23 06 18 LAXE - CAMELLE

 

PUNTO DE SAÍDA TRAZADO DA RUTA GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN MAPA PARA IMPRIMIR

 

 

SITUACIÓN: Laxe, Vimianzo e Camariñas ( A Coruña)

PUNTO DE PARTIDA: Laxe

ACCESO: Desde Ribadeo pola A – 8 e A – 6 ata Arteixo. Logo pola AG – 55 collendo a saída 60 cara á AC – 430 pola que seguimos ata O Empalme onde collemos á esquerda a CP – 4001 e logo a AC – 433 ata Laxe

HORARIO: 4/5 horas                     DESNIVEL: 250 m             DISTANCIA: 16 km

DIFICULTADE: Baixa                    TIPO DE RUTA: Travesía

COTA MÍNIMA: Praias (0m)          COTA MÁXIMA: Peñón do Castro (145 m)

MAPAS: I.G.N. – 43 – III – IV

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Saímos do porto de Laxe pasando xunto á igrexa de Santa María da Atalaia camiño do miradoiro da Ínsua onde collemos á dereita e un pouco despois desviarnos á esquerda para coller o carreiro da costa que nos leva comodamente ao pequeno faro de Laxe onde existe un campo de merendas e unha estatua á Espera.

            O carreiro segue ata pasar pola Furna da Espuma e a Pedra dos Namorados antes de chegar á Praia dos Cristais. O camiño continúa ata que, repentinamente, xira á esquerda para coller unha empinada subida ata o Peñón do Castro que nos ofrece unhas fermosas vistas da praia de Soesto.

            Temos coidado na baixada cara á praia de Soesto na que collemos o paseo posterior ou ben camiñamos directamente pola area. No remate da praia seguimos polo carreiro costeiro pasando pola praia de Arnado e seguindo por pista asfaltada ata a praia de Traba. O camiño segue entre a praia e unha lagoa pasando por diante do bar Os Espiños e a área recreativa de Mordomo.

            Despois da área recreativa volvemos á praia a coller o carreiro que vai por curiosos tramos de rochas graníticas. Neste tramo hai carreiros alternativos para evitar o paso entre as rochas.

            Axiña temos vistas de Camelle pero antes temos que pasar polos Coídos da Señora e Coídos de Sabadelle, que son praias de rochas. Bordeamos a praia de Camelle pasando xunto ao museo de Man e rematando esta andaina no pequeno e fermoso porto.