07 01 21 Ruta do Silencio (Vilanova de Oscos) Asturias

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

SITUACIÓN: Vilanova de Oscos (Asturias)

PUNTO DE PARTIDA: A Ponte de Penacoba

ACCESO: Á Ponte da Penacoba chégase pola estrada que vai dende a Veiga a Garganta. Dende aquí en dirección Vilanova de Oscos, a dous quilómetros esta o punto de saída.

HORARIO: 6/7 horas               DESNIVEL TOTAL: 650 m.               DISTANCIAS: 18/22 km.

DIFICULTADES: Media - Media/alta   TIPO DE ROTAS: Circulares               MAPA: I.G.N. 25 - IV

 

DESCRICIÓN DA ROTA: Esta rota comeza na Ponte de Penacoba (790 m.) collendo a pista asfaltada que vai a San Cristobal. A un quilómetro e medio temos un cruce (929m.) onde se nos presentan dúas opcións. De fronte a pista baixa directamente a San Cristóbal  (748 m.) por camiño de formigón, a dereita sobe un camiño de terra que vai a Murias e a Sela de Murias. Este camiño é a opción para a xente con máis gañas de marcha. Baixa por sendeiro polas abandonadas Murias e Sela de Murias, para dende aquí dirixirse a San Cristóbal polo medio do bosque.

            En San Cristóbal (748 m.), sitio onde atopamos numerosas mostras de arquitectura popular en estado puro, temos que cruzar pasando preto do cemiterio, lugar dende o cal podemos ver o val do río Ahío polo cal vamos camiñar.

            O sendeiro baixa a través dun fermoso bosque de castiñeiros, carballos e borrachiños, atopándonos con exemplares de todas as idades, acompañados de numerosas corripas, cruzando o regato Telapena e máis abaixo o río Ahío (480 m.)a través dunha ponte de arco con as beiras reparadas. Agora temos un tramo chan pola beira do río que pasa xunto as ruínas dun antigo muíño onde comeza a subida cara a abandonada aldea de Mourelle (580 m.). O camiño pasa por debaixo dunha plantación de piñeiros no medio da cal atópase Mourelle, sitio onde podemos facer unha parada para recuperar folgos, pois o camiño segue en subida ata a Braña Balongo (800 m.).

            A Braña Balongo ten ó fondo, moi por encima do río, uns penedos os que nos podemos achegar para dende alí contemplar as fermosas vistas que nos depara. De fronte as aldeas abandonadas de San Cristóbal, o Picón e a Bobia, no fondo, o val do río Ahío no medio dun espeso bosque.

            Proseguimos en chan por un camiño que vai bordeando o regato do Calvario ou da Valonga para cruzalo pasando unha portiña e despois dunha pequena subida coller unha pista en bo estado que sen desniveis apreciables nos vai levar ata Brusquete (770 m.) Esta é outra aldea abandonada, das moitas que hai nos Oscos, ten algunhas casas en pé e varios trobos. Seguimos a pista que pasa pola parte alta da aldea ata o seu remate onde pasamos outra portiña. A partir de aquí o sendeiro baixa freneticamente, debemos ter coidado de non esvarar, buscando a canle do Ahío (550 m.), pero un pouco antes do río temos un desvío que nos leva, en cinco minutos, a unha fervenza.

            O lugar e verdadeiramente fermoso, onde parece que a man do home nunca cambiou nada, pero as ruínas dun muíño dinos que non foi así. De calquera maneira o sitio faise grandioso, no medio dun bosque de árbores enormes que nos fan sentirnos nun escenario de conto. Cruzamos o río Ahío por unhas pedras e logo máis adiante temos que cruzar outro regato pero xa por unha pontiña de madeira.

            Dende aquí, o camiño vai facendo varias revoltas e vainos levando ata San Cristóbal onde collemos a pista de formigón para volver a Ponte de Penacoba.