22 05 21 RUTA DE LA ESCRITA (longa) LA RIERA - BELMONTE
PUNTO DE SAÍDA | TRAZADO DA RUTA | GALERÍA DE FOTOS | PDF CASTELÁN | MAPA PARA IMPRIMIR |
SITUACIÓN: Somiedo e Belmonte de Miranda (Asturias)
PUNTO DE PARTIDA: La Riera (220m)
ACCESO: La Riera está situada na estrada AS – 227 que sobe ao porto de Somiedo
HORARIO: 5/6 horas DESNIVÉIS: 950 m de subidas / 1.150 m de baixadas DISTANCIA: 22 km
DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Travesía
COTA MÍNIMA: Belmonte (220 m) COTA MÁXIMA: El Collau (750 m)
MAPAS: I.G.N. – 51 – II – IV – 76 – II
SINOPSE: Este é o camiño tradicional do val do río Somiedo que o atravesa de Sur a Norte. Parte de Santa María del Puerto para rematar en Pravia. Este sendeiro de gran recorrido, aporta ao viaxeiro unha grande bagaxe histórico cultural do territorio, así como un amplo catálogo de paisaxes que colgan das súas montañas. Este camiño constitúe en si un dos valores máis destacados do patrimonio viario rexional.
A Vía Escrita ten unha orixe incerta, non obstante, non parece construída sobre un recorrido migratorio de animais, máis ben a súa definición parece estar feita polo home prehistórico.
DESCRICIÓN DA RUTA: Saímos da Central Eléctrica de La Riera camiñando pola estrada ata as derradeiras casas do lugar onde collemos un camiño de formigón que sae pola dereita cruzando o río para logo subir entre as casas. Pouco tempo despois, o camiño da un xiro brusco á dereita é xusto, nesta curva, temos un camiño que sae pola esquerda que é o que temos que coller.
Axiña atopamos cunha desviación tendo que coller o ramal da esquerda que baixa entre prados cara ao río ignorando os dous cruces que nos saen pola dereita. Ao chegar preto do río a ruta segue entre un bosque de galería, estreitándose nalgúns tramos ata saír a pista que vai a Santiago de Hermo.
Aquí xiramos á dereita subindo ata unha curva moi pechada á dereita moi preto dunha casa, onde sae á esquerda un camiño ancho polo que continúa a ruta. Seguindo por este camiño ancho e chan, axiña nos atopamos cunha desviación tendo que coller a da dereita que ten unha forte pendente con algúns tramos empedrados orixinais. Comezamos unha forte subida atravesando unha pequena pedreira para atopar a dereita un carreiro que nos leva a poucos metros á única fonte que atoparemos nesta parte do recorrido.
De volta, no cruce, continuamos con a forte ascensión por camiño totalmente empedrado e tallado na rocha entre aciñeiras ata que chegamos a un pequeno outeiro onde existe, á dereita, unha cabana. Aquí a ruta da un xiro continuando a subida baixo unha frondosa arborada deixando á nosa esquerda varios prados.
Estaremos pendentes no lugar onde atopamos unha cancela de madeira porque aquí sae á dereita un camiño, que é o que temos que coller, deixando o que parece máis natural que é o que deixa a cancela á esquerda e vai en chan.
Aumenta a pendente, tendo un prado á esquerda e dando numerosos zigzags imos gañando altura ata chegar a un outeiro onde se abandona o val do río Somiedo para entran no val do río Pigüeña. Neste lugar temos unhas inmellorables vistas do camiño recorrido e dos vales somedanos, de fronte aparecen os estribamentos da serra de Cadavales e ao fondo do val as casas de Almurfe.
Logo desta dura subida, comeza a baixada por un carreiro que sae ao outro lado da campeira onde no verán é difícil seguir o camiño por estar cuberto totalmente de fentos que dificulta a súa localización. O máis fácil é meterse no prado que temos á esquerda e baixar por el ata o seu remate onde temos unha cancela que nos leva ao camiño orixinal. No caso que o camiño non estivera tapado polos fentos continúase polo sendeiro o cal baixa fortemente ata atopar unha desviación que sae á dereita xunto a un prado. Débese xirar á dereita deixando o prado á esquerda e seguir con a baixada polo medio do monte ignorando as distintas entradas aos prados.
Pouco despois de pasar o último prado atoparemos un cruce á esquerda que atravesa un pequeno rego, é o punto de unión con o ramal que ven de Aguasmestas e Cuevas. Seguimos a baixada ata chegar xunto as casas de Almurfe continuando por esta beira ata coller o carreiro da dereita cara á saída do lugar. Logo pasamos por outra ponte o rego de La Bustariega chegando a unha pista onde xiramos á esquerda en busca do río.
Antes de chegar á ponte temos que elixir entre saír á estrada e seguir por ela ata Agüerina ou abandonar a pista para seguir por un camiño que sae á dereita e vai xunto ao río que nos conduce á entrada de Agüera.
A saída de Agüera comezamos unha lixeira subida que nos leva a unha pequena fenda entre as rochas onde hai unha cabana. Aos poucos metros atopamos un derrube o que temos que bordear polo monte ou atravesalo con moito coidado. Pasado este derrube baixamos ata que aparece diante de nosoutros un claro polo que podemos ver unha casa, xa en Agüerina.
No cruce collemos o camiño da dereita para seguir polo da esquerda que discorre pola parte baixa das casas. Axiña o camiño se interna nun souto onde de vez en cando os claros permítennos contemplar a outra aba do val. Pouco despois atoparémonos con un pequeno rego onde as cristalinas augas forman pequenas pozas e fervenzas.
A ruta segue xunta a algúns enormes castiñeiros ata atopar a estrada que sobe a Montovo, aquí debemos xirar á dereita e seguir pola estrada uns metros ata atopar un carreiro que sae pola esquerda e que en, en lixeira subida polo medio dun espeso bosque, lévanos a un pequeno teso onde podemos albiscar o val do Pigüeña. Desde este lugar a ruta comeza a baixar ata a beira do río para seguir polo bosque, levando pola esquerda un prado grande. Axiña o camiño da un xiro á dereita e baixa a un regato que atravesamos por unha pequena ponte de madeira.
Iniciamos unha lixeira subida que nos conduce á estrada de Ondes e, unha vez nela debemos continuar cara á dereita subindo lixeiramente e coller o primeiro desvío que sae á esquerda. A partir deste punto o camiño volve a internarse no frondoso bosque estando tallado na ladeira do monte, seguindo entre subidas e baixadas cara ao norte. De seguido atopamos un camiño á esquerda que debemos seguir para facer o mesmo no seguinte cruce. Logo dun treito chegamos a un lugar onde temos un prado á esquerda e outro á dereita. Seguimos de fronte sen saír do camiño para chegar axiña a unha pista máis ancha a cal collemos cara á esquerda e en baixada lévanos xunto ao río.
A ruta continua cara á Belmonte pegada a un grande laxe de pedra e acompañada polo bosque de ribeira, onde pradairos, amieiros e castiñeiros conforman unha fermosa paisaxe. Pasamos xunto a unha cabana chegando a un sitio onde parece que camiñamos por unha canle de auga, xa que levamos á esquerda unha fileira de pedra á maneira de muro. Así chegamos a un grande prado que ten unha cabana e onde o camiño é máis ancho; aquí entronca co camiño que sobe a Ondes, que sae pola nosa dereita. Desde aquí a Belmonte apenas quedan dous quilómetros onde damos por rematada esta travesía.