18 05 12 Ruta circular ó Tiatordos

PUNTO DE SAÍDA

TRAZADO DA RUTA

GALERÍA DE FOTOS

PDF CASTELÁN

MAPA PARA IMPRIMIR

 

SITUACIÓN: Ponga e Caso (Asturias)

PUNTO DE PARTIDA: Taranes (580 m)

ACCESO: Desde Cangas de Onís pola estrada que vai a Riaño, logo collemos cara a Sellaño seguindo ata Las Mestas onde temos un desvío á dereita a Taranes

HORARIO: 8/10 horas                   DESNIVEL: 1.500 m                      DISTANCIA: 18 km

DIFICULTADE: Alta                       TIPO DE RUTA: Circular

COTA MÍNIMA: Taranes (580 m)            COTA MÁXIMA: Pico Tiatordos (1.951 m)

MAPA: I.G.N. – 54 – IV

SINOPSE: Dura, incrible e fermosa ruta polo territorio de Ponga, de bosques indómitos, salvaxes e fantásticos, lugares naturais que aínda quedan e que debemos preservar por riba de todo. As vistas desde o Tiatordos son inigualables, por algo lle chaman a montaña perfecta. Ninguén se atreverá a dicir que non mereceu a pena.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Pouco antes de chegar a Taranes (580 m), nunha curva pechada onde se cruza o regato Taranes, sae un carreiro á esquerda onde se atopan os restos dun antigo muíño. Un cartel indica a ruta ó Tiatordos aínda que, un pouco esaxerado, pon “acceso y ruta muy peligrosos”.

            En pouco tempo chegamos á ponte Picacero, que deixamos á nosa dereita, atopándose ao outro lado un antigo lavadoiro.

Poucos metros máis adiante abandonamos este camiño que vai á Foz de la Escalada e collemos un camiño empedrado que sobe pola nosa esquerda. O camiño, que segue por zona arborada en dirección sur leste, vai gañando altura, cruzando o rego de Castro.

Logo de cruzar o rego chegamos a La Retuerta (740 m) onde atopamos unha encrucillada de camiños, o da esquerda baixa a Tanda, seguimos subindo polo da dereita en dirección sur. O camiño vaise esfumando polo que temos que prestar atención aos carreiros que van aparecendo que seguen na mesma dirección que levamos.

O carreiro acaba desaparecendo ao chegar aos costos prados destas abas, polo que seguimos mantendo a dirección sur suroeste. Podemos ver a Peña Taranes e parte da Mota Cetín chegando a antiga Braña de Oso ou Carbanedo.

Deixamos a braña para seguir a media ladeira cara ao val de Carbanedo e a copa do Tiatordos. Na vertente oposta podemos ver a Collada Forada e o carreiro que sobe ata ela. Diante de nós temos a impresionante copa do Tiatordos, un circo montañoso que se estende desde a Nariz de Malhome ata Campadamala, pasando polo cume do Tiatordos.

Comezamos unha curta pero dura subida ata a Collada Forada, tendo polo norte os vales de Ponga e por riba a Peña Taranes con a Collada Taranes a súa dereita e a pista que vai a Valle Moru. A Collada Forada (1.202 m) sitúase entre o extremo da copa do Tiatordos e a Xerra del Pandu.

Logo de chegar a este cimbro, pasamos á outra vertente dando vista aos cumes do Recuencu e Collau Zorru. O sendeiro discorre polas pendentes abas do Tiatordos, quedando detrás a Xerra del Pandu. O camiño supera o resalte rochoso de Cantu les Funes, perdendo uns metros de altura, para dirixirse ao faial de Formistaña. Neste lado do Tiatordos chama a atención unha agulla rochosa coñecida como Fusu la Muyer.

Internámonos no bosque de Formistaña por carreiro perfectamente marcado, con tramos tallados na rocha, e unha vez superado o bosque temos unhas boas vistas de Picos. De seguida chegamos ao fermoso lugar de Brañadosu (1.300 m) desde o cal subimos en dirección oeste en busca dun cimbro situado na parte alta deste val.

Así chegamos ao cimbro de Solafoz (1.500 m) que xunto ao de Pandellanza unes os cumes do Tiatordos e Maciédome. Este cordal separa as terras de Caso e Ponga. Baixamos por un carreiro que se mete no faial de Pandellanza e logo entre xestas que dificultan o paso, chegando así á fonte de Los Xirús. Ao outro lado da bagoada o carreiro sobe ata a braña de Tiatordos, lugar tamén de grande beleza.

Sobordada a braña, comezamos a laboriosa subida ao Tiatordos. Uns catrocentos metros de desnivel nun quilómetro farán interminable esta subida aínda que, unha vez enriba, esqueceremos de seguida este derradeiro esforzo.

As vistas desde o cume quitan o alento. A caída cara a cunca de Carbanedo de mais de cincocentos metros é impresionante así como tamén as vistas cara a San Xuan de Beleño, capital de Ponga, os Macizos Occidental e Central de Picos de Europa, a serra de Aranga, o Pierzu, Carriá e Peña Salón, Maciédome, Campigüeños e moitos máis.

Baixamos de novo preto da braña de Tiatordos desde onde nos diriximos á Collada los Fitos baixando logo á fermosa braña de Entregüé (1.400 m), que posúe numerosas cabanas, a maioría en ruínas.

Na braña xiramos ao leste collendo un carreiro que baixa pola esquerda o regato que nos leva as campeiras e Collada de Sonsierra. Pasamos unha portiña que nos da paso ao bosque de La Bufona. O tramo primeiro, de pronunciada baixada, pasa xunto a unha cova, seguindo logo por marcado carreiro, pola zona máis espesa do faial baixando facendo interminables zigzags por un considerable desnivel.

Rematada a baixada do faial de La Bufona cruzamos un rego por unha ponte de madeira chegando preto da braña de El Fresno (1.000 m), enlazando con o camiño que baixa desta braña. Dirixímonos en baixada cara a Foz de la Escalada por camiño empedrado deixando á nosa dereita unha fermosa fervenza.

A Foz de la Escalada, tallada polo río Taranes, divide a Peña de Taranes e o pico Monteagudo. Unha vez pasada a estreitura, temos que cruzar o río  seguindo a baixada, agora máis suave, ata Taranes.