18 11 17 Requexón de Valdunes
TRAZADO DA RUTA |
MAPA PARA IMPRIMIR |
SITUACIÓN: Caso (Asturias)
PUNTO DE PARTIDA: Barrio de Nozaleda - Orlé (650 m)
ACCESO: Pola AS – 117 que vai ao porto de Tarna. En Campo Caso collemos a AS – 254 que vai a Infiesto.
HORARIO: 5/6 horas DESNIVEL: 950 m DISTANCIA: 15 km
DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Circular
COTA MÍNIMA: Nozaleda (650 m)
COTA MÁXIMA: Requexón de Valdunes (1.570 m)
MAPA: I.G.N. – 54 – IV
SINOPSE: O sucalcado casarío de Orlé ofrece mostras moi representativas da arquitectura popular, con casas de madeira e pedra rehabilitadas que manteñen a estrutura primitiva.
O Requexón de Valdunes é unha montaña illada ubicada estratexicamente na zona do Parque Natural de Redes. Forma parte da serra de Cárdenas, encadrándose nunha das zonas máis protexidas o Parque.
DESCRICIÓN DA RUTA: Partimos de Nozaleda cruzando o río Orlé, que deixamos á nosa esquerda collendo de seguida rumbo surleste por unha pista gandeira en continua subida que discorre entre muros de pedra con abundante vexetación, de avelaneiros e castiñeiros primeiro que logo dan paso ao faial.
Logo dun par de quilómetros, despois de pasar algunha braña, remata a pista atopando varias cancelas, que dan paso a Vegalagos (1.070 m) primeiro e máis arriba a La Vallina (1.100 m), ambas con as súas correspondentes cabanas. Aquí temos dúas opcións:seguir a campeira ou ben, pola esquerda da cancela central, continuar subindo por sendeiro entre faias pegados ao límite da propiedade para acadar o Collau Gallegos (1.385 m).
Seguimos subindo na mesma dirección, con tendencia á esquerda, ata acadar Cotu Braña (1.474 m). Por esta subida podemos ver a braña Los Foyancos, Colláu e Vega Llagos. Seguimos en suave ascenso a modesta cristeira con rumbo norte, entre faias e mato para desembocar en Collau Braña (1.528 m) xa moi preto do cume.
Os derradeiros pasos son por monte baixo, bordeando o abismo da cara norte chegando así ao cume. Dada a súa solitaria ubicación, este cume ofrece panorámicas nos 360º. Polo norte a braña Conforcos e a Foz de Melordaña, a braña de Valloseru, Peña Ordaliega, Cuetón de las Traviesas e Los Tornos de Pandemules. Polo leste o Campigüeños, a Carrasca, Tiatordos, Luengu e Zorru. Polo surleste temos a Senda, o Torres e moitos máis.
A baixada facémola preto da aresta rumbo oeste, baixamos por carreiro sen complicacións ata unha campeira para seguir ata o nacemento do rego Troncau preto do Collado Capiella. Neste lugar xiramos en dirección nordeste baixando polo val collendo o carreiro que ven de Pendones.
O carreiro intérnase no bosque chegando a unhas cabanas. Logo de pasar estas temos á dereita a fermosa Foz de Melordaña, e un pouco máis abaixo as cabanas de Conforcos cun rechamante refuxio de cazadores.
Seguimos polo val do río Orlé chegando de seguida á braña Acebal e xa por moi bo camiño chegamos o punto de partida.