24 03 29 TRILHO DAS CINCO ALDEAS DO ALVÂO
PUNTO DE SAÍDA | TRAZADO DA RUTA | GALERÍA DE FOTOS | PDF CASTELÁN | MAPA PARA IMPRIMIR |
SITUACIÓN: Parque Natural do Alvâo (Vila Real e Mondim de Basto) Portugal
PUNTO DE PARTIDA: Agarez (520 m)
ACCESO: Desde Vila Real pola estrada M -1219
HORARIO: 5/6 horas DESNIVEL: 850 m DISTANCIA: 18 km
DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Circular
COTA MÍNIMA: Ponte entre Quintelas e Agarez (520 m)
COTA MÁXIMA: Alto da Serra (1.200 m)
MAPA: C.I.G. – 101 Lordelo (Vila Real)
SINOPSE: Esta ruta circular que faremos no sentido contrario as agullas do reloxo non está sinalizada; pasa polas cinco aldeas serráns situadas máis ao sur do Parque Natural do Alvâo. Agarez, Arnal, Galegos da Serra, Siarelhos e Quintelas son as cinco aldeas que visitaremos alternando na andaina camiños empedrados, estradas asfaltadas, pistas forestais e carreiros de pastores.
DESCRICIÓN DA RUTA: Esta camiñada pódese comezar en calquera das cinco aldeas polas que imos pasar. Nós comezaremos en Agarez (520 m) onde camiñamos pola estrada M – 1214 cara á parte superior da poboación para abandonala collendo un carreiro á esquerda xunto ás derradeiras casas do lugar onde hai un poste indicador que pon percurso circular. Un pouco máis adiante temos unha boa panorámica de Vila Real. Chegamos á ponte de Galegos da Serra na Ribeira de Arnal, que non atravesamos, senón que seguimos pola marxe esquerda ata a fervenza. Logo de pasar a fervenza, vamos pola estrada uns trescentos metros para xirar á esquerda logo de pasar o cruce de Galegos da Serra e atravesar a Ribeira de Arnal por unhas pedras, seguindo o camiño en dirección á serra por carreiros de pastores, no medio de grandes rochas de granito, ata chegar ao refuxio do Grupo Montanhismo de Vila Real.
Seguimos en dirección á aldea de Arnal que se atopa moi preto, pola estrada asfaltada. Temos a capela e un cabazo na entrada, atravesamos a aldea saíndo pola parte noroccidental por un carreiro no medio dun caos granítico onde a paisaxe tórnase máis impresionante a medida que avanzamos.
Chegando á cota de 1.200 metros temos boas vistas do encoro da Cimeira e de Vila Real. Neste pequeno chan aparece unha pista que pola dereita vai ao encoro da Cimeira, nós seguimos á esquerda pola pista que vai cara ao parque eólico. Logo de comezar a baixar aparece unha bifurcación onde collemos o ramal da esquerda. Este camiño pasa preto da Escola Ecolóxica de Arnal, á que non chegamos xa que antes, collemos un carreiro pola dereita en busca do rego da Ribeira. Atravesamos máis adiante unha cancela e pasamos xunto ao rego. De seguida chegamos a Galegos da Serra. Xiramos á esquerda pola estrada asfaltada cruzamos o rego pola ponte entrando na freguesía de San Miguel da Pena; subimos lixeiramente ata Sirarelhos.
Desde o barrio alto de Siarelhos, logo de pasar unha á beira da estrada, collemos á esquerda a Rúa do Riberinho que baixa en dirección leste, e que se transforma en camiño logo de pasar as últimas casas e todo en baixada chega ata Quintelas. Por camiño empedrado chegamos á estrada xunto ao bar Café Novais por diante do cal temos que pasar. Camiñamos pola Rúa de Abaixo pasando xunto a un indicador a Agarez e de fronte temos unha sinal de fin de estrada que é a que temos que coller. Ao remate temos unha pequena praza onde seguimos de fronte xunto á derradeira casa e xirando á dereita a carón dela.
O camiño empedrado baixa polo val en dirección nordeste ata a ponte sobre o río Ribeira do Arnal que cruzamos para seguir uns douscentos metros máis, onde viramos á esquerda para comezar a subida por un carreiro de pastores ata a estrada asfaltada que vai ata Agarez. Este tramo faise debaixo dun mesto piñeiral ata que chegamos á estrada asfaltada pola que camiñamos un pequeno treito .