11 11 19 Desfiladeiro de Bustelín (Ibias) Asturias
VER PUNTO DE SAÍDA | VER MAPA DA RUTA | VER GALERÍA DE FOTOS | PDF EN CASTELÁN |
SITUACIÓN: Ibias (Asturias)
ACCESO: Dende A Veiga pola estrada que vai a Fonsagrada. En Barbeitos deberemos xirar a esquerda cara ao porto de El Palo e aquí a dereita para baixar ata a ponte de Boadil onde xiramos a dereita e a 2 km atopamos Río de Porcos ao que acedemos por unha ponte colgante (225 m)
HORARIO: De 5 a 6 horas DISTANCIA: 16,200 km TIPO DE ROTA: Circular
DESNIVEL ACUMULADO: 870 m ALTURA MÁXIMA: 770 m
DIFICULTADE: Media
MAPA: I.G.N. – 74 – IV
SINOPSE: Esta é unha auténtica rota de sendeirismo, onde o camiño pasa a carón do río con árbores de ribeira, por aldeas abandonadas ou case abandonadas, tendo tamén boas vistas dende a parte alta do percorrido con fermosas panorámicas.
Aínda que o sendeiro non é perigoso, debemos ter precaución en todo o recorrido pois o camiño descorre por riba de rochas en moitos tramos e sobre todo na baixada da aldea de Busto ata o río porque en caso de estar mollado os esvaróns son case inevitables. Polo demais o sendeiro está limpo e moi ben sinalizado polo que só temos que mirar nos cruces e seguir as marcas.
A única crítica e para os tempos que marcan as sinais nalgúns tramos pois son case imposibles de facer, e menos estando mollado.
DESCRICIÓN DA ROTA: Despois de cruzar o río Navia pola ponte colgante, comezamos a rota camiñando cara a aldea de Río de Porcos internándonos por debaixo das parras que cobren o camiño antigo entre laxas de pedra. A esquerda temos penas poboadas por sobreiras, curiosidade botánica que se da nestes paraxes ao amparo da intensa seca do verán. Destas árbores sacaban as cortizas para facer trobos.
Logo de pasar esta aldea polo mesmo medio, collemos un sendeiro que en suave subida e con fermosas vistas do desfiladeiro nos achega a Bustelín, aldea agora abandonada totalmente situada enriba do río do mesmo nome, comezando unha baixada ata a beira do río. Cruzamos por unha ponte de madeira e comezamos outra subida por un sendeiro que fai anos percorría a xente de Peneda para traballar nas obras nunca rematadas do encoro de Gran Suarna.
De seguida atopamos unha bifurcación perfectamente sinalizada onde collemos en dirección a Penedela, o camiño agora sobe a través dos cortados da Regueira de Gamalleira e Valdefresno. Entre ambas, podemos descansar as ruínas do Cortín da Capilla e na época de sazón encherse de morodos, froitos do érbedo, onde temos un bo montón.
Proseguimos o camiño que nos sigue deparando fermosas vistas sobre do río e o seu entorno, para chegar a Cova do Oso, onde existiron as minas de ferro das que se extraía o mineral para as ferrerías de Fornaza e Vilar de Cuíña.
Case rematada a subida, chegamos ao que se chama Teso da Cuba, seguimos ata a aldea de Penedela a cal temos que cruzar. Dende aquí seguimos pola pista que vai ao Chao da Arqueira, pasando ao lado da capela de San Antoño.
A pista ten certa pendente pero é de bo andar, deixándoa logo de varias reviravoltas e xirando a esquerda para subir a Peneda.
Temos que cruzar polo mesmo medio desta aldea seguindo as sinais do camiño que nos indican a Busto. Neste tramo temos tamén boas panorámicas que nos permiten observar ata moi lonxe terras da Fonsagrada. O sendeiro ten un paso aéreo dende o cal xa se divisa a aldea de Busto e parte do camiño que nos falta por recorrer. Ben merece a pena tomar un descanso neste paso e deleitarnos con as vistas que nos depara.
Seguimos o noso itinerario sen pendentes apreciables camiño de Busto para pasar polo fondo desta aldea xunto a unha capela.
O sendeiro primeiro en chan, de seguida comeza a baixar en busca do río, baixada na que teremos que poñer atención pois estará esvaradía en caso de choiva. Logo de levar un bo tempo baixando, cruzamos un regato, para de seguida chegar a outro que tamén temos que cruzar. Dende aquí axiña chegamos a ponte de madeira e polo mesmo camiño que antes recorremos subimos a Bustelín e chegamos a Río de Porcos de seguida.