17 09 16 Canón do Sil - Santa Cristina
MAPA PARA IMPRIMIR |
SITUACIÓN: Parada de Sil (Ourense)
PUNTO DE PARTIDA: Praza do Barquilleiro (665 m)
ACCESO: Desde Ourense pola estrada OU-536 ata Vilariño Frío; alí coller o desvío pola OU-0604 ata Parada de Sil.
HORARIO: 6/7 horas DESNIVÉIS: 425 m de subidas, os mesmos de baixadas
DISTANCIA: 12,5 km DIFICULTADE: Baixa TIPO DE RUTA: Circular
MAPA: I.G.N. – 188 – IV
COTA MÍNIMA: Rego de Regueiral (385 m) COTA MÁXIMA: Parada de Sil (665 m)
SINOPSE: Esta interesante ruta comeza na Praza do Barquilleiro, podendo dividila en dous tramos dada a proximidade da Praza do Barquilleiro con Fondo de Vila permitindo diminuír o percorrido á metade.
O sendeiro transcorre maioritariamente por camiños de carro, entre coidados viñedos , centenarios soutos e fermosos miradoiros como é o Balcón de Madrid ou Balcón dos Mouros. Temos tamén o singular mosteiro románico de Santa Cristina de Ribas de Sil escondido no medio dun souto.
DESCRICIÓN DA RUTA: A ruta pode facerse en calquera dirección, escollendo nosoutros a que segue as agullas do reloxo.
Saímos da Praza do Barquilleiro (665 m) en dirección oeste camiñando uns metros pola estrada que vai a Castro para desviarnos por un camiño que sae pola dereita. Vamos en dirección norte paralelo ao regato Das Gavias entre bosque autóctono ata que damos un brusco xiro á esquerda para volver a atoparnos con a estrada anterior. Camiñamos por ela uns metros en dirección a Parada para abandonala pola súa marxe dereita entrando nun novo bosque autóctono no que se atopa a aldea abandonada de Chamoso (650 m). O camiño baixa ata atopar a estrada de novo que seguimos pero esta vez en dirección a Castro (620 m).
Atravesamos esta aldea en dirección norte, tendo na saída un cámping e o miradoiro de As Xariñas do Castro. O sendeiro, máis abaixo, chega á estrada que baixa ao mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil (430 m), que podemos visitar seguindo dita estrada. Volvemos os nosos pasos pola estrada ata o último punto que demos con ela e internámonos de novo no bosque en dirección suroeste para cruzar o regato Regueiral xa moi preto das augas do encoro de Santo Estevo.
O camiño xira bruscamente ao sur en dirección a Portela (550 m) que pasamos sen entrar nela. Cruzamos o regato do mesmo nome e xiramos de novo cara ao noroeste camiñando pouco nesa dirección porque de novo o sendeiro cambia de rumbo cara ao sur. Atravesamos agora o rego Das Gavias (540 m) con rumbo sur ata que collemos unha nova dirección, esta vez ao noroeste para pasar xunto a un campo de fútbol.
Xusto detrás deste campo, atópase o miradoiro Balcón de Madrid ou dos Mouros (640 m) que nos amosa unha fermosa vista sobre o Canón do Sil. Separado uns metros, máis adiante, temos outro miradoiro.
Rodeamos completamente o campo de fútbol para seguir uns metros pola estrada, abandonándoa axiña pola súa marxe esquerda. Volvemos a internarnos no bosque ata chegar a Fondo de Vila (640 m). Desde este lugar queda moi preto o punto de saída.
Pasamos xunto as primeiras casas do lugar para virar á dereita e por camiño chegar ao lugar de saída en Parada de Sil.