08 12 21 Dunas de Corrubedo (Corrubedo) A Coruña

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

Parque Natural de Corrubedo

 

            O día 5 de xuño de 1992, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, foi declarado parque natural o complexo dunar de Corrubedo, xunto coas zonas de marismas e lagoas que circundan todo o seu contorno. Oficialmente dáselle o nome de Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, posiblemente para evitar conflitos parroquiais innecesarios, pero a zona sempre será coñecida como Dunas de Corrubedo.

            Rematábase así coa definitiva protección, polo menos sobre o papel, do maior ecosistema dunar do noroeste peninsular, unha zoa historicamente castigada pola cobiza humana en forma de extracción de miles de toneladas de area, que case destrúe o traballo de millóns de anos do vento.

            Ademais da protección das dunas, pola declaración de parque conséguese a protección de un cordón de dunas vexetais dunha riqueza frorística tremenda, unha marisma fundamental para miles de aves emigratorias e incluso dúas lagoas tan próximas como diferentes nos seus biótopos: a de Carregal – de augas salobres rodeada dunha marisma de gran extensión – e a de Vixán – de augas doces franqueadas por un denso carrizal – e toda esta sobresaínte carga ecolóxica en menos de 1.000 hectáreas de superficie.

            Situación

            O Parque Natural sitúase nunha zona de acumulación sedimentaria no extremo da granítica península de O Barbanza, a maior de Galicia, entre as rias de Arousa, ao sur, e a de Muros e Noia, ao norte. O cabo Corrubedo, onde se sitúa a vila que da nome ao espacio natural, constitúe pois o espacio terrestre que separa estas dúas cuncas mariñas.

            Os lindes do Parque Natural comprenden todo o arco areoso que vai dende a praia de A Ladeira, en Corrubedo, ata a área rochosa do cabo Falcoeiro, na parroquia de Carreira, constituíndo unha extensa praia de máis de catro quilómetros.

            Administración

            O Parque Natural está xestionado pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. Atópase integramente no concello de Ribeira, e engloba as parroquias de Corrubedo, Olveira, Artes e Carreira. Estímase que as Dunas de Corrubedo son visitadas por máis de 300.000 persoas tan só non tres meses de verán.

            O clima

             O clima da zoa denomínase oceánico hiperhúmido, xa que a precipitación anual supera os 1.200 milímetros. Un ano normal hai case 130 día de choiva, e o 50 % destes días correspóndense co inverno. Polo que se refire a temperatura, a media ronda os 14,6 ºC, sendo a máxima en xullo, con 20,5 ºC de media, e a mínima en xaneiro, con 9,5 ºC. En Corrubedo non se producen case nunca fenómenos extremos, tales como xeadas ou neve.

            Ademais, unha manifestación atmosférica importante da que hai que falar na zona e o vento. No inverno dominan os do sudoeste e oeste, que habitualmente están relacionados cos temporais. Os ventos da época cálida do ano son, polo contrario, máis moderados, acostumando a soprar do norte e do nordeste.

            Unha zona como esta, que depende tanto de saír ao mar a pescar, as predicións meteorolóxicas son case unha obrigación. Moitos anos de experiencia deron a estas xentes unha sabedoría digna de meteorólogos. Para os máis profanos dicir que na badía é útil observar cara a onde aproan os botes, pois xiran á vez co vento. Si miran ao norte virá bo tempo, si miran ao sur, mal asunto. Cando as olas non son moi grandes, pero o mar ten grandes inchazóns e as gaivotas chegan gritando á terra, e que un temporal en alta mar se dirixe cara a costa. Ditos populares como “vendaval duro, temporal seguro”; “roxo ó mar, bois a labrar; roxo ó monte, bois á corte” ou “sae o sol con barbas, vento ou auga” e unha máxima “cando a Curota ten capota, roupa de auga toca”.

            A hidrografía

            Son poucos os regatos estables, o río Longo, o Sirves e o Sanchanás desembocan na lagoa de O Carregal, mentres que O Vilar, desauga na lagoa do mesmo nome. A lagoa de O Carregal mide unhas 90 hectáreas de superficie, mentres que a de Vixán ten unhas 15 hectáreas.

            A orixe 

            A ondeante serpe areosa percorre o Parque Natural  en dirección sudeste. Máis de un quilómetro de sedimentos que se alzan entre doce e quince metros do chan, que avanzan de maneira imperceptible para nós, arrastrándose continua e lentamente cara ao nordeste porque os ventos predominantes así o esixen.

            A situación xeográfica deste paraxe da costa inflúe tamén nos ventos dominantes. No verán hai ventos moderados do norte ou nordeste, que protexidos pola serra de O Barbanza fará que gocemos dun clima extraordinario. Pero no inverno cambian as cousas. O mar resolla con furia, e os ventos acompañados de tormentas veñen do mar, polo xeral do sudoeste. Estes son os ventos que moven as dunas, empurrándoas cara ao nordeste, sendo os responsables do perfil tendido e repousado con que a duna móbil mira ao mar, perfil que se levanta ata quince metros para logo caer nun pronunciado ángulo, chegando a unha anchura de cerca de trescentos metros. A gran duna, como se coñece, e un novo nome, sendo a denominación dos veciños de Corrubedo a de “monte de area”.

            Os Camiños do Parque

            Cinco itinerarios achegan aos visitantes aos valores naturais, culturais e etnográficos deste espazo natural, que forma unha parte importante do patrimonio natural de Galicia.

            En cada itinerario descríbese brevemente o percorrido e as direccións a seguir; ademais existen pequenas explicacións intercaladas no camiño sobre algún dos aspectos máis salientables.

            No comezo de cada itinerario temos información acerca da súa lonxitude e grao de dificultade, así como unha aproximación do tempo que leva facer o percorrido.

            Camiño do Vento

              O Camiño do Vento será o primeiro contacto da nosa visita co Parque. Este itinerario de case nula dificultade amósanos unha das zoas máis significativas deste espazo natural, os Campos de Olveira e a impresionante duna móbil, que destacan polo seu valor xeomorfolóxico, paisaxístico, botánico e faunístico.

            Comezamos o percorrido por unha pasarela de madeira que hai xunto ao punto de información de Olveira, dende onde temos unha visión xeral do contorno polo que discorre este itinerario. Ao fondo podemos observar a gran duna móbil, que preside a paisaxe nesta parte do parque. Primeiro temos unha extensa pradaría de dunas fixas, que recibe o nome de Campos de Olveira. Continuamos camiñando pola pasarela e, unha vez que cruzamos un pequeno regato, se nos fixamos, podemos ver numerosas aves en constante movemento. De aquí continuamos até a base da duna móbil, tamén coñecida co nome de Montes da Ferreira. Logo volvemos ao punto do comezo pola mesma pasarela rematando así no aparcadoiro onde comeza o percorrido do Río do Mar. 

            Camiño do Río do Mar 

            Este itinerario discorre polo camiño que parte do punto de información de Olveira e permítenos descubrir varias das pegadas do home, que, dende tempos inmemoriais, utilizou os recursos que se atopaban nesta zona, e tamén importantes hábitats do parque natural, como a marisma e a chaira intermareal.

            Ao pouco de comezar o percorrido descubrimos á nosa dereita unha pequena lagoa colonizada por unha vizosa vexetación acuática. Continuamos camiñando deixando a nosa esquerda os camiños que van cara as leiras próximas. Uns metros máis adiante o camiño bifúrcase seguindo polo da dereita. Á altura da bifurcación temos unha boa vista sobre a marisma e a pequena illa de pedras que hai no medio.

            No remate do camiño observamos un grande salgueiro que nos sorprende non só polo seu tamaño, senón polo sitio onde está. Curiosamente, no século XVI existía neste lugar un pequeno bosque de salgueiros que desapareceu ante o avance da duna. Á nosa esquerda atópanse os restos da capa de turba que chega ata a duna móbil e a gran chaira intermareal, onde conflúen as augas doces da lagoa coas salgadas do mar, nunha constante batalla que cada un gaña e perde cada seis horas.

            Dende aquí contemplamos en toda a súa magnitude a illa de Ferreira e o conxunto de pequenas pedras que a rodean. Dende este punto volvemos gozando agora dunha nova vista do camiño, co macizo da serra do Barbanza no horizonte máis afastado. 

            Camiño da Praia

            Este percorrido que discorre polo contorno do centro de visitantes e as pasarelas que o bordean permítenos coñecer algúns dos valores naturais e patrimoniais do parque natural, moitos deles vinculados ao mundo do mar.

            Partindo do Centro de Recepción de Visitantes Casa da Costa a través da pasarela, collemos o camiño que nos leva cara a cafetería polo medio dun piñeiral, constituído fundamentalmente por piñeiro marítimo.

            Continuamos o noso percorrido cara á praia e accedemos á pasarela a carón dunha formación de salgueiros e ameneiros.

            Aquí a paisaxe está dominada, fundamentalmente, por dunas vexetadas sobre as que destacan grandes laxes de granito que ficaron ao descuberto no momento da formación do complexo dunar hai alá máis de 15.000 anos.

            Seguimos pola pasarela despois de deixar outras dúas que saen á nosa esquerda. A medida que camiñamos, pasamos a carón dunha pequena zona húmida asociada ao manancial coñecido como Fonte do Pipín. Nesta fonte era onde antigamente bebían os labradores do contorno cando traías as súas vacas a pacer nesta zona.

            Se nos desviamos pola pasarela da esquerda, podemos ver unha pequena elevación do terreo: o túmulo Pipín.

            Se continuamos pola pasarela, chegamos á parte alta da praia do Vilar, un bo lugar para observar durante o outono e o inverno diversas aves mariñas na abra de Corrubedo.

            Volvemos sobre os nosos pasos e continuamos pola pasarela principal deixando á dereita unha pasarela que, se quixésemos acurtar o percorrido, nos devolvería ao Centro de Recepción. O camiño discorre agora observando un conxunto de dunas vexetadas.

            Seguimos camiñando pola pasarela deixando á nosa dereita un dos desvíos que nos acercan ao centro de interpretación. Baixamos en dirección á praia, mentres contemplamos unha fermosa vista sobre a extensa praia do Vilar, que continúa pola Ladeira ata rematar no pequeno porto de Corrubedo. Máis ao fondo, o faro, que durante moitos anos guiou os barcos coa súa luz vermella (actualmente volve a ter a luz branca orixinal) para evitar o confusión co faro de Sálvora, o que lle deu o sobrenome de “faro comunista”.

             Dende a pasarela chegamos á impresionante praia do Vilar e no mar veremos numerosos barcos pescando.  Unha vez que deixamos a praia, continuamos o noso percorrido pola pasarela e dende ela vemos varias especies de plantas que viven sobre a duna activa. Seguimos pola pasarela ata o seu remate onde collemos á dereita e, despois de atravesar o piñeiral, chegamos ao centro e interpretación     

            Camiño da Gandarela 

            A través deste camiño podemos descubrir o importante papel do mar na orixe e evolución deste espazo natural, a súa influencia na vida da marisma. Tamén podemos camiñar entre uns pequenos retallos do bosque e coñecer algunhas árbores autóctonas do parque natural.

            Partindo do Centro de Recepción de Visitantes, a través da pasarela, tomamos o camiño que descende á dereita a carón do piñeiral ata que entramos na zona de confluencia das dunas vexetadas coa zona de cultivos e, un pouco máis adiante, no final da marisma.

            Unha vez chegados a este punto, e dada a fraxilidade destes hábitats, é moi importante que non nos introduzamos no sistema dunar, polo que volvemos sobre os nosos pasos ata o cruzamento que encontramos ao final dos valados de pedra da esquerda do camiño. Agora tomamos o camiño que parte á esquerda e bordea a zona de cultivos chegando a un punto onde descubrimos un bosquete de árbores autóctonas entre piñeiros. Dende aquí continuamos e tomamos un pequeno carreiro que marcha á dereita entre unha zona de mato e piñeiros, e, despois de pasar unhas laxes, chegamos á estrada. Continuamos pola beirarrúa uns 150 m. e xa nos incorporamos ao camiño peonil que nos levará de volta a Casa da Costa, onde remata esta camiñada.

            Camiño da auga 

Este itinerario descóbrenos a vida que se encontra na importante masa de auga da lagoa de Vixán, os problemas que a súa escaseza lles causa aos seres vivos e tamén o aproveitamento tradicional que o home fixo deste valioso recurso.

            Partindo do aparcadoiro do Vilar, achegámonos até a lagoa de Vixán a través dos Campos de Amendo, e dende este punto regresamos ao lugar de inicio polo conxunto dos  muíños de Amendo.

            Partimos do aparcadoiro e collemos a pista onde se sitúa o cartel de inicio da rota, e bordeamos un pequeno outeiro, deixando á nosa dereita os camiños que se dirixen á zona de dunas. Dende este punto temos unha completa vista sobre a lagoa de Vixán, o cordón dunar e os prados que a rodean.

            Continuamos polo camiño e, a medida que avanzamos, imos tendo unha vista sobre os distintos tipos de formacións de dunas que hai nesta parte do parque natural e que forman o cordón dunar que separa a lagoa da praia.

            Continuamos baixando polo camiño ata que encontramos valados e campos de cultivo, que descenden suavemente ata os campos de Amendo, dedicados ao cultivo de millo e ás pradarías. Dende aquí chegamos ata onde o camiño se cruza co río de Amendo ou do Vilar e que é un dos tributarios da lagoa de Vixán.

            Dende este punto volvemos sobre os nosos pasos ata un desvío á dereita sinalizado como “Muíños de Amendo), que tomamos á dereita e que, despois de discorrer entre zonas de cultivo pechadas por valados, nos leva a Vilariño. Aquí collemos a pista que ao final do lugar parte á dereita, que nos vai levar nun suave descenso ata o río de Amendo ou do Vilar, onde se atopa o conxunto etnográfico dos muíños de Amendo, aínda que hai varios muíños máis que se conservan.

            Despois de visitar estes muíños, regresamos sobre os nosos pasos ata a aldea de Vilariño, pasando á beira dun pequeno bosque de ribeira que protexe as augas deste río. Unha vez na aldea de Vilariño, podemos dar unha volta por ela para coñecer algunhas mostras da arquitectura tradicional que aínda se conservan.

            Continuamos o noso camiño pola pista asfaltada que sae á nosa esquerda. Nunha curva pechada imos ver un pozo tradicional de auga para o gando, que é un hábitat excepcional para numerosos anfibios, como ras e tritóns. Pasado o pozo, internámonos nun camiño tradicional delimitado por valados de pedra que separan os distintos campos de cultivo.

            O camiño lévanos de volta ao aparcadoiro do Vilar.