26 06 20 CABO TOURIÑÁN - PRAIA DO ROSTRO
PUNTO DE SAÍDA | TRAZADO DA RUTA | GALERÍA DE FOTOS | PDF CASTELÁN |
SITUACIÓN: Muxía e Cee (A Coruña)
PUNTO DE PARTIDA: Faro de Touriñán (50 m)
ACCESO: Polas autoestradas A – 8 e A – 6 ata Arteixo. Logo pola AG – 55. Logo collemos a AC – 552 ata Berdoias, logo pola CP – 3403 dirección Touriñán
HORARIO: 4/5 horas DESNIVEL: DISTANCIA: 13 km
DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Travesía
COTA MÍNIMA: Varias (5 m) COTA MÁXIMA: Monte da Poza (100 m)
MAPAS: I.G.N. – 67 – IV – 92 – II
DESCRICIÓN DA RUTA: Esta etapa parte do miradoiro de Touriñán pola estrada que pasa pola aldea de Talón, e a praia de Nemiña que percorremos lonxitudinalmente ata chegar á desembocadura da Ría de Lires, a máis pequena de Galicia que é un paraíso ornitolóxico. Par chegar ao outro lado da praia de Lires temos dúas opcións: dar toda a volta e pasar por Lires ou cruzar a ría, cousa que só poderemos facer con marea baixa e durante un par de horas.
No caso de bordear, vamos río arriba para cruzar pola ponte de Vaosilveiro, chegamos a Lires, unha fermosa aldea pasando entre hórreos e casas rurais restauradas sendo esta a última poboación ata Fisterra.
En Lires temos a igrexa de Santo Estevo que foi construída no século XVII sobre os restos dunha anterior.
Desde a ponte parte o Camiño de Santiago pola esquerda, pero nós continuamos por O Camiño dos Faros, polo cemiterio á dereita para descubrir este paraíso natural que é a Ría de Lires. Esta ría formada na desembocadura o río Castro na praia de Nemiña é a máis pequena de Galicia. Desde a ponte comezamos o cómodo paseo entre as sombras das árbores pasando fronte á piscifactoría e saíndo á Praia de Lires, un cativo areal formando neste lado da ría.
Desde este lugar, un miradoiro natural, vemos a praia de Nemiña a duna cuberta de vexetación e toda a desembocadura e se fora o caso, unha das mellores postas de sol da Costa da Morte.
Desde a Praia de Lires á Praia do Rosto, o camiño ten un tramo no que se mete onde vamos a ver o litoral de Canosa, antigamente chamado Ribeira de Calvoa, con os cantís de Punta Lagoa e a Mexadoira como principais protagonistas. Este é un tramo complicado de camiño onde non debemos meternos en condicións de chuvia forte ou vento. Saímos do carreiro ancho de terra que parte da praia e chegamos as calas de Area Pequena e Area Grande.
Aquí comeza unha subida curta pero intensa, que nos levará a unha altura desde a que contemplamos o que imos deixando atrás. Ao chegar a Punta Lagoa baixamos a ver os cantís desde as alturas tendo vistas tamén do Petón Vermello e Punta Besugueira coa Praia do Rostro ao fondo.
O carreiro vai de novo cara ao interior saíndo dos cantís de Punta Lagoa, agora máis ancho, mentres camiñamos a cen metros sobre o nivel do mar. Así chegamos á Punta Mixirica, comezo dos cantís da Mexadoira, que atravesamos en fila de un, debido a caída vertical dos cantís que temos á nosa dereita. Ao remate do cantil, un regato que baixa do monte cae nos bolouros da costa formando unha pequena fervenza outra vez nun tramo salvaxe é único do Camiño dos Faros.
Saímos da Mexadoira desde onde vemos a inmensidade da Praia do Rostro á que chegamos en poucos minutos. Esta praia é outra marabilla salvaxe da Costa da Morte de case dous quilómetros de larga, aberta ao Océano Atlántico e formando un extenso sistema de dunas con alturas importantes e cheas de vexetación.
Aquí damos por finalizada esta etapa xunto ao chiringuito La Ola.