22 07 16 CANÓN DO RÍO EUME

 

PUNTO DE SAÍDA TRAZADO DA RUTA GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN MAPA PARA IMPRIMIR

 

SITUACIÓN: A Cabana (A Coruña)

PUNTO DE PARTIDA: Antiga Central Eléctrica de Ventureira (95 m)

ACCESO: Pola A – 8 ata Vilalba onde collemos a AG – 64 ata As Pontes. Neste lugar seguimos pola AC – 564 ata o lugar de Os Chaos onde collemos á esquerda xunto ao cemiterio do lugar.

HORARIO: 4/5 horas                      DESNIVEL: 600 m             DISTANCIA: 12 km

DIFICULTADE: Media                   TIPO DE RUTA: Ida e volta - circular

COTA MÍNIMA: Ventureira (95 m)          COTA MÁXIMA: Pena do Crego (510 m)

MAPAS: I.G.N. – 22 – I – II – III – IV

SINOPSE: Fermosa ruta circular que a pesares de non estar homologada, si que aparecen marcas con frechas ou puntos azuis abundantes o que fan que sexa difícil perderse.

            Esta ruta non é apta para todo o mundo, non polo esforzo, que non é tan grande, senón por algún tramo pola beira da canle onde algunha persoa con vertixe podería ter problemas para pasar. Tamén temos, despois da canteira, unha subida na que en algún paso teremos que empregar as mans.

DESCRICIÓN DA RUTA: Esta camiñada parte da antiga Central Eléctrica de Ventureira, xusto ao carón da ponte sobre o río. Baixamos unhas escaleiras ata o antigo edificio comezando logo a subir á esquerda ata chegar a un carreiro que sobe en zigzags costa arriba quedando as tubaxes da auga á esquerda. Ao chegar arriba temos uns edificios antigos da central onde collemos á dereita.       

            Camiñamos agora xunto á canle da auga onde camiñaremos con precaución todo o tramo ata a presa. Este tramo que vai xunto á canle é especial perigoso en caso de choiva. Cando levamos uns dous quilómetros vemos unhas rochas á man dereita desde as que temos unha boa panorámica da fraga e do canón.

            Seguimos a camiñada xunto á canle da auga ata que comeza o desfiladeiro, do máis fermoso da ruta, onde temos que ir con coidado porque o carreiro é moi estreito. Segundo imos achegándonos ao encoro temos unha parte da canle que se derribou pero aínda que parece o paso difícil, pásase bastante ben.

            Despois deste paso, o carreiro vai xunto ao río ata case a base da presa onde, á man esquerda, ao lado dunha rocha, aparecen unhas escaleiras que en varios zigzags nos levarán á parte alta do encoro.

            Desde a parte alta da presa seguimos por estrada asfaltada pasando unha ampla curva que serve de aparcadoiro ata unha casa en ruínas onde temos unhas escaleiras, á man esquerda, que nos levan polo interior dun fermoso recuncho ata unha pista pola que seguimos cara á esquerda.

            Podemos seguir esta pista ata á canteira pasando por un miradoiro natural do encoro e chegar á zona de escalada e á fervenza da Morixosa.

            Temos que volver os nosos pasos ata atopar un carreiro, agora á man esquerda que sobe monte arriba onde temos pasos nos que hai que usar as mans. Unha vez superada esta subida, o camiño é moito máis fácil. Pasamos xunto a unha pequena presa é un pouco máis adiante un camiño á esquerda que nos leva ao miradoiro de Teixido.

            Logo dun descanso neste miradoiro seguimos un tramo recto ata unhas rochas onde comeza a baixada pasando xunto a un campo de merendas e máis adiante á aldea de Teixido. Agora seguimos por pista asfaltada ata atopar un desvío á esquerda que de novo nos levará á parte de carga da Ventureira e desde alí polo mesmo camiño en baixada ata o punto do comezo.