11 04 23 Pico San Millán e Fervenzas do Altuzarra (Valle Urbión) Burgos

VER PUNTO DE SAÍDA VER TRAZADO DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELÁN

 

SITUACIÓN: O cume do San Millán fai de divisoria entre os concellos de Santa Cruz del Valle Urbión, Barbadillo de Herreros e Pineda de la Sierra (Burgos)

PUNTO DE PARTIDA: Santa Cruz del Valle Urbión (975 m) 

ACCESO: Dende Burgos pola estrada  N – 120 ata Ibeas de Juarros e logo pola BU – P - 8101. Distancia dende Burgos 45 km.                             

HORARIO: 6/7 horas                   DESNIVEL:1.156 m                     DISTANCIA: 14 km            

DIFICULTADE: Alta                     TIPO DE RUTA: Ida e volta      

MAPAS: I.G.N. – 239 – II – IV 

SINOPSE: Itinerario do máis interesante do lugar, relativamente duro, debido ao desnivel a superar, bastante forte en algunhas zonas e rompe pernas. No último tramo da crista, temos unha zona exposta de obrigado uso de crampóns e piolet en caso de neve. 

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Saímos do aparcadoiro de Zarcia (1.044 m) cruzando pola ponte o río Urbión. Chegamos a unha bifurcación onde collemos o camiño da esquerda que ten unha indicación a San Millán polo río Urbión, acompañados por poboación de salgueiros pasamos a Loma de Vallegorría. Deixamos outro sendeiro á nosa dereita mentres que vemos o freixo como árbore abundante do lugar.

            Así, camiñando xunto ao río, chegamos a Tres Aguas, sitio onde conflúen os regos Andurla, Abanza e Urbión. Temos que atravesar o río deixando unha caseta a un lado onde o camiño pasa a ser sendeiro. Seguimos polo fondo do val cara a Río Mayor para cruzar dúas pontes máis, empinándose a subida ata chegar a cabana refuxio de Guarra.

            Despois dun descanso, continuamos a subida polo barranco de Itúrbero polo medio dun faial ata que o sendeiro cruza o río. A partir deste lugar o camiño faise confuso en tramos tendo que atravesar o río en varias ocasións, seguindo algúns fitos e con coidado de non esvarar nas rochas molladas.

            Cambiamos de beira deixando agora o río á nosa dereita por un sendeiro que nos deposita na cabana de El Palancar introducíndonos polo barranco de La Tejera, superando unha forte pendente polo medio dun faial onde cruzamos de novo o río.

            Aparece o circo glaciar da cara norte do San Millán, onde existe outra cabana e unha fermosa fervenza. Seguimos os montóns de pedras que nos serven de guía na subida pasando xunto a unha poza para acceder a liña do cordal.

            Así chegamos ao cume de San Millán (2.131 m), o máis alto de Burgos dende o que temos unha boa vista de toda a Serra de la Demanda e da maioría das terras da provincia.

            Comezamos a baixada volvendo ao cimbro cara ao pico Trigaza pasando polo cimbro Flecho e así acadamos Sierra Llana (1.983 m), onde xiramos á dereita para baixar pola lomba ata chegar a un chan onde seguiremos pola esquerda en dirección a cabana da braña de Los Carneros (1.600 m).

            Por sendeiro claro, descendemos a braña Garrula (1.500 m) chegando a unha bifurcación onde collemos o sendeiro da dereita para ir as fervenzas de Altuzarra atravesando un piñeiral.    

            O camiño está sinalizado con marcas color laranxa que nos levan ao leito do río pasando pola impresionante fervenza Doble Salto de 34 metros de altura. Seguimos baixando a carón do río, tendo que tomar as debidas precaucións para chegar a fervenza de Salto Medio, esta de 28 metros. Máis abaixo, temos a derradeira fervenza, Salto Chico de 12 metros, seguindo xunto ao río ata o cartel das fervenzas, onde cruzamos á vertente esquerda do río collendo un sendeiro polo medio dun piñeiral en moderada baixada.

            Chegamos a un outeiro dende o que se ve o val e o camiño se debruza para baixar ao fondo do val. Unha vez no camiño de ida, seguimos curso abaixo ata o lugar da saída.