19 12 21 Ruta do Castro de Pendia (Boal) Asturias

 

PUNTO DE SAÍDA TRAZADO DA RUTA GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN MAPA PARA IMPRIMIR

 

 

SITUACIÓN: Boal (Asturias)

PUNTO DE PARTIDA: Los Mazos - Casa da Apicultura (350 m)

ACCESO: Desde a estrada NaviaGrandas de Salime AS – 12

HORARIO: 4 h                                 DESNIVEL: 640 m             DISTANCIA: 13,5  km

DIFICULTADE: Media                   TIPO DE RUTA: Travesía

COTA MÍNIMA: Pendia (100 m)             COTA MÁXIMA: Pico Penácaros (732 m)

MAPA: I.G.N. – 26 – I

SINOPSE: O Castro de Pendia dátase do século IV – I antes de Cristo e pénsase que foi ocupado ata o século I – II despois de Cristo. Ao primeiro críase que eran edificios relacionados con ritos funerarios onde se realizaban incineracións, pero actualmente crese que o uso que se lles daba era termal.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Desde o aparcadoiro situado enfronte á Casa da Apicultura camiñamos uns cincuenta metros en dirección a Navia para coller unha pista asfaltada que baixa pola dereita ata pasar a Casa da Rectoral. Seguimos as indicacións que nos levan cara ao leste, deixando atrás as derradeiras casas do lugar para entrar nunha zona boscosa baixando para cruzar por unha nova ponte a localidade de Viñas. Enfronte temos o seguinte tramo que nos levará ata Hervededo, logo de pasar xunto á aldea abandonada de Riomayor  e superar unha curta pendente.

            Atravesamos Hervededo para baixar ata Pendia, agora por pista asfaltada. Logo de pasar o Chao de Pendia, comeza a subida por estrada ata pasar unha curva á dereita onde chegamos ao indicador do castro.

            Logo da visita obrigada ao castro, retomamos o camiño que a partir de aquí comeza en subida constante ata a cimeira do pico Penácaros (732 m). En xeral son pistas que atravesan pequenos bosques e un curto tramo de asfalto na zona de El Calvario.

            Pasamos xunto ao cemiterio de Villanueva por pista asfaltada e logo un carreiro que comeza a subir montaña arriba cara ao pico Penácaros pero a ruta oficial non pasa polo cume senón que faldrea polas abas sendo a subida opcional.

            O camiño pasa entre o pico Penácaros e a pena Ascuita por un outeiro a altura de 680 m, onde están os túmulos de Penácaros e subindo logo á pena Ascuita (728 m). Desde aquí  comeza unha forte baixada ata o campo de fútbol en Llaviada (520 m) onde damos por rematada esta travesía.