22 06 18 RUTA DOS FAROS (IGREXA DE NIÑÓNS - CORME)

 

PUNTO DE SAÍDA TRAZADO DA RUTA GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN MAPA PARA IMRPIMIR

 

SITUACIÓN: Ponteceso (A Coruña)

PUNTO DE PARTIDA: Igrexa de Niñóns (60 m)

ACCESO: Desde Ribadeo pola A – 8 e  A – 6 ata Arteixo onde collemos a AG – 55 ata Carballo. Dese aquí desviámonos pola AC – 418 ata Buño e logo pola AC – 419 ata Niñóns onde seguimos á dereita por pista asfaltada ata a igrexa de San Xoán de Niñóns.

HORARIO: 6/7  horas           DESNIVEL: 450 m de subidas / 520 m de baixadas             

DISTANCIA: 18, 5 km        DIFICULTADE: Media                   TIPO DE RUTA: Travesía

COTA MÍNIMA: Praias (0 m)         COTA MÁXIMA: Monte do Roncudo (136 m)            

MAPA: I.G.N. – 43 – II

SINOPSE: Esta travesía forma parte da segunda etapa do Camiño dos Faros cunha variedade infinita de paisaxes. Desde as primeiras enseadas e calas solitarias ata os cantís do Cabo Roncudo non te deixarán indiferente.

DESCRICIÓN DA RUTA: Esta etapa comezámola xunto á fonte e igrexa de Niñóns,  baixando por pista asfaltada ata a praia. Desde esta vamos un tramo polo interior ata a praia do Morro e logo percorrendo os cantís da costa en dirección á praia de Niño do Corvo e á praia de Santa Mariña. Camiñamos agora cara ao porto de Santa Mariña que bordeamos  para atravesar o monte en dirección á praia de A Barda onde tamén temos unha fonte.

            Desde a praia de A Barda bordeamos  toda a Costa da Tremosa por un esixente carreiro con vistas privilexiadas que, logo de pasar a Punta do Castro e a Punta de Eiras nos achegará á pequena aldea de Roncudo, a que nos mostra unha arquitectura con base na mesma pedra e totalmente adaptada ao vento e aos temporais.

            Dende a aldea seguimos para baixar desde os eólicos polos agrestes cantís ata  a zona de Laxe das Pesqueiras desde o que seguimos ata o miradoiro dos Tres Faros. Pasamos pola furna de Fusisaca e de seguida chegamos ao faro Roncudo, outro dos fitos do camiño. Alí poderemos ver as rochas onde os percebeiros e percebeiras se xogan a vida arrincando do mar este manxar.

            De seguida pasamos xunto a un prado de merendas e a praia da Insua chegando ao porto de Corme onde nos recibe un monumento aos percebeiros. Agora solo queda camiñar polo paseo marítimo pasando primeiro e praia de Arnela e logo a de  Osmo, ata o remate do lugar onde nos agarda o autobús.