entrar nunha longa pradería con cabanas en ruínas en cuxo remate sitúase o paso de Collau Imblemes (1.201 m.)

            Seguimos un sendeiro de gando que sobe suavemente pola vertente sur oeste das estribacións da pena ata un primeiro cimbro (1.250 m.). Observamos o rumbo a seguir a través do sendeiro, pegado os contrafortes da rocha ata remontar o cimbro (1.290 m.) ,dende o cal, en poucos minutos cunha pequena trepada subimos ó cume da Peña Cuyargayos (1.391 m.)

            Dende este fermoso balcón contemplaremos unha panorámica excepcional observando os lugares de Ladines, Soto, Agues, Rioseco, Villamorey, Campiellos, etc. Cara ó norte temos o pico La Xamoca e o Trigueiro; ó noroeste a Collada de Arnicio e Peña Facéu; o leste, o Maciédome, Peña Ten e Pileñes e o Porto de Tarna; ó sur, o Pico Torres; ó sudoeste, o Retriñón e no oeste o Picu Cuto Cuchu, a Forcada e o Estorbín de Valverde i en primeiro termo a Sierra del Crespón co Cogollu marcando a máxima altura e o val do río Alba situado os nosos pés. 

            Os camiños, tanto se subimos o Cuyargayos como senón, pasan polo Collau Mezquita (1.286 m.) onde comeza un rápido descenso cara a antiga braña de Farriondas (1.184 m.) situada sobra a mesma crista que deslinda Caso de Sobrescobio. Aquí xiramos bruscamente a dereita para baixar por unha forte pendente cara a braña de Feleches (800 m.), cuxas cabanas e prados xa son visibles durante a baixada.

            Xa non queda máis que descender o río Nozalín por un sendeiro entre prados e paredes de pedra, ata o fondo do val, onde atopamos unha pista de formigón que nos leva de novo a Agues, onde comezamos a rota.