12 06 17 Illa de Ons
VER PUNTO DE SAÍDA | VER MAPA DA RUTA | VER GALERÍA DE FOTOS | PDF EN CASTELÁN |
Parque Natural Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia
Está composto por catro arquipélagos: Cortegada, Sálvora, Ons e Cíes que pertencen as provincias de Pontevedra e A Coruña da Comunidade Galega.
Comprende os concellos de Vigo, Bueu, Vilagarcía de Arousa e Ribeira, tendo unha superficie de 8.333 hectáreas das cales 1.194,8 son terrestres e 7.285,2 mariñas.
A data da creación do Parque Natural foi o 1 de Xullo de 2.002. Cíes, Ons e Sálvora pertencen, tamén, a tres Lugares de Importancia Comunitaria (LIC). Zona OSPAR (2008)
Os arquipélagos de Cies, Ons, Sálvora, Cortegada e o ámbito mariño que os rodean forman a contrastada paisaxe verde azulada que caracteriza ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Somerxidos entre as súas augas consérvanse algúns dos máis representativos exemplos de ecosistemas mariños atlánticos, os cales atesouran unha gran riqueza biolóxica. A súa localización, fronte ás Rías Baixas, crea unha barreira natural ante o océano que acentúa o ambiente estuárico das rías. No medio terrestre destacan os sistemas dunares, os acantilados e as matogueiras de toxo e breixo. No medio mariño con fondos rochosos son importantes as comunidades dos bosques de algas pardas (Sacorhiza polyschides e Laminaria spp) que dan acubillo a unha gran variedade de seres vivos. As correntes mariñas depositan as areas nas zonas máis resgardadas que xunto cos importantes fondos de Mäerl (conformados por restos de algas calcáreas) crean uns medios de substrato móbil ao que se deben adaptar os seres vivos.
Os primeiros indicios de poboadores en Ons corresponden ao asentamento de cultura castrexa da Idade de Bronce. O máis coñecido, aínda sen escavar, atópase por riba do barrio de Canexol sendo coñecido como Castelo dos Mouros. A falta de prospección deste castro déixanos tamén sen rexistro da ocupación romana nas illas, pois adoitaban instalarse nos poboados célticos existentes.
A illa de Ons aparece por primeira vez nun documento do ano 899, cando o rei Alfonso III doa a “Isla Aones” ao Cabildo Compostelán. A pesares dos ataques viquingos, coñeceuse na illa un mosteiro durante o século XV do que xa non quedan restos. A súa situación asociábase a un sepulcro antropomorfo que se conserva nun illote da praia de Area dos Cans.
Dende finais do século XVI comezou o asedio de corsarios ingleses e piratas que rematou coa fuxida a costa dos poboadores xa entrado o século XVIII. En 1.810 a Junta Provincial de Armamento y Defensa decidiu fortificar a illa, actuación da que se localizan os restos de dúas fortalezas, unha no barrio de Pereiró, da que só se conservan algunhas pedras, e outra preto do porto coñecida como Castelo da Roda. O aumento de seguridade permitiu a repoboación, e instaurouse unha división parcelaria de terreos que o Estado cedía aos illáns para o seu cultivo a cambio dun canon. A recadación destinábase en principio a sufragar as fortificacións e despois pasou a entregarse aos señores da illa.
Nos anos 1853 – 1840 instalouse a primeira fábrica de salmoira preto do porto e cambiou a vida dos illáns, que fixeron da pesca a súa actividade económica principal e aumentaron a súa poboación; cando finalmente a empresa pechou, trasladaron á costa a venta das capturas.
En 1929, Manuel Riobó comprou a illa e instalou unha sociedade mercantil adicada ao secado e comercialización do polbo e cóngaro, que motivou que os illàns se especializaran nestas especies. O herdeiro desta sociedade, Didio Riobó, suicidouse no comezo da Guerra Civil e a illa quedou sen xestión directa. En 1940 o Estado expropio a illa para defensa nacional, e cando a II Guerra Mundial rematou, a Illa de Ons pasou por distintas administracións do Estado: Instituto Nacional de Colonización, IRYDA, ICONA...
Durante os anos 40 – 50 a illa viviu a súa mellor época, con case cincocentos habitantes a finais dos anos 50. O despoboamento progresivo da illa en apenas 20 anos, debido a falta dunhas mellores condicións de vida dos illáns, foi parello, o mesmo que en Cies, ao auxe turístico, especialmente importante a partir dos anos 70.
Actualmente Ons é a única das Illas Atlánticas que aínda conserva poboación estable, aínda que, menos de 20 persoas.
Rutas de sendeirismo en Ons
MAPA: I.G.N. – 184 – IV
Ruta Sur
PUNTO DE PARTIDA: Aldea de Curro (20 m) HORARIO: 2h 30 m DESNIVEL: 86 DISTANCIA: 6,2 km DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Circular
DESCRICIÓN DA RUTA: Dende a aldea de Curro collemos a pista cara ao sur. O camiño discorre con suavidade paralelo as praias da costa sur leste. Imos pasando a praia de Area dos Cans, a Punta da Figueira Brava, a praia de Canexol chegando así ao Campamento de Voluntarios.
Xiramos a esquerda e o camiño conduciranos ao miradoiro de Fedorentos dende o que gozamos dunhas fantásticas vistas da costa sur galega, coa pequena illa de Onza aos nosos pés e ao fondo as Illas Cíes.
Proseguimos a ruta cara ao oeste ata chegar ao Buraco do Inferno, onde os contigos embates do mar construíron esta curiosa formación xeolóxica, que se comunica con o mar, entre os verticais cantís que compoñen esta zona da illa. Seguimos bordeando a costa occidental ata acadar a enseada de Caniveliñas, onde existe unha fonte co mesmo nome. Neste lugar, podemos coller o desvío a Curro ou ben seguir polo mesmo camiño ata conectar coa Ruta Norte de forma que podemos completar todo o perímetro da illa de Ons o que nos levaría unhas 6 horas para un percorrido de 13, 5 km.
Ruta do Faro
PUNTO DE PARTIDA: Aldea de Curro HORARIO: 1h 30 (ida e volta) DESNIVEL:120m
DISTANCIA: 4 km DIFICULTADE: Baixa TIPO DE RUTA: Ida e volta
DESCRICIÓN DA RUTA: Dende Curro seguimos a pista asfaltada que sobe suavemente ata a entrada do Faro. Unha vez alí collemos un sendeiro que rodea as instalacións do mesmo, xa que non está permitida a entrada no recinto, dando a volta pola pista asfaltada de regreso a Curro.
Dende o Faro e arredores podemos gozar dunha fermosa panorámica de todo o arquipélago de Ons e das Rías Baixas Galegas. Tamén, se a visibilidade o permite veremos as Cíes ao sur e Sálvora ao noroeste, que xunto con Cortegada e Ons constitúen o conxunto das Illas Atlántias.
Ruta Norte
PUNTO DE PARTIDA: Aldea de Curro HORARIO: 3 h DESNIVEL: 100 m
DISTANCIA: 8 km DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Circular
DESCRICIÓN DA RUTA: Collemos a pista asfaltada que sobe ao Faro e a medio camiño desviámonos á esquerda e de seguida á dereita. Seguimos recto xunto a zona de acampada, saíndo a pista que bordexa toda a cara occidental da illa. Seguimos a pista cara ao norte, entre toxos e breixos pasando a enseada de Bastián de Val onde existe a fonte do Gaiteiro, a única que atoparemos nesta zona.
Continuamos cara a punta Xuvenco e o alto da punta do Centolo, extremo norte da illa. É importante sinalar que o acceso ao alto da punta Centolo non está permitido entre o 15 de febreiro e o 31 de xullo debido a que esta é unha zona de cría das gaivotas. A pista xira e desemboca na praia de Melide, a máis fermosa da illa, na cal se practica dende hai tempo o nudismo. Dende aquí seguimos cara a Curro pola cara este da illa.