23 03 18 FERVENZA DE CANTEIXEIRA
PUNTO DE SAÍDA | TRAZADO DA RUTA | GALERÍA DE FOTOS | PDF CASTELÁN | MAPA PARA IMPRIMIR |
SITUACIÓN: Trabadelo e Balboa (León)
PUNTO DE PARTIDA: Antiga estrada N – VI (584 m) a 1 km de Trabadelo en dirección Pedrafita
ACCESO: Trabadelo está situado na antiga N – VI
HORARIO: 5 h DESNIVEL: 590 m DISTANCIA: 13 km
DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Travesía
COTA MÍNIMA: Punto de saída (584 m)
COTA MÁXIMA: Canteixeira (1.100 m)
MAPAS: I.G.N. – 125 – IV – 157 – II
SINOPSE: Trátase dunha ruta relativamente sinxela onde a única dificultade é o desnivel a superar. Tamén hai algún tramo onde cabería un esbroce aínda que sen risco de perderse por culpa da maleza.
Canteixeira é unha aldea do concello de Balboa onde se conservan algúns exemplares de pallozas e hórreos con teito de palla. Algunhas destas construcións teñen cubertas metálicas e outra cunha antigüidade de máis de trescentos anos serve actualmente de restaurante (Casa Lamas).
Balboa é a porta de entrada aos Ancares leoneses, un lugar illado onde vive o oso pardo, facendo fronteira entre Lugo, León e Asturias. É a localidade máis accesible e con máis pallozas de toda a Serra de Ancares, onde o castelán e o galego se funden nunha soa lingua.
DESCRICIÓN DA RUTA: A camiñada comeza na estrada N – VI subindo ata a antiga estrada, hoxe Camiño de Santiago, onde collemos á dereita e uns metros máis adiante aparece, pola esquerda, a pista que sobe á aldea de Paradela. Collemos esta pista que vai subindo por riba do rego de Paradela onde podemos ver fermosos castiñeiros ao longo do camiño. Chegamos á aldea abandonada de Paradela (650 m) (1,5 km) onde entramos pola rúa principal ata que chegamos a un poste de luz onde collemos pola dereita.
Un pouco despois, moi preto do último poste de luz, xiramos á esquerda collendo un camiño polo que, logo dun quilómetro, atravesa o río por unha ponte, chegando así ao comezo do tramo máis duro do percorrido.
O camiño desde a ponte ata o alto da serra son dous quilómetros e medio e sobe uns 250 m de desnivel, sendo o tramo máis difícil da ruta onde a maleza cobre parte do camiño nalgúns tramos, pero non impide para nada o noso camiñar.
Este é un tramo fermoso, que subiremos tranquilamente gozando dos carballos e avelaneiros, podendo ver parte do val que vamos subindo e sentindo o son do río desde o medio do bosque. Debemos prestar atención e desbotar calquera ramal que saia pola dereita, subindo sempre polo camiño principal, chegaremos á unha pista no alto da Serra de Amaredo (976 m) (km 5).
Neste cruce collemos á dereita onde comeza o tramo de ancha pista que vai subindo pola ladeira de Peña Herbideira cara a Canteixeira. En seguida temos dous ramais que saen pola esquerda pero nós seguimos pola dereita en ambos casos. Avistamos Canteixeira logo de camiñar quilómetro e medio desde o cruce do alto da serra e, nun pequeno chan, temos un cruce de camiños (1.056 m) (km 6,6) onde hai un cartel indicador á cascada, collemos á dereita o carreiro que nos levará á fermosa fervenza.
Volvemos os pasos polo mesmo camiño ata a bifurcación (1.056 m) e cruzamos a pista para seguir de fronte en suave pendente ata Canteixeira (1.100 m) (8,5 km). Logo dunha visita a esta aldea, proseguimos a ruta desviándonos na saída desta aldea por un camiño cunha indicación de paso sen saída para coches.
Avanzamos polo camiño ata que chegamos a un cruce onde collemos á esquerda, por onde chegamos as casas de Pumarín (1.050 m) (9,4 km). Cruzamos pola parte baixa desta aldea collendo un camiño que nos leva á estrada asfaltada pola que camiñamos uns metros para coller un carreiro á man dereita que nos baixa a través do monte á mesma estrada, un pouco máis abaixo. Saímos á estrada onde collemos á esquerda subindo por ela ata o primeiro desvío que atopamos pola dereita (940 m) (10,3 km).
Collemos este camiño que baixa atravesando un fermoso souto. Atravesamos o rego da Fervencia e un pouco máis abaixo temos unha bifurcación. O camiño da esquerda vai cara a unha cancela onde pon paso privado polo que seguimos o camiño da dereita que segue baixando polo souto, atravesando de novo o rego máis abaixo.
Camiñamos ata outro cruce de camiños onde seguimos de fronte cara ao castelo que podemos ver entre as árbores. De fronte parece unha grada de escaleiras polas que baixamos de cara ao escenario que temos diante (756 m) (12 km). Este é un lugar de lecer situado nun fermoso recuncho. Seguimos cara ao castelo, que podemos visitar dando a volta pola parte de atrás, desde onde temos vistas de Balboa e parte do val. Na mesma parte traseira do castelo, collemos un carreiro que baixa polo medio do monte ata entroncar con o camiño que ven de Ambasmestas onde seguimos pola dereita para entrar en Balboa, camiñando ata o parque onde se sitúa a palloza restaurante (700 m) (12,7 km).