23 05 20 COLLADA DE ARNICIU - LLAGU OVIA - RIOFABAR

 

PUNTO DE SAÍDA

TRAZADO DA RUTA

GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN MAPA PARA IMPRIMIR

 

 

SITUACIÓN: Caso e Piloña (Asturias)

PUNTO DE PARTIDA: Collada de Arniciu (915 m)

ACCESO: Desde Infiesto pola estrada AS – 254 que une Infiesto con Campu Casu

HORARIO: 5/6 horas          DESNIVEIS: 480 m de subida / 1.070 m de baixada  

DISTANCIA: 17 km            DIFICULTADE: Media                   TIPO DE RUTA: Travesía

COTA MÍNIMA: Rifabar (330 m)         COTA MÁXIMA: Collau Ovia (1.267 m)

MAPAS: I.G.N. – 54 – II – III – IV

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Na mesma Collada de Arniciu (915 m), collemos un camiño que sae en dirección leste entre prados con cabanas con pequenas subidas e baixadas de pouco desnivel ata que atravesamos o regato Arriondu (900 m) logo do cal comeza unha subida pola zona de La Sierra ata acadar o punto máis alto deste percorrido, situado no Collau Llagu Ovia (1.267 m). A pista case toda de formigón acada o Collau Ovia que coroamos logo dun tramo perfectamente empedrado.

            Pasado Llagu Ovia, deixamos á dereita a casa forestal con teito derruído continuando polo chamado Camín de les Calzaes que segue en dirección leste en lixeira baixada cruzando o monte de suave perfil con amplas campeiras onde se asentan varias brañas que cruza o camiño, destacando a fermosa posición de Brañanueva (1.180 m) con fonte e bebedeiro.

            O camiño lévanos á cabana e refuxio de caza de La Felguerina (1.176 m) afincada nun claro do bosque desde a que temos unha completa visión da entrada da Foz de los Moñacos.          

            Desde aquí, a xente xeralmente baixa polas ladeiras do monte ata atopar a pista que entra no desfiladeiro, pero tamén temos a opción de seguir por un esquecido carreiro que vai cara ao norte, baixando nun trazo de continuos zigzags atravesando un fermoso faial e desembocando na pista xa bastante por debaixo da Foz de los Moñacos.

            Esta opción, ademais de orixinal, acurta a distancia. Agora solo nos queda ir baixando pola ampla pista, sempre á sombra do espeso faial e acompañados polo río Infierno que forma vistosas pozas e rápidos.

            Chegamos así á área recreativa de La Pesanca (400 m) onde comeza unha estreita pista asfaltada, que baixa ata Riofabar (330 m).

           

            Variante polo Collado Llagu Colines

           (Por esta variante engádense 500 m de distancia á ruta principal e 100 m de desnivel tanto de subida como de baixada)

            Logo de camiñar 3.2 km, e uns douscentos metros antes de coller a pista asfaltada que sobe a Llagu Ovia, temos un carreiro na cota dos 970 m que xira por riba dun prado cercado con arames, é vira á esquerda cara as abas da montaña. Este carreiro perfectamente definido pasa xunto á fonte La Lláscara (1.150 m), que actualmente ten un fío de auga, segue montaña arriba ata encumarse no Collado Llagu Colines (1.240 m). Neste punto se xiramos á dereita podemos seguir subindo ata o fácil pico Entrambosllagos (1330 m)  e baixar ao Collau Llagu Ovia onde seguiremos a ruta antes descrita.

 

            Variante por Serondu     

       (Por esta variante engádense 1.000 m de distancia á ruta principal e 120 m de desnivel tanto de subida como de baixada)

            No Collau Llagu Colines podemos descartar a subida ao pico Entrambosllagos e seguir en dirección norte ata o Collau Colines (1.150 m) onde xiramos á dereita para coller o camiño que vai á braña de Serondu enlazando con o camiño principal á altura da braña de Les Calzaes (1.212 m).