19 06 15 De Solle a Reyero (Lillo e Reyero) León
MAPA PARA IMPRIMIR |
SITUACIÓN: Lillo e Reyero (León)
PUNTO DE PARTIDA: Solle (1.160 m)
ACCESO: Dende a estrada que vai do Porto de San Isidro, pola LE – 331 ata a altura de La Vega del Campo. Alí collemos a LE – 3618 que vai a San Cibrián e Solle.
HORARIO: 4/5 horas DESNIVEL: 750 m DISTANCIA: 16 km
DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Travesía
COTA MÍNIMA: Solle e Reyero (1.160 m) COTA MÁXIMA: La Hoya (1.687 m)
MAPAS: I.G.N. – 104 – II – 105 – I
SINOPSE: A ruta de La Biesca ou Avellanar de Solle percorre o bosque de avelairas máis grande da Cordilleira Cantábrica e un dos máis grandes de Europa que tamén destaca polo seu faial. En zonas queimadas fixéronse plantacións de carballos e pino silvestre.
DESCRICIÓN DA RUTA: Saímos de Solle pasando xunto a unha fonte con bebedeiro, cara ao sur leste por unha cómoda pista que se dirixe ao Puerto de Linares polo val de Valdesolle. No comezo, está sinalizado como PR – LE – 30 “Ruta de Biescas”.
Chegamos a unha bifurcación onde, para ir ao avelanal temos que coller un carreiro á dereita rodeando unha pena, pasada esta, temos unha vista xeral do avelanal. A pendente acentúase agora para cruzar un primeiro tramo deste bosque, saíndo a un claro onde se sitúa o Collado Orones (1.425 m) e remata este primeiro tramo de subida.
O camiño comeza a perder altura para internarse de novo no avelanal polo que camiñaremos en dirección oeste ata o seu remate, logo comeza unha subida que nos vai levar ata a pista que vai de Solle ao Collado de Linares.
A pista sobe pasando xunto a unha cabana de pastores (1.443 m), situada baixo La Peña del Valle e un pouco máis arriba alcanzamos o Puerto de Linares (1.498 m).
Este outeiro, desde o que vemos o pico La Hoya, a través dunha cancela da paso a outro val, cruzamos o rego de Remolina e chegamos a onde se asenta o casarío de Linares (1.440 m). Pasamos entre a casa que nos queda á esquerda e un bebedeiro á dereita. Desde aquí a pista sobe ata a Collada de Linares (1.569 m) pero, antes de chegar a ela xiramos á dereita para cruzar polo alto dunhas rochas, que se pode evitar pola dereita, e así acadamos a Collada de Reyero (1.529 m).
Desde este punto sóbese ao pico La Hoya (1.687 m) situada a un quilómetro aproximadamente. Desde o cume temos boas vistas das montañas máis importantes de Riaño, no fondo aséntase Lois.
De volta no Collado Reyero, preséntanse dúas opcións de baixada a Reyero. Pola esquerda báixase polo camiño de Valderriero ou de Lois, e pola dereita polos Puertos de Valdehigüende, que é o camiño que eliximos para baixar.
Seguimos a pista para deixala de seguida e baixar a esquerda por zona de prados. A baixada acentúase e o camiño discorre flanqueado por unha carballeira, logo da cal, chegamos a Reyero (1.160 m)