25 05 17 LA COLLADONA - PENA MEA - VILLORIA

 

PUNTO DE SAÍDA TRAZADO DA RUTA GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN MAPA PARA IMPRIMIR

 

SITUACIÓN: Aller e Laviana (Asturias)

PUNTO DE PARTIDA: Alto de La Colladona (845 m)

ACCESO: Pola estrada AS – 252  que vai de Pola de Laviana  a Cabañaquinta

HORARIO: 6/7h                  DESNIVEIS: 850 m de subidas / 1.200 m de baixadas                      

DISTANCIA: 16 km             DIFICULTADE: Alta           TIPO DE RUTA: Travesía

COTA MÍNIMA: Villoria (340 m)              COTA MÁXIMA: Pena Mea (1.540 m)

MAPA: I.G.N. – 53 – IV

 

DESCRICIÓN DA RUTA: No mesmo alto de La Colladona (845 m) sae un carreiro con rumbo sur que pasa preto a un poste de alta tensión  que deixamos á esquerda, atravesando así a liña e subindo lixeiramente pola ladeira bordando o Alto Rosellón e xirando ao leste quedando, máis adiante á esquerda, o Cueto de la Vega de Llau.

            Pasado este lugar o carreiro desemboca nunha pista (1.000 m) xunto a unha cabana pola que seguimos uns metros ata a próxima bifurcación. Collemos o ramal da esquerda que nos vai achegando ao pico Formoso. Pasada unha cabana situada na beira da rocha, deixamos a pista que vira á dereita para seguir de fronte, outra vez por carreiro, ata unha campeira onde xiramos totalmente á esquerda ata acadar un paso entre rochas (1.157 m) desde o cal baixamos á Collada de Pelúgano (1.018 m) despois de camiñar 5,2 km.

            Na Collada de Pelúgano cruzamos recto con rumbo leste ata preto da Majada de Cerreo sen perda ningunha indo á dereita, por camiño chan no comezo para despois acometer a suave remontada que se dirixe á fonte, tras a cal, o carreiro arrímase aos primeiros contrafortes rochosos e incluso baixa un curto tramo, preámbulo da dura remontada que aquí comeza a través de sucesivas revoltas asomando a media canle ao curioso Ojo de Buey (1.300 m).

            Temos que continuar subindo, superando as arestas e esporóns que verten cara a Laviana para logo do penúltimo esporón, xirar á dereita por un marcado carreiro que leva á base da Canal de la Cueva. Aquí o carreiro bifúrcase con dúas posibles rutas cara ao cume. Pola dereita o carreiro diríxese á Fuente del Gato e a Campa de Peña Mea, sorteando as rochas e, ao remate das mesmas, un pequeno canalizo da paso ao cimbro onde a fonte do Gato e os restos das cabanas forman o máis rechamante do lugar a parte das fermosas panorámicas que desde aquí se ven.

            A outra alternativa é subir pola canal herbosa de La Cueva que permite igualmente o ascenso, moito máis directo e sinxelo. Os últimos remontes supéranse con facilidade tras os cales sitúase o cume de Pena Mea (1.557 m).

            As vistas desde este cume compensan ben a dura subida, cara ao oeste vemos desde o Sueve ata San Isidro con o Toneo e o Torres, resaltando a mole do Retriñón. Máis ao oeste toda a crista do Puerto de Vegarada ao de Piedrafita. A serra de Peña Mayor enfronte e os afastados Picos de Europa.

            Agora toca baixar e farémolo pola ladeira norte ata ampla Collada Doñango (1.030 m). En menos de dous quilómetros baixamos cincocentos metros.

            Desde a Collada Doñango sae un carreiro que desemboca na área recreativa de Campa Felguera (915 m) onde collemos a pista a tramos de formigón que baixa a poboación de Fechaladrona que atravesamos con rumbo norte polas estreitas rúas, agora de asfalto.

            Na saída desta poboación temos unha ampla estrada asfaltada pola que baixamos ata unha curva moi pechada á dereita. Xusto nesta curva sae un camiño pola esquerda polo que seguimos baixando entre casas illadas volvendo a entroncar de novo con a estrada anterior e pola que camiñaremos ata o remate desta andaina en Villoria xunto ao bar Piloñeta.