20 09 20 DE DOADE A VILACHÁ (Adiada pola pandemia)
RAZADO DA RUTA |
PDF CASTELÁN |
MAPA PARA IMPRIMIR |
SITUACIÓN: Sober e Pobra de Brollón (Lugo)
PUNTO DE PARTIDA: Doade (540 m)
ACCESO: Desde Monforte pola estrada LU – 903 que vai a Castro Caldelas
HORARIO: 5/7 horas DESNIVEL: 840 m de subidas / 750 m de baixadas
DISTANCIA: 21 km DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Travesía
COTA MÍNIMA: Regueiro da Olmeira (240 m)
COTA MÁXIMA: Vilar de Mouros (680 m)
MAPA: I.G.N. – 189 – I
SINOPSE: Trátase dunha das rutas máis espectacular e fermosa que hai na Ribeira Sacra que nos amosa esta zona tan peculiar da xeografía galega onde teremos ocasión de contemplar o Canón do Sil tanto desde as alturas como a nivel da auga.
Ruta esixente tanto polo desnivel acumulado como pola distancia a recorrer, sobre todo en días de calor.
DESCRICIÓN DA RUTA: Comezamos a camiñada en Doade (540 m) centro neurálxico da Ribeira Sacra polas numerosa adegas que posúe. Imos pola estrada que vai cara á Adega Algueira desviándonos aos poucos metros por un camiño de terra que vai dar ao Souto de Valguaire, constituído por árbores centenarios.
Seguindo a andaina chegamos a unha zona recreativa, e un pouco máis adiante ao miradoiro Pena do Castelo, dende o que temos moi boas vistas do Canón do Sil e dos socalcos dos viñedos aos nosos pés. Desde aquí tamén podemos ver lugares como Castro Caldelas e Abeleda en Ourense; e Francos e Doade na zona de Lugo.
Seguimos pola ladeira sobre os farallóns rochosos que se levantan por riba do Canón do Sil, chegando a outro miradoiro natural nas fontes de San Xermunde. Aquí comezamos unha forte subida por carreiro de chanzos, que nos vai erguer ata a pista superior da serra. Camiñamos por esta pista para subir por unha devasa e acadar así a aldea de Os Palleiros, primeiro núcleo poboada desta travesía.
Agora, por bo camiño, imos cara a aldea de O Colado, baixando logo, ao Muíño de López, situado nun fermoso lugar, preto da aldea de Lampaza. O carreiro agora, discorre polo medio dun piñeiral ata saír a unha zona máis aberta onde se asenta a aldea abandonada de Vilar de Mouros que representa a arquitectura máis tradicional onde destacan os corredores de madeira.
Camiñamos agora por zona chan ata a Pena do Aigue, onde de novo nos internamos no Canón do Sil comezando unha forte baixada por un carreiro que nos achega as profundidades do canón.
No remate da baixada temos no medio do bosque a illada e abandonada aldea de Froxende. Seguimos por carreiro de montaña bordeando o canón ata o miradoiro de Barxa, posiblemente un dos máis fermosos da Ribeira Sacra desde o que podemos ver o fermoso meandro de A Cubela.
O camiño segue baixando ata a aldea abandonada de Barxa, situada nun lugar tan fermoso como illado ao pé mesmo do encoro. Seguimos baixando ata chegar ao nivel do río, nun fermoso lugar é de difícil acceso, no fondo do canón por onde camiñamos tranquilamente cruzando primeiro o rego de Rancaño e logo pola ponte o rego de A Olmeira.
Neste punto comezamos o máis grande desnivel desta ruta, uns 360 m de subida por pista para cubrir unha distancia de tres quilómetros pasando primeiro xunto an pilón de auga e logo pola Ribeira dos Lagares.
Unha vez superada a pendente, afastámonos do canón internándonos en zona rural alcanzando a aldea de Vilachá que cruzamos para chegar, uns metros despois, ao Conxunto Etnográfico de A Abelaira, configurado por un fermoso conxunto de adegas tradicionais, onde cada primeiro domingo de maio se celebra a feira do viño.