25 12 20 AS BARRANCAS DE SANTALLA
PUNTO DE SAÍDA | TRAZADO DA RUTA | GALERÍA DE FOTOS | PDF CASTELÁN | MAPA PARA IMPRIMIR |
SITUACIÓN: Priaranza del Bierzo e Borrenes (León) Pequenos tramos por Ponferrada e Carracedelo
PUNTO DE PARTIDA: Aparcadoiro do castelo de Cornatel (794 m)
ACCESO: Dende a A – 6 coller a saída de Carrecedelo seguindo pola N – VI ata seguir pola N – 536 en dirección ao Barco, logo coller a saída a Villavieja seguindo por ela ata o aparcadoiro do castelo
HORARIO: 3 h DESNIVEL: DISTANCIA: 12,5 km
DIFICULTADE: Baixa TIPO DE RUTA: Travesía
COTA MÍNIMA: Zona das Barrancas (460 m)
COTA MÁXIMA: Aparcadoiro do Castelo de Cornatel (794 m)
MAPAS: I.G.N. – 158 – III – IV – 191 – I – II
SINOPSE: Esta sinxela ruta ofrece ao camiñante a oportunidade para descubrir unha zona menos coñecida do Bierzo onde se asentan as “catedrais de barro”, máis coñecidas como Barrancas de Santalla.
As Barrancas de Santalla, ao contrario que as veciñas As Médulas, formáronse pola labor erosiva das augas torrenciais.
DESCRICIÓN DA RUTA: Esta camiñada comeza no aparcadoiro do castelo de Cornatel, camiñando uns cincuenta metros pola pista asfaltada que vai a Villavieja onde collemos o primeiro desvío á man dereita. Este é o antigo camiño da aldea que nos vai levar á parte baixa da aldea.
Subimos entre as casas do lugar pasando xunto a unha casa rural e o albergue e saímos pola rúa do Tío Enrique ata a derradeira casa onde hai unha bifurcación. Collemos o ramal da esquerda que vai polo Camiño de Inverno, que facemos en sentido contrario ata Santalla do Bierzo.
O camiño baixa polo monte ata a estrada xunto ao rego de Ferradillo. Cruzamos a estrada e seguimos por un camiño paralelo no que axiña atopamos a ermida Virxe do Carme de Rioferreiros. Por terreo chan chegamos á parte baixa de Santalla do Bierzo, núcleo que cruzamos para dirixirnos a rúa de Regueiral logo de pasar unha fonte.
Na bifurcación collemos á esquerda para baixar deixando un vello muíño á nosa dereita, ata a ponte de formigón con pasamáns metálicos, pola que cruzamos o rego de Ferradillo. Seguimos por pista de terra entre a arborada maioritariamente de chopos e enseguida chegamos as Barrancas que se sitúan en dúas zonas. O camiño transita pola beira das Barrancas pasando xunto a unha área recreativa para enseguida atopar un letreiro de madeira que nos indica “ponte colgante” collendo o carreiro á dereita que chega á beira do río Sil.
O carreiro segue en subida ata a pista na que collemos á dereita para camiñar por ela ta a seguinte bifurcación. Neste lugar xiramos totalmente á esquerda para subir suavemente ata a ermida de La Estrella (630 m) situada na entrada de San Juan de Paluezas.
Pasada a capela, collemos na primeira bifurcación á esquerda e seguimos ata outra bifurcación onde hai unha árbore tallada. Aquí collemos a dereita uns metros e axiña, no seguinte cruce saímos pola ramal da esquerda que nos vai levar fora do núcleo de San Juan de Paluezas.
Camiñamos cara á estrada nacional e uns metros antes de chegar a ela, collemos un desvío á esquerda para entrar no aparcadoiro do restaurante Las Ventas.