23 06 17 APARCADOIRO DO REGO DOS MUÍÑOS - LAXE

 

 

PUNTO DE SAÍDA TRAZADO DA RUTA GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN MAPA PARA IMPRIMIR

 

 

SITUACIÓN: Cabana de Bergantiños e Laxe ( A Coruña)

PUNTO DE PARTIDA: Aparcadoiro do Rego dos Muíños (10 m)

ACCESO: Desde Ribadeo pola A – 8 e A – 6 ata Arteixo. Logo pola AG – 55 collendo a saída 60 cara á AC – 430 ata As Grelas onde entronca coa estrada PontecesoLaxe. Collemos á esquerda un tramo ata o aparcadoiro do Rego dos Muíños.

HORARIO: 6/7 horas                     DESNIVEL: 450 m             DISTANCIA: 17, 5 km

DIFICULTADE: Media                   TIPO DE RUTA: Travesía

COTA MÍNIMA: Varias praias (0 m)      

COTA MÁXIMA: Monte Castelo de Lourido (313 m)

MAPA: I.G.N. – 43 – IV

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Desde o aparcadoiro do Rego dos Muíños situado no lugar de As Grelas, ao outro lado da estrada sae un camiño á beira do rego en dirección suroeste que sobe seguindo a Ruta do Rego dos Muíños.

            Este tramo non chega a tres quilómetros onde pasamos de escoitar o mar a escoitar o son do rego que baixa formando pequenas fervenzas. Ao remate do carreiro subimos á estrada onde collemos á dereita para camiñar por ela ata un aparcadoiro situado á esquerda desde o que sae un camiño ata Castro da Cidade de Borneiro, bo lugar para facer a primeira parada do día.

            Logo da visita ao castro collemos outro camiño que nos leva de novo á estrada que atravesamos para entrar en Vilaseco, lugar que atravesamos para seguir por camiños e estradas con pouco tráfico cara ao dolmen de Dombate, con visita recomendada.

            Por camiño asfaltado seguimos ata unha rotonda onde collemos á dereita  camiño de Fontefría onde uns metros antes temos unha fonte. Deixamos o camiño para atravesar a aldea e seguir un camiño que sobe ao Monte Castelo do que nos desvíamos para chegar ao vértice xeodésico que marca o punto máis alto do percorrido (313 m) e desde o que temos fermosas vistas desde o estuario do río Anllóns ata Laxe.

            Baixamos pola pista de terra, atravesando un pouco máis abaixo outra asfaltada. Seguindo esta pista aparece unha bifurcación onde seguimos pola esquerda por camiño de menos entidade que nos vai levar a Canduas.

            Seguimos o camiño que atravesa a estrada AC – 429 para entrar en Taboído seguindo por unha pista asfaltada que vai polo monte ata coller un carreiro ben marcado xunto á costa. Pasamos polas praias de Rebordelo e San Pedro para chegar ao miradoiro da Punta do Cabalo, e da Punta Branca despois.

            O camiño vai preto dos cantís aínda que non é perigoso, chegando así á praia de Laxe onde podemos camiñar pola area ou polo paseo que hai máis apartado, chegando así á vila de Laxe