19 08 13 Castillo d´Acher

PUNTO DE SAÍDA 

TRAZADO DA RUTA

GALERÍA DE FOTOS

  PDF CASTELÁN

MAPA PARA IMPRIMIR

 

SITUACIÓN: Valle de Hecho (Huesca)

PUNTO DE PARTIDA: Puente de Oza (1.123 m)

ACCESO: Pola estrada HU – V – 2132 que sobe de Hecho a Selva de Oza atravesando o barranco de La Boca del Infierno que separa o macizo, da serra de Alano.                            

HORARIO: 7/8 h                             DESNIVEL: 1.250 m                 DIFICULTADE: Media           

TIPO DE RUTA: Circular

MAPAS: I.G.N. – 144 – I – II – Valles de Ansó y Echo de Alpina.

SINOPSE: O Castillo d´Acher é unha fortaleza cun colorido especial onde contrasta o verde do bosque coa rocha calía que o forma. Unha fermosa montaña mírese como se mire á que hai que subir para descubrir a formidable panorámica que nos amosa.

DESCRICIÓN DA RUTA: A camiñada comeza nada máis cruzar a ponte de Oza, xunto a un panel indicador. Aquí arranca un sendeiro que deixa á esquerda o campamento de Ramiro el Monje. Saímos a unha pista forestal que gaña altura no bosque pola beira dereita do barranco de Espata. A pista máis arriba, convértese nun sendeiro chegando a o refuxio forestal Castillo d´Acher (1.740 m), situado nun despexado chan na divisoria entre os barrancos de La Espata e do Borregueril d´Acher.

            Camiñamos cara ao leste para situarnos na lomba suroeste (1.890 m), pola que seguimos a marcha en dirección a brecha de acceso que rompe a muralla (2.275 m). Unha vez alí, seguimos pola dereita, progresando ao longo da crista, subindo primeiro a cota sur do Castillo d´Acher (2.347 m).

            Logo continuamos subindo cara ao norte ao ante cume oriental (2.363 m) para rematar no cume principal (2.384 m).

            Outra opción é dende o refuxio buscar na parte esquerda da muralla unha canaliña (2.050 m) fácil que permite acceder ao comezo do afundimento da meseta somital. Podemos así chegar ao cume recorrendo o val ou seguindo o cristeirío entre a Punta de Oza (2.193 m) e o cume principal do Castillo d´Acher (2.384 m).

            De novo no refuxio de  pastores continuamos por carreiro case en chan ata a Collada Barcal (2.060 m) onde xiramos á esquerda, norte, pola vertente dereita do barranco de Barcal. Baixamos este barranco ata a cota de 1.660 m onde cruzamos a  outra vertente. O carreiro desde aquí é practicamente chan durante uns tres quilómetros,  pasamos xunto a outro refuxio chegando logo a un cimbro dese o que comezamos a baixada ata o punto de  comezo da ruta. Neste tramo debemos fixarnos no carreiro e nos fitos porque a vexetación invade algúns tramos deste carreiro.          

            De todas maneiras, non hai problema para camiñar por este bosque de faias, temos que ir baixando ata atopar un sendeiro, xa máis marcado na parte inferior da ladeira que nos levará ao inicio da ruta.