18 12 17 Castelón de Castañoso

 

PUNTO DE SAÍDA

TRAZADO DA RUTA

GALERÍA DE FOTOS

PDF CASTELÁN

MAPA PARA IMPRIMIR

 

SITUACIÓN:  A Fonsagrada (Lugo)

PUNTO DE PARTIDA E CHEGADA: Silvachá (700 m)

ACCESO: Desde A Fonsagrada pola estrada LU – 740 ata Padrairo onde collemos unha pista que sae pola esquerda en dirección a Maderne. Silvachá dista uns 13 km de A Fonsagrada.

HORARIO: 3/4 horas                     DESNIVEL: 385 m              DISTANCIA: 6 km

DIFICULTADE: Media                   TIPO DE RUTA: Circular

COTA MÍNIMA: Rego das Covas (420 m)        COTA MÁXIMA: Silvachá (700 m)

MAPAS: I.G.N. – 49 – III – 74 – I

SINOPSE: Esta ruta, aínda que curta, catalogámola de nivel medio debido a que para realizala, faise case imprescindible o uso dos bastóns porque, en varias zonas, a forte inclinación do carreiro e o esvaradío do terreo así o aconsellan.  Polo demais, é unha ruta para facela tranquilamente, gozando en todo momento da exuberante natureza que nos rodea.

O castro non foi escavado e só se estudou unha pequena parte na que apareceu unha sauna castrexa nun souto de difícil acceso coñecido por Campo do Castro, sendo un dos poucos exemplos desta construción no actual territorio galego. A pedra formosa atopouse fracturada e a construción, cunha gran falsa bóveda, corría perigo de derrubamento. No verán de 2015 comezaron os traballos de restauración da sauna polo Museo da Fonsagrada por mor do seu perigo de derrubamento. A construción consta dunha cámara de combustión (forno), unha sala de valores e unha vivenda con compartimentos, máis alta e complexa do habitual. Unha canle traballada na pedra e por unha ponte de madeira achegaba a auga a unha pía. Ademais da pedra formosa atopáronse unha fíbula de bronce e cerámica. Crese que estas construcións, de orixe prerromana, eran de uso ritual e non lúdico ou hixiénico.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: O autobús déixanos no campo da festa, situado na parte superior da aldea de Silvachá (700 m). Camiñamos cruzando o lugar en dirección noroeste por pista asfaltada, que abandonamos logo de oitocentos metros. Pola esquerda baixa unha pista forestal que vai facendo varios zigzags por terreo bastante pendente. Logo, deixamos esta pista para coller un carreiro, moi costo e esvaradío no primeiro tramo que nos interna nun fermoso bosque baixando ata atravesar o Rego das Covas (420 m).

            Cruzamos o rego por unha ponte de madeira, o lugar é realmente fermoso, no que se xuntan o Rego das Covas e o Rego de Valdobarreiro formando pequenos saltos e pozas.

            Ata aquí todo o camiño foi baixada, con tramos de forte pendente pero agora o camiño cambia o trazo e serpea polo monte arriba, tamén con moita pendente ata chegar ao Castro de Castañoso (600 m) que destaca pola conservación de numerosas paredes, situado entre os regos de Covas e Valdobarreiro.

            A ruta segue en subida pasando xunto ao impresionante cortín de López e Villar. Máis arriba podemos desviarnos para ver a fervenza de Valdobarreiro e  de seguida atoparemos un cartel informativo.

            Xunto ao cartel, temos un desvío, pola dereita que sobe a Castañoso, desvío que rexeitamos para seguir pola esquerda collendo o carreiro que nos leva atravesando un fermoso souto ata  outro cruce onde tamén temos outro cartel. De novo, rexeitamos o camiño da dereita que sobe a Castañoso para seguir pola esquerda polo camiño que baixa en dirección á capela de Santiago, situada nun outeiro no medio dun souto nun entorno incomparable rodeada de castiñeiros impresionantes, atópase esta capela soa e en estado de abandono no medio do monte.

Deixamos a capela á nosa dereita para seguir a baixada que nos vai levar de novo a outro cartel informativo, lugar onde chega a ruta do atallo. Seguimos baixando polo monte para atopar outra capela, a de Santiago e máis abaixo temos o Muíño do Penallo en estado de abandono total pero, situado preto dunha pequena pero fermosa seimeira.

            Despois de cruzar o rego comeza a dura e derradeira subida que nos ha de levar ata o lugar de Silvachá.