25 09 18 ESPELZIA, DOMINGO PEDRO, EL GITANO E CACHIPURRI POLO BARRANCO ORTIGAL

 

PUNTO DE SAÍDA TRAZADO DA RUTA GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN MAPA PARA IMPRIMIR

 

SITUACIÓN: Serra da Demanda (Ezcaray) A Rioxa

PUNTO DE PARTIDA: O punto de partida sitúase na estrada comarcal que vai de Ezcaray á Cruz da Demanda. Logo de pasar Posadas, a 1.5 km hai unha curva pechada á dereita onde parte esta camiñada.

ACCESO: Desde Ezcaray pola estrada LR - 415

HORARIO: 5/6 h                           DESNIVEL:  1.200 m                     DISTANCIA: 17 km

DIFICULTADE: Media                   TIPO DE RUTA: Ida e volta / circular

COTA MÍNIMA: Punto de saída (1.050 m)         COTA MÁXIMA: El Gitano (2.041 m)

MAPAS: I.G.N. - 240 – III – IV

SINOPSE: Os cumes que imos percorre están situados no cordal principal da Serra da Demanda onde se atopan as maiores alturas desta serra. Este cordal vai desde o cume do San Lorenzo, teito da serra, cara ao sur este onde hai infinidade de cumes, entre eles os que imos visitar hoxe.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Comezamos na curva de ferradura do rego Ortigal (1.050 m) seguindo a pista que sobe suavemente entre o bosque e o rego Ortigal. Camiñamos pola marxe esquerda orográfica do rego que non temos que cruzar nunca durante a subida. Cando chegamos a un punto en que se bifurca o val, temos que deixar o rego Ortigal logo de camiñar 1,7 km e situarnos na altura de 1.193 m.

            Seguimos paralelo ao rego afluente do Ortigal camiñando pola pista, agora con forte pendente, por este estreito val, onde podemos ver fermosas fervenzas, ata que remata a pista logo de 4 km de andaina (1.626 m).

            Así chegamos á ampla cabeceira deste regato seguindo por carreiro que axiña sae do bosque. Agora imos por zonas de herba e breixos polo carreiro con forte pendente que nos leva a un circo de orixe glaciar (1.805 m). Camiñamos polo terreo que forma a cunca deste circo para seguir por un carreiro esvaecido ata a parte superior situada no Portillo Necuta (1.929 m) despois de cinco quilómetros e medio de andaina.

            O cume do Necutia (2.029 m) queda á nosa dereita pero seguimos á esquerda por unha pista que axiña temos que deixar para coller a ladeira oeste do Espelzia seguindo por esta ancha aresta ata o primeiro cume do día, o Espelzia (2.001 m).

            Este non é un cume moi alto pero en cambio, as vistas son enormes. Ao noroeste continúa o corda ata o pico San Millán, Trigaza, Campos Blancos e Torocuervo. Polo norte temos os montes Obarenes, polo leste segue o extenso cordal da serra da Demanda. Polo sur podemos ver a serra de Urbión e a serra de Cebollera, e ao sur oeste a serra de Neila.

            Baixamos pola ladeira oposta ata a pista pola que seguimos ata chegar á vertical do cume Domingo Pedro. Para iso deixamos a pista e subimos pola ancha aresta ata chegar ao cume (1.958 m). Baixamos polo cordal en dirección leste de novo ata a pista, seguindo por ela deixando o Cachipurri á esquerda ata un outeiro situado entre este e o Gitano. Aquí deixamos a pista para subir á dereita por carreiro pouco definido ata o cume do Gitano (2.041 m).

            Baixamos ata a pista polo mesmo carreiro que subimos, cruzámola en diagonal para subir pola aresta, algo estreita e pendente ata o cume do Cachipurri (2.023 m). Esta é o derradeiro cume desta xornada, que aínda que secundario destaca pola súa prominencia. Para baixar seguimos polo cordal, agora en dirección norte polo longo cordal ata chegar a un outeiro pouco antes do cume Parlacia onde deixamos o cordal polo que xiramos á esquerda por unha pista que baixa facendo amplos zigzags ata acadar o leito do rego Ortigal. Cruzamos o rego por unha ponte e seguimos pola pista

que nos leva a confluencia do rego secundario e o Ortigal. Desde este punto baixamos polo camiño de subida ata o punto de saída