18 07 15 De Caín a Cordiñanes por Mesones e Capozo

 

PUNTO DE SAÍDA

TRAZADO DA RUTA

GALERÍA DE FOTOS

PDF CASTELÁN

MAPA PARA IMPRIMIR

 

SITUACIÓN: Valdeón (León)

PUNTO DE PARTIDA: Caín (460 m)

ACCESO: A Caín chegamos desde Cordiñanes por as Canales de Arria e Arzón ou Moeño. Tamén se chega pola estrada desde Posada de Valdeón.

HORARIO: 6/7 horas                     DESNIVEL:  1.250 m         DISTANCIA: 15 km

DIFICULTADE: Media       TIPO DE RUTA: Travesía

COTA MÍNIMA: Caín (460 m)       COTA MÁXIMA: Puertos de Cuba (1.950 m)

MAPA: Macizo Occidental de Picos de Europa de Adrados

SINOPSE: Desde Caín solo hai dúas saídas fáciles. Ben en coche pola pista que leva a Posada de Valdeón ou ben camiñando pola fácil ruta do Cares.

            As demais saídas desde Caín, ben cara ao Macizo Central ou o Occidental fanse subindo canles que te deixan sen resollo. Camiño do Macizo Central temos as canles de Moeño, Arzón, Dobresengros a Canal da Auga e a Canal de Piedra Bellida, todas longas e moi pendentes e cara o Macizo Occidental contamos con a Canal de Mesones, Canal de la Jerrera ou a Canal de Trea entre outras. Moitas destas canles contan con pasos complicados polos “sedos” que aínda se conservan e que desde logo, non son aptas para todo o mundo.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Saímos da parte alta de Caín para coller o camiño de Pendín que con forte pendente pasa ó carón do depósito de auga e chega a Caín de Arriba. Agora con menos pendente saímos de Caín de Arriba atravesando fincas de prados e nogueiras empinándose logo o carreiro camiño do Sedo de Mesones despois de pasar a fonte de Cuciao.

            Subimos polo Sedo de Mesones para chegar á braña do mesmo nome (1.460 m). Seguimos agora pola esquerda en dirección sur cara a vertente occidental do Cueto de los Cabritos, chegando así á parte superior do Hoyo de Jucabao que cruzamos a media ladeira pola parte esquerda.

            Por sendeiro ben marcado en terreo herboso chegamos ao paso máis baixo que hai na longa crista que baixa da parte máis oriental de Peña Santa dirixíndose ao Cueto de los Cabritos, entre a Cerra del Rayo e a Cerra de Cuba. Son os Puertos de Cuba (1.957 m) polos que pasmos á outra vertente en dirección oeste cara á Pedriza de Carbanal perdendo altura ata enlazar con o camiño que ven de Vega Huerta.

            Aquí xiramos á nosa esquerda en baixada pronunciada pola Cuesta del Hombro ao Joyo del Cabrero. A baixada segue, perdendo pouca altura no comezo por unha ampla canle. No remate desta o camiño parece dirixirse á Canal de Capozo que, aínda que parece accesible, non debemos coller porque temos que seguir un sendeiro marcado con fitos que van pola nosa dereita.

            Despois de baixar as primeiras pendentes herbosas por estreito carreiro chegamos a un lugar no que a vexetación comeza a ser máis alta. Á dereita, fora do camiño temos a Cueva del Agua na que existe unha fonte con bebedeiro.

            Seguimos agora por forte baixada na zona de Los Cabidos, entre avelaneiras por camiño cada vez máis marcado. A vexetación cada vez é máis alta e, na parte final da Canal de Capozo o camiño está tallado na rocha. Saímos da canle cara á dereita polo medio dun bosque de faias, seguindo agora un claro camiño a media ladeira que cruza o rego de La Farfada, por debaixo da Canal de Tras la Evernosa.

             O claro e cómodo sendeiro segue con bo trazo e sen grandes desniveis ata o miradoiro de El Tombo (830 m) desde o que chegamos atravesando o río Cares a Cordiñanes