22 09 18 RUTA DO CONTRABANDO

 

PUNTO DE SAÍDA TRAZADO DA RUTA GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN MAPA PARA IMPRIMIR

 

SITUACIÓN: Nogueira de Ramuín (Ourense)

PUNTO DE PARTIDA: Penalba (150 m)

ACCESO: Desde a N – 120 LogroñoVigo, coller a C – 546 durante 1 km.

HORARIO: 5/6 horas                      DESNIVEL:  750 m            DISTANCIA: 16 km

DIFICULTADE: Media                   TIPO DE RUTA: Circular

COTA MÍNIMA: Penalba (150 m)   COTA MÁXIMA: Estrada Castro da Moura (700 m)

MAPA: I.G.N. – 188 – I – III

SINOPSE: Esta ruta transcorre polo concello de Nogueira de Ramuín, que no outono ofrece uns bosques e viñedos de fermosas cores ademais da esplendorosa paisaxe que sempre ofrece a Ribeira Sacra.

DESCRICIÓN DA RUTA: En Penalba, collemos unha pista á esquerda que sobe cara A Ferreirúa onde collemos un desvío, tamén á esquerda, que nos primeiros pasos vainos levando por riba da estrada e do río Miño onde hai terras de viñedos.

            A un quilómetro aproximadamente da saída temos unha bifurcación onde collemos á dereita internándonos nun bosque de carballos e castiñeiros por un camiño rodeado de muros de pedra. Pasamos xunto ao lavadoiro da Pena do Chao e logo, despois de tres quilómetros pasamos pola aldea de O Alcouce.

            Seguimos o camiño para de seguida chegar ao miradoiro de A Lampa ou da Moura desde o que temos unha fermosa panorámica do río Sil con as súas abas boscosas. Podemos ver, no medio do bosque o Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil.

            Seguimos subindo,agora por paraxes despoboados, onde no lugar de Penedo do Trigo, temos un desvío á esquerda que nos leva ao miradoiro de Os Penedos de Rufino desde os que temos tamén moi boas vistas. Seguimos o camiño onde pouco despois, temos outro desvío á esquerda que nos leva ao miradoiro da Pedra Longa que tamén ofrece as súas vistas.

            Axiña aparece o desvío ao Castro da Moura, que tamén visitamos nun percorrido de ida e volta. Agora alcanzamos o punto máis alto da camiñada, xunto a un poste de alta tensión onde enlazamos cunha estrada pola que camiñamos uns metros.

            Comezamos a longa baixada, deixando a estrada para coller un camiño pola dereita que nos leva a Monteverde. No medio da aldea xiramos á esquerda para cruzar a estrada pola que camiñamos antes, e coller un sendeiro que de novo nos interna no bosque. Aparece, de fronte, Baldomar, que deixamos á nosa esquerda para seguir baixando polo bosque e a formación rochosa de A Serpe. Aparece outra formación rochosa, o Penedo do Pé, unha antiga mina e unha alvariza. O camiño cruza a aldea de Casanova onde se acentúa a baixada para chegar de novo a Penalba, logo dun tramo dificultoso.