13 03 28 Pico El Paisano (Ribadedeva e Peñamellera Baja) Asturias

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN

 

(Noriega – Pico el Paisano – Panes) 

SITUACIÓN: Ribadedeva e Peñamellera Baja (Asturias)

PUNTO DE PARTIDA: Noriega (90 m)

ACCESO: Dende a N – 634, a altura de La Peral, collemos cara a RD3 en dirección a estrada AS – 343.

HORARIO: 5/6 h                   DESNIVÉIS: Subida: 840 m / Baixada:900 m                            

DISTANCIA:17 km               DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Travesía                                

MAPA: I.G.N. – 32 IV

SINOPSE: O longo e alto cordal do Cuera, cuxo cume máis alto é o Pico Turbina (1.315 m). alóngase polo leste ata o río Deva, nos límites de Cantabria, separando a costa asturiana de Llanes e Ribadedeva do val de Peñamellera.

             A serra vai perdendo altura cara ao leste, se ben conserva todas as características do sector central do Cuera, con unha meseta culminante batuxada de buratos e brañas e ladeira moi pendentes. O cume máis rechamante deste sector oriental do cordal é o chamado Pico El Paisano de 804 m.

            Neste cume ubícase dende 1960 unha pequena capela adicada a San Antonio, a denominación do pico e a existencia da capela débese a un paisano veciño do lugar de Abándames (Peñamellera Baja), que como tantos outros emigrou a América levándose o recordo de estas montañas. A súa volta, este indiano sufragou a construción da capela en cumprimento dunha promesa feita entre a vida e a morte.

            Xunto a capela, agora bastante abandonada, existe unha placa en memoria dos paisanos emigrantes e indiano que di: “En memoria a todos los emigrantes de estos valles. ¡Vivan nuestros paisanos ! ¡Vivan nuestros indianos! ¡Vivan! 1492 – 1992”.

            Aos pés da serra esténdese o val de Ribadedeva, delimitado ao norte polo mar, ao este polo río Deva, que serve de fronteira con Cantabria, e ao oeste polo río Cabra, tras o cal se sitúa o Valle Oscuro, pertencente ao concello de Llanes.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: A camiñada comeza en Noriega (90m), antiga capital de Ribadedeva. Temos que coller seguindo a estrada que leva a Boquerizo uns oitocentos metros, ata o barrio de Pereda (105 m) onde collemos un desvío á esquerda por pista de formigón que remata xunto á casa de La Encina, na braña de La Teja (125 m).

            A partir de aquí o camiño faise máis pendente chegando a unha cancela que cerra o paso do gando. Axiña ganamos altura polas abas da serra tendo que cruzar, pouco despois, unha ponte sobre o río La Garma (170 m) seguindo por zona boscosa, logo da cal o camiño fai un zigzag pasando xunto as cabanas de El Fresnu (210 m). A este lugar chega un camiño que ven de La Argañosa, onde se collerá o ramal da esquerda, que de seguida chega as cabanas de El Sel (230 m). A estreita pista vólvese pedregosa e comeza a ganar altura cara a serra de El Cuera.

            A subida continúa pasando pola zona de praderías de El Acebal (340 m), onde se poden ver varias cabanas no medio de prados zarrados con paredes. Seguimos collendo altura pola ladeira da serra mediante uns zigzags, despois dos cales chegamos a unha bifurcación (460 m). O camiño da esquerda baixa cara a Alevia, que collerán aquelas persoas que non queiran subir ao Pico El Paisano

            Seguindo pola ancha pista e tras un cimbro (541 m) continuamos subindo para chegar as abandonadas instalacións das antigas Minas El Pilar (572 m). Estas minas de ferro e manganeso, foron pechadas a finais dos anos sesenta, e tiveron bastante actividade chegando a traballar nelas uns 70 mineiros. Aínda se poden ver os restos da antiga mina, quedando a caseta do transformador, o depósito de auga e unha especie de torva, ademais dos pozos de extracción do mineral. Á dereita da pista, existe un bebedeiro e un grande charco.

            Pouco despois chegamos a outra bifurcación preta dunha ruinosa cabana. O camiño da esquerda leva a Alevia, polo que seguiremos pola dereita entre fincas cerradas con muros de pedra e cabanas en ruínas.

            Pasamos polo Collado de los Gamones (605 m), seguindo entre os cercados das brañas, sendo este un tramo un pouco difuso, que seguiremos cara ao oeste contemplando entre algún cimbro que queda á esquerda o Picu Urriellu.

            Pouco despois temos dúas bifurcacións seguidas. Seguiremos pola esquerda  na primeira e pola dereita na segunda, divisando pouco despois o pico Muniaco (689 m), recoñecible polas antenas e unha caseta abicada do seu cume.

            O camiño vai cara a este cume, pasando xunto a varios prados cercados e cabanas en ruínas. Ao chegar ao pé do pico, o camiño rodea pola dereita (N) baixando un pouco, momento en que divisamos de fronte o Pico El Paisano (804 m), coroado por unha capela.

            Co cume en referencia continuamos entre cabanas atravesando un prado que pertence a Braña La Pipa (640 m), situada na mesma base do pico.

            Esta braña está formada por un grupo de cabanas, algunhas delas en estado ruinoso, e pequenas fincas cerradas con muros de pedras. Dende aquí solo nos quedan 170 m de desnivel, subindo mellor polo lado norte. Primeiro seguimos un camiño que ascende suavemente na base da ladeira, para despois seguir subindo en pronunciado zigzag con trazas de sendeiro chegando ao cume sen máis problemas.

            O cume do Pico El Paisano (804 m) esta ocupado por unha capela en honra a San Antonio. As vistas que nos amosa son realmente boas: ao norte esténdese o Valle Oscuro (Llanes) a case totalidade do concello de Ribadedeva e o mar, dominándose toda a costa occidental de Cantabria; polo leste a vista alcanza ata as montañas pasiegas e Peña Sagra; cara ao sur podemos ver os tres macizos de Picos de Europa cos seu estribamentos, destacando o Picu Urriellu; ao oeste levántanse os cumes do Cuera, destacando Cabeza Torbina, sendo a vista especialmente aérea cara ao val de Peñamellera onde podemos ver a Pica de Peñamellera; ao sur e sur leste o pico de Peñamellera.

            A baixada podemos facela de fronte pola lomba nordeste ata atopar o camiño na base, polo que comezamos a subida, seguindo despois o mesmo itinerario ata a bifurcación das Minas de El Pilar. Unha vez aquí, collemos o ramal da dereita que, por pista nos leva ata o cimbro chamado La Escalá (577 m), por onde se baixaba o mineral ata o cargadeiro.

            Neste lugar temos boas vistas da outra vertente do Cuera, xa que se domina o desnivel existente ata o fondo do val, onde na ampla veiga bañada polo río DevaCares se asenta a aldea de Alevia.

            Unha vez cruzado os arames que cerran o cimbro, collemos un sendeiro ben marcado, facendo varios zigzags no seu comezo, escavado na rocha e bordeando pola esquerda a muralla de Peña de la Espina, para despois continuar pola ladeira, por camiño estreito pero cómodo, por riba do cal é todo serra e por debaixo comezan as praderías de Alevia.

            Xa preto deste lugar, atópase unha pista na que seguiremos de fronte, para atravesar un bosque e chegar a pista que dende Noriega vai ata Alevia, preto do cemiterio, acadando as primeiras casas, unha das cales posúe un orixinal lavadoiro.

         A aldea de Alevia (330 m) está situada na vertente meridional da serra de El Cuera, na faldra do pico Llueres (706 m), dominando dende a súa estratéxica situación todo o val de Peñamellera.