25 04 18 BRANDAS DE SISTELO - PASARELAS DO RÍO VEZ

 

PUNTO DE SAÍDA TRAZADO DA RUTA GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN MAPA PARA IMPRIMIR

 

SITUACIÓN: Sistelo (Arcos de Valdevez)

PUNTO DE PARTIDA: Sistelo (280 m)

ACCESO: Desde Ponte da Barca pola estrada N – 202

HORARIO: 6 h            DESNIVEL:  600 m de subidas / 700 m de baixadas

DISTANCIA: 15 km     DIFICULTADE: Media        TIPO DE RUTA: Circular - Travesía

COTA MÍNIMA: Ponte de Cabreiro (130 m)              

COTA MÁXIMA: Branda do Río Covo (800 m)

MAPAS: Parque Nacional Peneda – Gerês (Adventure Maps) Escala: 1:50.000

Viana do Castelo / 8 - Cabreiro (Arcos de Valdevez) Escala: 1:25.000

Centro de Informaçao Geoespacial do Exército

SINOPSE: O Trilho das Brandas de Sistelo, unha pequena ruta a pé (PR), sinalizada segundo os estándares internacionais, sitúase na beira da Serra da Peneda, precisamente na aldea de montaña de Sistelo, o pequeno Tibet portugués. O paseo comeza a carón dun curioso edificio coñecido comunmente como Castelo de Sistelo, residencia do primeiro e único Vizconde de Sistelo, un comerciante local que fixo fortuna en Brasil, dende onde continuamos entre as casas rústicas e os típicos hórreos, por un camiño que nos levará, nunha subida serpenteante, a fermosas paisaxes.

            Outra das rutas máis coñecidas son as pasarelas de Sistelo. Fermoso e moi ben integrado no medio, o camiño posúe moitos metros de pasarelas que seguen a canle do río Vez onde podemos ver pequenas fervenzas nun entorno verdadeiramente fermoso. En caso de choiva debemos ter precaución pois o chan é esvaradío.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Esta camiñada parte do centro de Sistelo xunto aos carteis que sinalan diferentes rutas. Vamos en dirección á igrexa xunto á cal pasamos para coller un carreiro que en forte descenso por escaleiras baixa ata o río que atravesamos pola ponte metálica Visconde de Sistelo que dá a unha área recreativa. Seguimos as indicacións por un camiño empedrado que de novo nos leva a atravesar o río pola ponte de Sistelo.

            A partir da ponte comeza unha longa subida. Chegamos á estrada, que atravesamos para seguir subindo por terreos de socalcos que nos vai levar ata Padrâo. Pasamos xunto á capela de San Antonio para xirar ao sur e subir ata a estrada asfaltada onde collemos á esquerda uns metros para de seguida subir por un camiño que nos aparece pola dereita.

            Aquí comeza o camiño das brandas ou brañas sendo a primeira que atopamos a Branda do Alhal e máis adiante a Branda do río Covo. Logo desta última, o camiño xira en dirección oeste comezando unha longa baixada cara a Sistelo onde atravesamos en dúas ocasións a estrada asfaltada de Padrâo.

            Logo de chegar ao punto de saída, seguimos as sinais da Ecovía do Vez. Baixamos por fincas en socalcos para cruzar o río por unha nova ponte desde a que seguimos á  esquerda. Pasamos xunto a unha presa que se usa para baños. O camiño non ten perda algunha, seguindo as pasarelas ata que o carreiro sobe a unha estrada asfaltada. Neste lugar temos que deixar as pasarelas que seguen ao outro lado e coller a estrada cara á esquerda que nos levará ata o lugar de Sobreira da freguesía de Cabreiro onde nos agarda o bus.