26 08 22 DA XESTA A MONDOÑEDO

 

PUNTO DE SAÍDA TRAZADO DA RUTA GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN

 

SITUACIÓN: Abadín e Mondoñedo (Lugo)

PUNTO DE PARTIDA: Área de servizo do Rei das Tartas (530 m)

ACCESO: Desde a autoestrada A-8 collendo a saída 552

HORARIO: 5/6 h                DESNIVEL: 500 m de subidas / 1.000 m de baixadas                       

DISTANCIA: 17 km            DIFICULTADE: Media       TIPO DE RUTA: Travesía

COTA MÍNIMA: Rúa San Roque - Mondoñedo (125 m)                

COTA MÁXIMA: Alto do Fiouco (698 m)

MAPAS: I.G.N. – 24 – I - III 

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Comezamos a andaina na área de servizo collendo o Camiño de Santiago en dirección contraria. Este camiño baixa lixeiramente facendo dous zigzags ata a canteira de mármore de Lousada, lugar onde deixamos o Camiño de Santiago para xirar á dereita e comezar a subir por monte autóctono. Xunto á fervenza de Augas Santas cruzamos o rego de Muras e seguimos por carreiro ata as ruínas de San Cosme Vello, que rodeamos pegados as paredes e deixándoo á nosa dereita.

            Un pouco máis arriba, o camiño xira á esquerda dando vista á fervenza de Muras para chegar á estrada asfaltada de Samordas que cruzamos recto cara ao muíño eléctrico de temos enfronte. Agora seguimos a pista do parque eólico que se achega a autoestrada desviándonos un pouco máis adiante para pasar xunto á Pena Furada. Camiñamos agora monte a través desde onde temos unhas espectaculares vistas do val de Mondoñedo.

            O camiño agora achégase á autoestrada pasando por debaixo do viaduto pero sen cruzar a estrada xa que o próximo que imos visitar é o Alto do Fiouco, punto máis alto deste percorrido. A partir de aquí, xiramos á esquerda para comezar a baixar pola zona central desta lomba ata que máis abaixo aparece un carreiro que collemos cara á esquerda.

            Máis abaixo, xunto ao monte as Peneliñas, temos  un camiño que collemos á dereita ata as plantacións de eucaliptos onde collemos á esquerda cruzando uns arames para baixar cara á Valiña. Máis abaixo cruzamos de novo os arames e seguimos de fronte un anaco xa que máis abaixo temos que xirar á dereita para coller o camiño da Valiña. Cruzamos polo medio do barrio ata o final do mesmo onde deixamos a pista de acceso a este núcleo e collemos á dereita seguindo a pista que baixa á casa da Pradela que deixamos á nosa esquerda.

            Na seguinte curva a pista xira á esquerda pero nós collemos un ramal que sae pola dereita. Temos unha indicación da ruta da auga que seguimos para cruzar o rego de Valiñadares pola ponte da Puxiga  para entrar pouco despois no barrio de Pacios. Aquí a ruta segue entre un cabazo e unha casa onde podemos ver unha sinal amarela e branca na cepa da escaleira do cabazo.

            O camiño agora sobe e segue ata a casa da Ribeira onde cruzamos unha cancela para pasar pouco despois o barrio de O Vilar, que deixaremos á nosa esquerda. Agora baixamos polo monte pasando xunto a unha corripa para chegar de novo ao río de Valiñadares, onde existen as ruínas dun muíño, cruzamos a ponte de Supena e seguimos cara a este núcleo ata un cruce de camiños onde hai uns indicadores.

            Seguimos de novo a Ruta da Auga un anaco xa que axiña o abandonamos collendo nunha bifurcación o ramal da dereita chamado o Camiño das Sete Voltas. Máis adiante saímos a pista da Ruta da Auga, onde hai un cartel informativo, collemos á esquerda e por un carreiro  ata un cruce onde collemos á dereita nun tramo de ida e volta ata a fervenza de O Coro.

            De volta, seguimos o camiño que vai xirando á esquerda cara á Louseira onde cruzamos de novo o rego de Valiñadares e seguimos a pista que baixa á Casería desviándonos xunto as casas á esquerda que cruza en diagonal a pista seguindo por riba do barrio de Os Muíños bordeando O Palomar para entrar pouco despois en Mondoñedo na rúa de San Roque.