23 04 15 PICO MACIÉDOME

 

PUNTO DE SAÍDA TRAZADO DA RUTA GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN MAPA PARA IMPRIMIR

 

SITUACIÓN: Caso e Ponga (Asturias)

PUNTO DE PARTIDA: Pendones (760 m)

ACCESO: Dende Oviedo pola estrada que vai ao Porto de Tarna AS- 117 ate o desvío máis aló de Arrobio que nos leva ate a aldea de Pendones

HORARIOS: 5/7 h                              DESNIVÉIS: 950 / 1.300 m           DISTANCIAS: 14 /17 km

DIFICULTADES: Media ou alta            TIPO DE RUTAS: Circulares

COTA MÍNIMA: Ponte sobre o río Pendones (736 m)    COTA MÁXIMA: Pico Maciédome (1.912 m)

MAPA: I.G.N. – 79 – II 

SINOPSE: Os Parques Naturais de Redes e Ponga ofrecen unha mestura perfecta de ríos, bosques e montañas.  Pasar un día por estas paraxes sempre é un lecer e tendo a opción de subir a un dos moitos cumes que hai a xornada é dobremente satisfactoria.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Nesta camiñada partimos do aparcadoiro de Pendones collendo a pista de formigón que baixa para cruzar por unha ponte o río Pendones. Estamos na cota máis baixa deste percorrido (736 m). A partir de aquí, será todo para arriba ata o mesmo cume aínda que teremos polo medio algúns tramos de descanso.

    O camiño sobe pola pista de formigón entre fincas de prados e faias ata que pasamos xunto á fonte de La Gargasa onde, uns metros despois, abandonamos a pista para coller un claro carreiro que aparece á nosa esquerda.

    Comeza un fermoso traxecto polo medio do faial que nos vai levar pouco despois de dous quilómetros de andaina á cabana de La Llongar (1.070 m) afincada no medio do bosque.

    Logo de pasar a cabana, seguimos o camiño entre faias e carballos collendo altura e saíndo pouco a pouco do bosque. As vistas comezan a ampliarse podendo ver os vales de Caso e as montañas fronteirizas con León, destacando Cantu l´Osu.

    O carreiro chega ao lugar coñecido como Llana Fresnu (1.355 m) desde o que podemos ver, de fronte, o pico Maciédome. Seguimos a camiñada pasando xunto á fonte El Fresnu (1.396 m), que acostuma a secar no verán e un pouco máis arriba acadamos o Collau Llagu (1.538 m) despois de camiñar uns cinco quilómetros.

    Desde este cimbro temos as mellores vistas da perfecta e impoñente montaña do Tiatordos. En Collau Llagu existen dúas opcións para chegar a Pendones.

    Unha é baixar polos prados da braña El Recuencu en dirección á unha cabana refuxio que se ve no fondo e a través da Foz de Congostín chegar a Pendones (4,5 km desde Collau Llagu a Pendones).

    Outra é, desde este cimbro seguir un carreiro en dirección nordeste que pasa por riba dos prados da braña de El Recuencu. Chegamos a un marcado paso onde temos unha curta e pendente baixada. A partir deste punto, o camiño atravesa unha paraxe de conto polo Cordal de Ponga. Nun pequeno claro do bosque temos o Collado de Pandellanza (1.495 m). Camiñamos polo medio dun bosque centenario con suaves subidas e baixadas ata a fonte de Xerús (1.480 m), totalmente restaurada onde podemos coller auga.

    Pasada a fonte, temos unha subida que nos empoleira á braña de Tiatordos (1.540 m), desde a que saímos pola súa parte inferior collendo un claro e marcado carreiro que baixa ata a braña de El Pláganu (1.320 m) onde tamén temos unha boa fonte.

    O camiño, todo costa abaixo atravesa a Foz de Palombar, (1.100 m) logo da cal collemos á dereita. A partir de aquí, todo o camiño é pista, e non teremos perda algunha ata Pendones.

           

            SUBIDA AO PICO MACIÉDOME

 

      Desde o Collau Llagu, temos dúas opcións para subir ao Maciédome. A subida máis entretida é pola súa aresta, non aconsellable si está mollado. Trátase dunha agradable e entretida subida bastante clara onde existen pasos nos que debemos ter precaución.

    A outra opción consiste en atravesar horizontalmente por un pedreiro e subir pola parte oposta do pico.

    De calquera maneira, unha vez arriba, as vistas son extraordinarias, sempre e cando estea despexado. Podería encher o folio con os nomes dos picos e vales que podemos ver desde esta ben situada atalaia.

    O veciño val de Ponga con os seus cumes máis importantes, os Picos de Europa, Peña Ubiña e un longo etc. compoñen a postal que nos amosa este cume. Para máis indicacións de todo o que se ve desde este cume, solo tés que acompañarnos ese día.

    Baixamos de novo ao Collado Llagu, ben pola crista ou ben polo pedreiro para seguir ata Pendones polo camiño descrito anteriormente.