22 10 15 DO PORTO DE TARNA A PENDONES
PUNTO DE SAÍDA | GALERÍA DE FOTOS | PDF CASTELÁN | MAPA PARA IMPRIMIR |
SITUACIÓN: Caso (Asturias)
PUNTO DE PARTIDA: Porto de Tarna (1.487 m)
ACCESO: Pola AS – 117
HORARIO: 4/5 horas DESNIVEL: 475 m de subidas / 1.300 m de baixadas
DISTANCIA: 14 km DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Travesía
COTA MÍNIMA: Río Pendones (750 m) COTA MÁXIMA: Pico Abedular (1.817 m)
MAPA: I.G.N. – 79 – II
SINOPSE: O Parque Natural de Redes atópase no sector da montaña centro-oriental e comprende os concellos de Caso e Sobrescobio, pertencentes á Comarca del Nalón. Este territorio de grandes valores patrimoniais ten o título de Reserva Natural e tamén de Reserva da Biosfera.
Os seus impresionantes bosques, a natureza virxe e a pouca manipulación humana fan deste lugar un sitio para a práctica do sendeirismo inmellorable cun número incalculable de opcións para camiñar.
Nesta superficie de 376 km cadrados caracterízase por unha orografía de media e alta montaña de rocha caliza, bosque atlántico e praderías no fondo dos vales. A cota mínima do parque está sobre os 400 m sobre o nivel do mar e a máxima está no Pico Torres con 2.104 m. O outono é unha estación ideal para perderse nestes bosques cunha gama de cores infinita.
DESCRICIÓN DA RUTA: Esta camiñada parte do Porto de Tarna (1.487 m) camiñando pola estrada da vertente leonesa uns douscentos metros. Alí aparece unha pista á man esquerda pola que vamos remontando as abas cubertas de vexetación baixa do pico Abedular.
Logo do primeiro quilómetro desde a saída, abandonamos esta pista pola esquerda para seguir un carreiro, moi desdebuxado, que fai de deslinde entre Asturias e Léon. O carreiro vai preto dos arames acadando o cimbro Filispardi ou Cotalbo (1.751 m). Desde aquí o carreiro segue en chan cara ao Collado Llagu (1.676 m); pero, tamén podemos subir pola ladeira ata o cume do Abedular (1.816 m) e baixar desde aquí ao Collado Llagu.
O pico El Abedular fai de divisoria dos concellos de Caso e Ponga en Asturias e o de Acebedo de León. A partir de aquí camiñamos polo Cordal de Ponga e Caso, que vai rumbo norte seguindo a cumieira que tamén parte as cuncas do Nalón e Sella.
Unha vez no Collado Llagu (1.675 m) seguimos o camiño cara a Collada Forcada (1.734 m) e por senda lateral ó Montoviu (1.755 m), tamén se pode subir a este cume, para chegar ao seguinte Collado Teixidiellu (1.536 m).
Estamos agora no Cordal de la Salguerosa, alargada lomba cuberta de faial polo cume e vertentes, aclarándose axiña na fermosa campeira da Majada de la Bolera (1.540 m) cunha cabana en ruínas. O carreiro, algo difuso, segue con algunhas marcas de pintura que nos levan á base da Peña El Cueto ou Alto Paso (1.562 m) que distinguimos polas súa brancas paredes que saen entre o bosque.
Chegamos ao Collado Cambiteros (1.512 m), lugar de tránsito entre Tarna e Ventaniella. Aquí xiramos á esquerda, cara á vertente de Caso onde o carreiro faise máis visible, atravesamos o rego Pareu e un bebedeiro pasando unha zona de prados onde existe unha sinal. Pola esquerda sae unha pista que vai a Tarna pero o noso camiño segue de fronte ata o aberto Collado de El Paréu (1.434 m).
Temos que estar atentos neste punto onde deixamos un claro camiño que segue de fronte para xirar á dereita, subir uns metros, e enseguida entramos no faial.
A partir de aquí temos marcas brancas e roxas que deberemos seguir e tamén bastantes fitos de pedras. Baixamos polo fermoso monte Castrillón con faias grandes e vellas, con forte pendente e esvaradío no caso de estar mollado; para saír á Vega Baxiu, unha fermosa e coidada braña con algunha cabana restarurada. Agora o camiño que resta é por unha cómoda pista que cruza o regato Corralín e a Vega de Riba e seguindo esta pista chegamos a Pendones.
Tramo alternativo
Esta opción parte do porto de Tarna por camiño paralelo á estrada que baixa a Tarna pobo. A pouco de comezar aparece a famosa fonte La Nalona, que como o seu nome indica é o nacemento do río máis longo de Asturias, o Nalón.
Seguimos camiñando preto da estrada, para chegar a unha zona de prados onde temos que xirar á dereita e cruzar a estrada para subir por unha pequena pradería cunha cabana en ruínas. Pasamos xunto a ela para coller un carreiro que xira ao norte no primeiro tramo ata chegar a carón duns penedos (1.599 m), lugar onde cambia a dirección leste. Este camiño, esbrozado vai levarnos sen perda algunha ao Collado Llagu (1.675 m), onde entronca con a ruta que baixa do pico Abedular.