19 09 21 Costa da Vela (C. do Morrazo) Pontevedra

 

PUNTO DE SAÍDA

TRAZADO DA RUTA

GALERÍA DE FOTOS

PDF CASTELÁN

MAPA PARA IMPRIMIR

 

SITUACIÓN: Península de O Morrazo (Cangas de O Morrazo) Pontevedra

PUNTO DE PARTIDA: Donón (60 m)

ACCESO: A Donón chégase dende a AP – 9, antes da Ponte de Rande, collendo a CG- 4.1 ata a EP – 1006 en Donón.

HORARIO:4 horas                         DESNIVEL: 300 m                          DISTANCIA: 12 km

DIFICULTADE: Baixa                    TIPO DE RUTA: Circular

COTA MÍNIMA: Praias (0 m)                     COTA MÁXIMA: Monte Facho (184 m)

MAPAS: I.G.N. – 222 – II – 223 – I

SINOPSE: Entre as rías de Vigo e Pontevedra, no punto máis occidental da península do Morrazo, atópase a Costa da Vela.  Este é un mundo virxe no que o mar e os piñeiros son os donos da paisaxe, sendo aquí as vistas dunha beleza espectacular.

            A ruta proposta pola Costa da Vela, levaranos a gozar de fermosos recunchos entre os que se atopan os famosos faros que protexen a entrada á ría de Vigo, estreitos carreiros preto dos cantís, praias de area branca e as espectaculares Illas Cíes.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Para facer este percorrido temos que unir varios sendeiros e camiños rurais, andando así polas paisaxes e lugares de máis interese da zona.

            Comezamos en Donón, xunto á coñecida escultura da Caracola, onde temos as primeiras vistas das Illas Cíes á nosa esquerda e da Illa de Ons pola dereita. Contemplar a posta do sol desde este lugar e sinxelamente impresionante.

Seguimos a camiñada por unha pista ancha que discorre, durante dous quilómetros, paralela á costa, en dirección ao Cabo Home. Neste tramo podemos atoparnos con algún vehículo, sobre todo no verán, pero temos un camiño habilitado para peóns e ciclistas. As vistas fanse máis impresionantes, con as Cíes sempre presentes e os cantís, que en algún tramo superan os cen metros de altura, espectaculares.

            Chegamos á zona dos faros, onde nos desviamos da pista principal para seguir por carreiros que van preto dos cantís, posiblemente o tramo máis fermoso de todo o percorrido, con as olas golpeando os nosos pés e as illas ao fondo. Paseniñamente vamos achegándonos ata o faro do Cabo Home, pasando antes xunto a Furna de Basaduriños, unha cova feita polo mar.

            O Cabo Home é o punto do continente máis preto das Illas Cíes, uns dous quilómetros, onde nos agarda un faro escorreito construído no ano 1.853, con 18 m de altura e unha luz que alcanza os 12 km.

            Uns cincocentos metros máis aló, chegamos ao faro de Punta Robaleira, xunto ao cal destaca unha cruz de pedra rememorando ao mariñeiro Pepe Ruíz.

            Seguimos o noso camiño en dirección á praia de Melide, unha das máis salvaxes das Rías Baixas, de area branca e augas limpas, destacando o seu sistema areal, de gran valor ecolóxico.

            Cruzamos pola mesma praia ou polos camiños que a rodean, para seguir cara á Punta Subrido, derradeiro faro da entrada á ría de Vigo. Agora baixamos de novo á beira do mar onde podemos facer un desvío para visitar as ruínas dunha antiga instalación baleeira.

            Chegamos á praia de Barra na que deixamos a costa para entrar nun piñeiral que pouco a pouco nos conduce ao Monte Facho, último punto de interese da ruta, no que teremos as mellores vistas de todo o percorrido.

            Neste lugar temos os restos dun antigo castro, habitado fai 3.000 ano por varias tribus da zona, que se asentaron aquí para controlar este tramo de costa sendo, ademais, un lugar sagrado, tanto para os pobos prehistóricos como para os romanos.

            Logo quédanos baixar pola antiga calzada empedrada para chegar de novo ao comezo da ruta.