25 03 15 SERRA DE PEÑA GRADURA
PUNTO DE SAÍDA | TRAZADO DA RUTA | GALERÍA DE FOTOS | PDF CASTELÁN | MAPA PARA IMPRIMIR |
SITUACIÓN: Teverga (Asturias)
PUNTO DE PARTIDA: Casa de Don Pablo (980 m)
ACCESO: Desde o aparcadoiro de Entrago pola estrada que sobe aos Puertos de Marabio.
HORARIO: 5/6 h. DESNIVEIS: 575 m de subidas / 1.150 m de baixadas
DISTANCIA: 15 km DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Travesía
COTA MÍNIMA: Entrago (430 m) COTA MÁXIMA: Pico l´Obio (1.357 m)
MAPA: I.G.N. – 52 – III
SINOPSE: O Monumento Natural dos Puertos de Marabio constitúen un complexo cárstico de notable entidade, situado a cabalo entre os concellos de Yernes y Tameza, Teverga e Proaza.
O Monumento está delimitado polo pico Caldoveiro ao norte, a serra de Peña Padiella ao leste, a divisoria do río Santibáñez ao sur e a Serra de la Granda polo oeste. Esta zona atópase incluída parcialmente no Parque Natural de Las Ubiñas – La Mesa.
DESCRICIÓN DA RUTA: Uns 150 despois de pasar a Casa de Don Pablo, xunto a un cartel indicador sae un camiño en dirección norte, Camín Real ou Camín Francés. No primeiro tramo ata as cabanas de Cubielles o camiño é unha pista apta para vehículos todo terreo pero logo a pista convértese en carreiro.
Ata Cubielles o camiño está cuberto de arborada pero unha vez pasadas as cabanas entramos en terreo despexado. O camiño pasa polo Collado La Tambaisna (1.230 m), punto desde o que se sobe ao pico Caldoveiro sen grandes esforzos.
O camiño segue a traza do Camín Real ata a altura da lagoa Tambaisna (1.180 m), lugar onde deixamos este camiño para virar á dereita seguindo carreiros de gando que van polas veigas e brañas da serra de Peña Gradura.
Pouco despois temos unha suave subida pola que entramos na fermosa veiga de El Tórzanu (1.270 m) pechada entre lombas de pedra, onde quedan os restos dunhas casetas. Saímos desta braña en dirección sur camiño da seguinte veiga, pasando xunto á pequena lagoa de Fresdeyegua (1.300 m).
Pasamos deixando a lagoa á nosa esquerda subindo lixeiramente para saír desta veiga entrando na vertente do Val dos Corros ou Fondiles que bordeamos en chan seguindo un carreiro bastante esvaecido que nos achega aos derrubes da montaña que baixan cara a Banduxu. Pola dereita queda o pico Pelao ou Cualmayor pasando agora á zona do Fondil de La Teixera, onde no fondo hai teixos, bidueiros, acivros e espiños espallados pola campeira.
Bordeamos esta zona pola dereita tendo que perder altura ata a Collada El Grandizu (1.210 m), situada ao oeste do anterior val. Por curto e tendido camiño chegamos ao cume do L´Obiu (1.357 m) que é o pico máis alto da serra de Peña Gradura, con moi boas vistas cara aos Puertos de Marabio, Peña Sobia, Ubiña e tamén poboacións como Santa María de Trespena, Las Ventas, Bustiello, Bermiego e Banduxo, entres outras.
Agora toca baixar e facémolo pola ladeira sur, tendo como referencia a fermosa Veiga La Chalga con a súa lagoa que deixamos á nosa esquerda. Pasamos polo alto do Cunquín (1.100 m) para acadar o Cantu Pandiella (1.100 m) onde collemos o Camín Real que ven de Banduxu, baixando por cómodos zigzags, que seguimos cara ao oeste camiño a Marabio ata chegar a unha pista (1.000 m).
Unha vez na pista, seguimos en dirección a Gradura pasando enseguida a camiño empedrado. Este camiño con moita arborada baixa paralelo as penas ata a aldea de Gradura situada a 700 m de altitude.
Baixamos polas empinadas rúas de Gradura ata a parte baixa do lugar saíndo del polo camiño vello que nos vai levar ata a estrada asfaltada que baixa de Marabio. Seguimos un tramo por esta estrada collendo un pequeno atallo que pasa polo barrio de Los Senos, volvendo á estrada xa preto de Entrago onde rematamos esta fermosa camiñada.