07 03 18 Rota do Río Pequeno (O Caurel) Lugo
VER PUNTO DE SAÍDA | VER MAPA DA RUTA | VER GALERÍA DE FOTOS | PDF EN CASTELAN |
SITUACIÓN: O Courel (Lugo)
PUNTO DE PARTIDA: Ferrería Nova de Seoane do Courel
ACCESO: No porto de Pedrafita, cóllese a estrada LU – 634 que vai a Triacastela, pasando polo Cebreiro, no km. 8 xirar a esquerda para coller estrada LU – 651 que vai a Quiroga pasando por Seoane e Folgoso.
HORARIO: 5/6 horas DESNIVEL: 600 m. DISTANCIA: 14 km.
DIFICULTADE: Media TIPO DE ROTA: Circular MAPA: I.G.N. - 157 - I
SINOPSE: Esta rota pasa por algúns dos lugares máis atractivos do Courel;: antigas cabanas, bosques centenarios con raras formas xeolóxicas, vellas ferrerías e centrais eléctricas, asentamentos pre - romanos, miradoiros naturais, fermosas paisaxes que se caracterizan por unha grande diversidade de vexetación, abundantes fervenzas no Río Pequeno no seu accidentado recorrido. Ademais da riqueza etnográfica que nos ofrecen os lugares polos que pasa a rota, conservando na súa maior parte boas mostras de arquitectura popular de montaña.
DESCRICIÓN DA ROTA: Esta rota de sendeirismo, comeza xunto a Ferrería Nova, situada na parte baixa de Seoane do Courel. Para iso temos que cruzar a estrada que vai a Folgoso i enfronte mesmo, atópase o antigo camiño que leva a Mercurín.
Comeza cunha forte subida que se alonga durante quilómetro e medio. A parte baixa do bosque, preto da estrada que vai de Seoane a Mercurín, recibe a denominación tradicional de Val das Mouras. Máis adiante, o camiño perde bastante pendente pasando polo medio dunha importante vexetación de aciñeiras entrando, logo, no souto de Mercurín. Este espeso bosque de castiñeiros e un dos tesouros naturais máis sorprendentes e descoñecidos do Courel.
Esténdese dende Mercurín ata as inmediacións de Ferrería Vella. Despois de atravesar o bosque chegamos a Mercurín, típica aldea de montaña que ben merece unha visita.
Temos que buscar a parte alta da aldea camiñando cara a unha edificación agrícola, nos primeiros metros en chan; a continuación, o camiño xira a esquerda pasando xunto a dous depósitos de auga e comeza unha forte subida. A pendente mantense ata as proximidades do castro de Brío, anque algúns tramos son máis suaves. A vexetación cambia de bosque a monte baixo, con predominio de breixos. Do camiño principal sae un sendeiro case imperceptible, que sobe ata o cume do castro de Brío. A subida é pendente pero merece a pena dadas as panorámicas que se van vendo a medida que se gaña altura.
No alto do castro, aínda poden verse restos de muros e vivendas semicirculares moi diseminadas. En certos lugares hai grandes bloques de pedra que formaban parte da muralla defensiva. Un gran corte lonxitudinal e parello o camiño – de 200 m. de largo, 10 de ancho e 4 de fondo – sinala o emprazamento do foso que facía o castro inaccesible na súa parte máis vulnerable.
A partir de aquí o camiño baixa suavemente por terreo calizo pasando por unha zoa húmida onde se mesturan os fentos e os breixos. O sendeiro segue nun pronunciado descenso e pasa pola base do monte Traslacosta, onde existe unha cova chamada do mesmo modo, cun acceso bastante difícil.
A continuación cruzamos o regato de O Pedregal e a pendente faise máis suave, o sendeiro agora antigo camiño de carro, segue pola beira dos muros dos prados pasando xunto a unhas cabanas, mentres que divisamos de fronte o monte de A Cabeza. De novo entramos noutro souto de vellos castiñeiros e chegamos a un cruce de camiños xa preto do río.
Seguimos de fronte baixando cara ao río o cal atravesamos por unha ponte de madeira, comezando unha empinada pero curta subida ata enlazar co antigo camiño que baixa de Paderne. Seguimos pola dereita comezando a baixar de novo cara ao río, unha ponte de madeira permite cruzar o regato de Miraz, tributario do Río Pequeno, no lugar de Os Cangos.
No seguinte tramo, o camiño sepárase do río Pequeno, que descorre encaixado entre paredes verticais de ata trinta metros de altura. O camiño baixa máis tarde ata preto do río no lugar de Ervillegas. Unha canle de regadío permite acceder dende alí a vella central eléctrica de Miraz, abicada a uns cen metros. Seguindo a camiñada, uns douscentos metros máis adiante, pode verse como o Río Pequeno forma a fervenza do Pozo da Grada, de máis de vinte metros de altura. A rota continua ata chegar as Cabanas da Caseliña, vistoso conxunto etnográfico de quince construccións tradicionais. Máis adiante, o sendeiro cruza o regato Redemuíños e sobe cara a aldea de Vilasivil. Ó chegar a unha bifurcación hai que coller o camiño da dereita; o da esquerda sobe a dita aldea. O ramal baixa ata un grupo de cabanas abandonadas, coñecidas como Cabanas dos Corvos. Seguindo o recorrido aparecen as Cabanas de Carballois, sen dúbida ás máis interesantes de todo o recorrido, feitas con pedra caliza e rodeadas de castiñeiros centenarios. Unha vez pasado este conxunto etnográfico, ó cabo de cinco centos metros, aparece a aldea de O Mazo. De aquí parte un sendeiro que baixa ata antiga ferrería de O Mazo de Vilasivil.
Logo de pasar O Mazo aparece unha bifurcación. Calquera dos camiños vai a Seoane, onde temos que coller no medio da vila o camiño, sinalado nun poste de formigón, que baixa a Ferrería Nova.
Neste lugar está situado, posiblemente, o mazo máis importante e mellor conservado da comarca do Courel.