20 06 20 FAEDO DE CIÑERA (Adiada pola pandemia)
TRAZADO DA RUTA |
MAPA PARA IMPRIMIR |
(De Ciñera a Valporquero)
SITUACIÓN: Pola de Gordón e Vegacervera (León)
PUNTO DE PARTIDA: Ciñera (1.060 m)
ACCESO: Ciñera está na estrada N – 630 que une Oviedo con León a través do porto de Pajares.
HORARIO: 4/5 horas DESNIVEL: 500 m DISTANCIA: 15 km
DIFICULTADE: Baixa TIPO DE RUTA: Travesía
COTA MÍNIMA: Ciñera (1.060 m) COTA MÁXIMA: Collado Campo Valle (1.542 m)
MAPA: I.G. N. – 103 – IV
SINOPSE: Esta ruta percorre algunhas das principais marabillas naturais da provincia de Léon. Comezando polo Faedo de Ciñera, declarado o mellor bosque de España, e o desfiladeiro de Las Hoces de Villar del Puerto, seguindo polas covas de Valporquero e o seu impresionante entorno, e rematando en Valporquero onde o río Torío comeza o seu percorrido a través das espectaculares Hoces de Vegacervera.
DESCRICIÓN DA RUTA: Saímos de Ciñera cara ao polideportivo e posteriormente o cemiterio para seguir por unha pista de grava e terra. O camiño discorre en chan en todo momento e, un pouco máis adiante, veremos unha pequena área recreativa, á dereita.
Sen darnos conta atopámonos fronte á entrada dunha mina, rodeada de vagóns de carga oxidados. Este acceso atópase pechado por unha rexa e está reconvertido en santuario en honor a Virxe de Santa Bárbara, patroa da localidade.
Desde este punto é posible visitar o castillete ou parte superior do pozo vertical da mina, para iso temos que seguir as indicacións e xirar á dereita.
O camiño prosegue recto cara ao faial por unha ampla pista, tendo á nosa dereita nunha curva cerrada a parte superior dunha mina a ceo aberto.
Uns metros máis adiante temos unha ponte de pedra sobre o rego Villar pola que cruzamos. A partir de aquí comezan as pasarelas de madeira que nos levarán ata unha fermosa pradería rodeada de paredes verticais onde, na parte superior do canón, predominas as aciñeiras mentres que na parte inferior medran as faias.
Logo de cruzar unha segunda ponte de madeira, chegamos a unha ampla área recreativa con algunhas mesas. Este é un punto de interese ornitolóxico, na que a Asociación Cuatro Valles situou un panel de información das especies que habitan o lugar.
No remata desta área hai unha terceira ponte sobre o rego Villar que temos que cruzar e dirixirnos cara a outro panel con información das Hoces del Villar e o Faedo que imos visitar.
Collemos un sendeiro máis estreito e paralelo ao rego ata un novo cartel informativo sobre o Faedo de Ciñera onde podemos ler que o Faedo de Ciñera foi declarado no 2007 o Bosque Mellor Coidado de España.
Agora seguindo as indicacións entramos a través dunha ponte no frondoso bosque con faias centenarias e fermosas cores. O bosque non é moi grande pero é moi fermoso, atopando no corazón do bosque unha faia centenaria duns cincocentos anos.
No remate do faial temos unha nova ponte, xunto a unha fonte, que cruzamos para seguir cara as Hoces de Villar. Para iso debemos subir por unhas escaleiras talladas na rocha e pasar por unha zona un pouco aérea onde existe unha cadea instalada para facilitar o paso.
Unha vez, superado este paso, continuamos por unha pasarela de ferro e madeira que nos introduce nun fermoso canón formado pola erosión do rego Villar que o mesmo que o faial, non é moi grande pero si de gran fermosura.
No final da pasarela temos un desvío á esquerda polo que podemos achegarnos á beira do rego e ver pequenas pozas e saltos de auga.
O camiño segue cara arriba camiño de Villar del Puerto polo que seguimos as indicacións cara a La Vid e Valporquero. Este tramo é o máis esixente e o que ten maior risco onde temos pasos nos que debemos facer uso das mans e zonas aéreas onde temos que coller precaucións.
Segundo imos subindo podemos contemplar a fermosura da paisaxe que nos rodea con o desfiladeiro aos nosos pés. Agora amplíase o horizonte e chegamos a Villar, aldea que cruzaremos camiñando uns metros por pista asfaltada ata un pouco antes dunha curva ao final do lugar onde abandonamos o asfalto para coller un camiño á esquerda que nos levará paralelos ao rego.
O camiño segue ascendendo, pasamos pola zona de Vallín del Gato onde temos boas panorámicas. O camiño vai xirando suavemente á esquerda e pasa xunto a unha cabana de pastores, despois da cal, o camiño xira á dereita para acadar o seu punto máis alto, o Collado Campo Valle (1.542 m) e tamén o máis alto desta travesía.
O camiño xira totalmente na dirección oposta a que traíamos pero máis alto, e logo vira á esquerda para baixar polo Barranco de Lagos ata a confluencia deste regato con o Vallinos que unha vez xutos toma o nome de Arroyo Gocillo.
Agora vamos deixando este regato á nosa esquerda para facer unha pequena subida cara as abas de Peña Moneca onde xa temos boas vistas de Valporquero. O carreiro segue cara ao leste ata as inmediacións do aparcadoiro das Covas de Valporquero onde collemos un desvío á esquerda para baixar a Valporquero de Torío, lugar onde remata esta travesía.