11 09 09 Balaitús (Valle de Tena)
VER PUNTO DE SAÍDA | VER MAPA DA RUTA | VER GALERÍA DE FOTOS | PDF EN CASTELÁN |
SITUACIÓN: Sallent de Gállego (Huesca)
PUNTO DE PARTIDA: Refuxio de Respomuso (2.150 m)
ACCESO:Dende Sallent de Gállego pola estrada ata o encoro de La Sarra. Logo seguindo a pé o G.R. – 11, nunhas 2 horas e media.
HORARIO: 6/7 h DESNIVEL: 936 m DISTANCIA: 18 km
DIFICULTADE: Alta TIPO DE RUTA: Circular MAPA: I.G.N. – 145 – II
DESCRICIÓN DA RUTA: Saímos do refuxio seguindo o barranco de Respomuso que remonta deixando á dereita o torrente. Atopamos un poste indicador uns 50 m despois de deixar o refuxio, tendo preto unha fonte onde podemos coller auga.
Comezamos a subida por forte pendente, deixando a man esquerda a aresta de Le Bondidier que baixa da crista de La Frondella. Sendeiro arriba, vemos unha cova que ben pode servir de cobizo, situada na perpendicular do lago Vuelta Barrada (2.458 m), superamos unha muralla rochosa e acadamos a morrena glaciar nun áspero e salvaxe entorno, destacando cara ao leste a Cresta del Diablo, e ao norte a de Costerillou.
Agora estamos situados na base dun resalte rochoso (2.715 m) que baixa da agulla Cadier, polo que temos que dar un rodeo pola dereita para ir cara ao fondo paso da Brecha de Latour (2.945 m), chegando así a un chan situado ao pé da canle que da acceso á mesma.
Ata aquí chegamos sen ningunha dificultade, pero a partir de agora a cousa complícase un pouco.
Temos ao descuberto, nesta época do ano, tres resaltes que precisamos superar con algún paso de dificultade (II +), existindo o perigo de caídas de pedras no entorno da canle polo que o uso do casco faise imprescindible. Pasados os resaltes, onde existe unha reunión para rapelar, dirixímonos cara as caravillas onde atopamos que a primeira quédanos un pouco alta, situada sobre unha parede lisa polo efecto do xeo. Superado este paso atopamos outro rapel equipado, seguindo a trepada pola parede (pasos de II) do pitón de Latour, atopando ao noso paso outros tres rapeles equipados, antes de acadar o cume do pitón, onde se sitúa o primeiro dos sitios equipados para a baixada.
O que nos queda agora e ben sinxelo, sen maiores obstáculos, aparecendo incluso algunha pegada de sendeiro. Seguimos subindo pola vertente oeste, superando curtas chemineas e terrazas ata unha ampla lomba que nos leva ao cume do Balaitús (3.146 m).
A baixada ímola facer seguindo a Gran Diagonal. Dende preto do cume, comezamos a baixada pola canle, onde no seu remate temos que destrepar un pequeno muro (1+) para baixar a brecha de Isard. Proseguimos seguindo a pendente e pedregosa cornixa onde remata a Gran Diagonal.
Deixamos a aresta para pasar xunto a cova Michaud (2.722 m), en dirección ao lago xeado Gourg (2.410 m), o cal deixamos á nosa dereita para seguir baixando ata o lago superior de Arriel (2.183 m). De seguida alcanzamos o lago inferior, que deixamos á nosa dereita para coller un sendeiro que baixa seguindo o barranco de Arriel ata entroncar co G.R. – 11 a altura do Paso del Pino (1.800 m).
Seguimos o G.R. – 11, que xa coñecemos, en dirección ao encoro de La Sarra que alcanzamos en menos dunha hora.