24 03 28 VILA POUCA DE AGUIAR - PEDRAS SALGADAS - VILA POUCA DE AGUIAR
PUNTO DE SAÍDA | TRAZADO DA RUTA | GALERÍA DE FOTOS | PDF CASTELÁN | MAPA PARA IMPRIMIR |
SITUACIÓN: Alto Trás-os-Montes - Distrito de Vila Real (Portugal)
PUNTO DE PARTIDA: Campo de fútbol de Vila Pouca de Aguiar
ACCESO: Desde a fronteira en Feces da Abaixo (Verín) pola autoestrada A - 24
HORARIO: 3/4 horas DESNIVEL: 150 m DISTANCIA: 14 km
DIFICULTADE: Baixa TIPO DE RUTA: Circular
COTA MÍNIMA: Pedras Salgadas (570 m)
COTA MÁXIMA: Vila Pouca de Aguiar (730 m)
MAPA: Vila Real/74 – Vila Pouca de Aguiar 1:25.000
SINOPSE: A primeira parte desta camiñada segue o Camiño de Santiago Portugués polo que non teremos problema seguindo as sinais ata Pedras Salgadas onde daremos a volta para regresar pola vía verde do Corgo.
DESCRICIÓN DA RUTA: Esta sinxela ruta parte do aparcadoiro do campo de fútbol de Vila Pouca de Aguiar. Camiñamos uns metros en dirección oeste pola avenida Miguel Torga ata a primeira rúa que sae pola dereita pola que baixamos ata o seguinte cruce onde collemos á dereita pola rúa do Dr. Bento Acácio Piñeiro.
Camiñamos por esta rúa uns seiscentos metros ata unha bifurcación onde collemos á esquerda pola Rúa da Calçada atravesando un pequeno núcleo de casas e volvendo a entroncar con a estrada que deixamos na anterior bifurcación.
O camiño pasa xunto á capela de Cidadelha e cruza por unha ponte seguindo agora pola estrada romana entre fincas de labor e algúns viñedos sempre en suave baixada ata que pasamos xunto ao hotel Universal entrando así no parque termal de Pedras Salgadas.
Camiñamos pola avenida Lopes de Oliveira ata a oficina de turismo onde collemos á dereita pola vía verde do Corgo.
A pista sae do lugar pasando xunto ás instalacións deportivas e irá sempre paralela á estrada N – 2. En suave pendente ata o seu remate, pasaremos xunto a varios espigueiros (cabazos).
Ao paso por Nucedo, temos o antigo apeadeiro e preto do remate o camiño pasa por un souto chegando pouco despois ao complexo deportivo, onde tivemos a saída.