26 05 16 COLLADA LLOMENA - PEÑA SALÓN - SENDA VIBOLINA - CAMÍN DE VERGANZA
| PUNTO DE SAÍDA | TRAZADO DA RUTA | GALERÍA DE FOTOS | PDF CASTELÁN |
SITUACIÓN: Ponga (Asturias)
PUNTO DE PARTIDA: Collada LLomena (998 m)
ACCESO: Desde Cangas de Onís pola estrada N-625 ata Puente Vidosa. Aquí seguir pola PO-2 que vai a San Juan de Beleño.
HORARIO: 5/6 h DESNIVEIS: 545 m de subidas / 1.200 m de baixadas
DISTANCIA: 14 km DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Travesía
COTA MÍNIMA: Puente La Huera (340 m) COTA MÁXIMA: Peña Salón (1.245 m)
MAPA: I.G.N. 55 – III
SINOPSE: Os desniveis de subida desta ruta son moi sinxelos, non así a baixada onde teremos que esforzarnos en varios tramos e mirar onde poñemos os pés.
Camiñada fermosa onde as haxa que pasa pola Majada de Les Bedules e achégase ao Bosque de Peloño. As vistas desde o modesto cume de Peña Salón son impagables así como o paso pola aérea Senda de la Peña ou Vibolina. Por este incrible carreiro accedían os pastores de Viboli cos seus rabaños aos prados e brañas de Tuba e Llacio, así como as aldeas veciñas de Casielles, Caviella e Biamón.
DESCRICIÓN DA RUTA: Na Collada Llomena (998 m) sae un camiño cara ao norte que vai ao pico Pierzu e outro en dirección sur que vai á Les Bedules. Collemos este último accesible ás cadeiras de rodas. Camiñamos polo monte de La Cerra subindo suavemente ata o outeiro do mesmo nome (1.060 m.), pasamos xunto á Majada El Fontricu e logo dun tramo chan chegamos a unha bifurcación á entrada da Majada de Les Bedules (1.085 m). Nestes primeiros 2 km. temos varios puntos que ofrecen moi boas panorámicas: podemos ver a Peña de Taranes, o Tiatordos o Recuencu e moitos cumes dos Picos de Europa.
Agora a pista segue por debaixo das cabanas de Les Bedules en fácil subida ata o cruce de La Biforcadera (1.200 m) onde collemos un ramal á esquerda que baixa a un cruce xunto a unha cabana (1.094 m). Seguimos o camiño do medio subindo polo prado un pequeno tramo para despois comezar a baixar cara ao cruce de camiños de Collado Baxeñu (1.034 m.).
Neste cruzamento de camiños, o da esquerda baixa a Viego, o da dereita a Viboli e de fronte, o que seguimos, sae o Camín del LLaciu que leva a Casielles, facendo varios zigzags en subida a través da Foz de la Güérgola. Unha vez superado este empedrado paso, na parte superior collemos un carreiro á esquerda que atravesa monte raso ata o cume de Peña Salón.
Retomamos o camiño de volta baixando por onde subimos ata o Collado Baxeñu, onde nos diriximos cara ao sur collendo un camiño que baixa á aldea de Viboli. Pasamos xunto ao cemiterio e axiña aparecen as casas de Viboli Alto (750 m). Neste lugar temos dúas opcións, a Senda de La Peña ou seguir a pista que de acceso desta aldea que nos levará ata Puente La Huera pasando pola Foz de Cándanu e a Foz de La Escalera, por pista asfaltada pero con nulo tráfico.
Seguindo a opción da Senda de La Peña, en Viboli Alto collemos cara ao leste, sen camiño definido no seu comezo onde transitamos entre paredes e prados ata que despois de pasar un pedreiro aparece o carreiro tallado na rocha que nos levará sen perda algunha. O camiño é aéreo polo tanto desaconsellable no caso de chuvia ou vento forte, xa que unha caída neste lugar terá consecuencias imprevisibles.
Percorremos este entretido tramo, onde os pasos máis expostos están asegurados cunha cadea, preto do seu remate o camiño pasa xunto á entrada dunha cova e despois de pasar un curto tramo aéreo despois da cova, desemboca na braña de Tuba (880 m), agora xa sen perigo.
Atravesamos este lugar, cara ao norte, entre cabanas de pastores de Llaciu xirando máis adiante ao leste para atravesar unha serra rochosa e dar vista ao lugar de Casielles. O camiño lévanos á parte superior do lugar onde se sitúa a igrexa (806 m).
Xunto á igrexa arranca unha pista en dirección norte que leva a Caviella e Biamón. Logo de camiñar uns 300 m aparece unha bifurcación á dereita pola que temos que baixar. De fronte aparece unha casa que deixamos á dereita internándonos no bosque onde se asenta esta aldea abandonada de Caviella (680 m). O camiño baixa facendo revoltas ata cruzar un rego, despexándose máis adiante da frondosidade do bosque e amosando unha panorámicas espléndidas tanto do desfiladeiro de Los Beyos no fondo como a serra de enfronte presidida polo cume do Jucantu.
O camiño segue en baixada facendo varios zigzags ata entroncar coa estrada que sobe ao porto de El Pontón. Unha vez na estrada seguimos por ela, uns 800 m, ata Puente la Huera onde remata esta travesía.
