17 07 26 Refuxio de Góriz -Torla

PUNTO DE SAÍDA

TRAZADO DA RUTA

GALERÍA DE FOTOS

PDF CASTELÁN

MAPA PARA IMPRIMIR

 

SITUACIÓN: Parque Nacional de Ordesa e Monte Perdido (Huesca)

PUNTO DE PARTIDA: Refuxio de Góriz (2.195 m)

ACCESO: Ao refuxio de Góriz chégase desde varios puntos. O principal e máis fáciel é desde a Pradera de Ordesa, pero tamén se chega desde Sarradets, Pineta ou desde San Úrbez subindo polo Cañón de Añisclo, que é o noso caso.

HORARIO: 6/7 horas          DESNIVEL: 1.150 m de baixada             DISTANCIA: 20 km

DIFICULTADE: Media       TIPO DE RUTA: Travesía

COTA MÍNIMA: Torla (1.020 m) COTA MÁXIMA: Refuxio de Góriz (2.195 m)

MAPA: Valle de Ordesa – Monte Perdido 1: 25.000 de Alpina

SINOPSE: Trátase dun completo e variado percorrido que parte do mundo de rochas de Góriz e baixa polas espidos chans de Soaso ata meternos na mansa frondosidade da Pradera de Ordesa, nun mundo de fervenzas, mosaico vexetal e paisaxe glaciar.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Partimos do refuxio (2.195 m) en dirección sur para situarnos de seguida na Plana Bernard (2.030 m) onde o camiño fai un amplo zigzag para situarnos por riba das caravillas de Soaso. Neste lugar temos dúas opcións, ben baixar polas caravillas que apenas teñen dificultade ou seguir de fronte para dar un rodeo gañando de igual maneira á ponte de Soaso. Neste lugar tamén temos a opción de coller a Faja de Pelay e baixar á Pradera de Ordesa pola Senda de los Cazadores.

            Desde a ponte de Soaso (1.760 m) temos cara ao norte a famosa Cola de Caballo cuxa fermosura depende en gran maneira do caudal de auga.

            O camiño non ofrece perda algunha xa que seguimos as marcas do GR – 11. Seguimos pola marxe dereita do río Arazas pasando xunto ao refuxio de Soaso e chegando á paraxe máis espectacular da ruta: as Gradas de Soaso. O val vai estreitándose entre altísimas paredes e o camiño intérnase nun frondoso faial. A partir de aquí o camiño convértese nunha ampla pista que transita folo fondo do val.

            O camiño fai un amplo zigzag para entrar no Bosque de las Hayas no que temos varias fervenzas. A primeira a de El Estrecho, seguida da Cueva e logo Las Arripas xunto á ponte do mesmo nome (1.440 m)

            Seguimos pola marxe dereita do río, pasamos xunto á ponte de Sarratieto pero o noso camiño segue de fronte. Máis abaixo, pola nosa dereita, quedan o Circo de Cotatuero con as súas caravillas e de fronte, pola dereita asoma o espectacular Tozal del Mallo.

            Un pouco antes de chegar ao aparcamento, cruzamos o río pola ponte de Los Cazadores (1.330 m) e collemos á dereita seguindo a marxe do río. Pasamos xunto á ponte de Las Fuentes que ignoramos porque agora levaremos o río á nosa dereita ata preto de Torla, e xunto ao monumento a Lucien Brient (1.340 m).

            Máis abaixo temos dous desvíos sinalizados que nos permiten acceder as fervenzas de Los Abetos e Tamborreta, desde o camiño de Turieto Bajo. Comezamos a ter boas vistas da confluencia dos ríos Ará e Arazas así como da fervenza de El Molinieto e o impresionante Tozal del Mallo.

            Agora temos unha bifurcación (1.120 m) onde o GR – 11 xira á dereita en dirección a Bujaruelo. Nosoutros temos que seguir o ramal da esquerda polas marcas do GR – 15 - 2, que nos levarán río abaixo ata entroncar cunha pista que seguiremos ata a ponte de La Glera (970 m). Aquí cruzamos o río e nun anaco chegamos a Torla.