25 09 16 VAL DE TURZA
PUNTO DE SAÍDA | TRAZADO DA RUTA | GALERÍA DE FOTOS | PDF CASTELÁN | MAPA PARA IMPRIMIR |
SITUACIÓN: Ezcaray (A Rioxa)
PUNTO DE PARTIDA: Desde o parque situado xunto á antiga estación do tren
ACCESO: Desde Santo Domingo de la Calzada pola estrada LR - 111
HORARIO: 4/5 h DESNIVEL: 520 m DISTANCIA: 13 km
DIFICULTADE: Baixa TIPO DE RUTA: Circular
COTA MÍNIMA: Ezcaray (820) COTA MÁXIMA: Collado de Sagastia (1.280 m)
MAPA: I.G.N. – 240 – II
SINOPSE: Sinxelo percorrido circular polo val de Oja na serra de La Demanda, sen dificultades técnicas e con a oportunidade de ver unha das aldeas máis fermosas e bosques de notable beleza.
DESCRICIÓN DA RUTA: A saída podemos facela desde o aparcamento que hai enfronte á casa do concello. Collemos a rúa que atravesa o río Oja cara a estación onde hai un restaurante.
Nada máis cruzar a ponte, temos que coller á esquerda uns metros deixando o parque á nosa dereita e no remate deste atopamos, á dereita, as primeiras indicacións do camiño.
Este claro camiño sae en dirección ao leste no que vermos marcas brancas e vermellas do GR 93. A primeira parte do camiño transcorre entre pequenas fincas a ambos lados no que imos gañando altura sen moito esforzo.
Axiña acadamos a fonte de Correlagua, que deixamos á nosa esquerda, camiñando en constante subida onde aparece unha bifurcación na que collemos á esquerda por camiño onde se acentúa a pendente.
Logo duns catro quilómetros de andaina aparece Turza. Atravesamos esta aldea pasando xunta á súa igrexa en estado ruinoso. Saímos de Turza polo camiño que nos trouxo ata aquí coas marcas brancas e vermellas pero ao pouco, nunha bifurcación, o GR segue de fronte mentres que nós temos que coller o ramal da dereita (1.133 m) mantendo o val ao noso lado. Desde aquí temos vistas da aldea mentres camiñamos en dirección sur un curto tramo que nos empoleira nuns prados onde se asenta o refuxio libre de Bonicaparra (1.270 m) onde hai unha fonte.
Deixamos o refuxio á esquerda collendo a pista asfaltada en baixada dirixíndonos ao oeste por esta pista moi fácil de andar. Imos meténdonos entre grandes árbores por esta ancha pista forestal ata que nunha pechada curva á dereita sae unha pista de fronte, sen asfaltar, que é pola que seguimos.
Tendo en todo momento a montaña á nosa esquerda e o val á dereita seguimos camiñando sen problemas por esta zona aberta de bosque, chegando a unha zona máis aberta aínda, Collado Sagastia (1.280 m) con prados ao fronte e unhas boas vistas cara as montañas máis altas da serra de La Demanda.