17 07 15 De Espasante ao Vicedo
MAPA PARA IMPRIMIR |
SITUACIÓN: Ortigueira e Mañón (A Coruña) O Vicedo (Lugo)
PUNTO DE PARTIDA: Estación de FEVE de Espasante (30 m)
ACCESO: Desde Ribadeo ou calquera outra parada do tren de FEVE
HORARIO: 5/6 horas DESNIVEL: Acumulado 400 m DISTANCIA: 18 km
DIFICULTADE: Baixa TIPO DE RUTA: Travesía
MAPAS: I.G.N. – 2 – III - IV
COTA MÍNIMA: Praias (0 m) COTA MÁXIMA: O Rubidio (135 m)
DESCRICIÓN DA RUTA: Esta camiñada parte da estación de FEVE de Espasante (30 m). A vinte metros da estación, cara ao poñente, baixa un rueiro ao encontro do río Dola e logo, pola estrada vella, chegamos a praza de Espasante e a praia de Santa Cristina, coas súas rochas volcánicas de alto interese xeolóxico. Dende o porto subimos cara ao castro da Punta dos Prados onde podemos observar os restos dos muros defensivos e unha parte escavada que deixa á vista un monumento con forno, edificación con tres compartimentos pequenos e un curioso sistema de canais que era o lugar dos baños, relacionado con ritos iniciáticos. É o único atopado en Galicia deste tipo pero, idéntico ao de Coaña (Asturias) é a varios en Portugal.
Seguimos rodeando a península para subir á Garita de Vela, que forma parte da rede de garitas diseminadas pola costa que se utilizaron para envío de sinais, como modo de comunicación. Continuando co recorrido acedemos á praia de San Antonio e Mazorgán. Ao pasar esta última, temos unha bifurcación na estrada asfaltada que colle á esquerda polo monte de O Carballo atravesando o lugar que forman a Punta Barrosa e a Punta da Bandexa ao mesmo tempo que podemos observar os farallóns da Gaivoteira.
O camiño segue por riba dos cantís ata a praia do Sarridal que atravesamos en toda a súa lonxitude tendo que abandonala xusto antes da praia de O Carro. Atravesamos un tramo de monte ata a estrada asfaltada que seguimos en dirección leste un bo tramo. Á nosa esquerda van quedando as praias Furada, Fabrega e O Coitelo, chamada así por un penedo característico que a defende do mar aberto.
Ao pouco de pasar O Coitelo, á esquerda, temos un miradoiro dende o cal podemos contemplar un bo tramo de cantil. Seguimos a nosa camiñada por riba da praia do Picón, chegando así á aldea do mesmo nome que unha vez, pasada a última casa, debemos coller un camiño que saen pola nosa esquerda que a través do monte nos leva a un novo miradoiro situado no Coto de Lousido.
O camiño baixa en dirección á praia de Esteiro, que atravesamos xunto aos chalés de Lousido para seguir, deixando a península de Estaca de Bares á nosa esquerda, por pista asfaltada ata o lugar de Mogor, situado enriba do Barqueiro.
Aquí collemos calquera das rúas que baixan ao porto do Barqueiro para seguir por sendeiro cara á estación do tren. Pasada esta, o sendeiro baixa por debaixo da estrada xeral en dirección á Ría do Barqueiro que cruzamos por unha antiga e fermosa ponte. Despois de cruzar a ría, o camiño pasa por debaixo da estrada nacional e logo dun pequeno tramo por monte damos vista a praia de Area Longa. Seguimos pola beira da area atravesando algunhas urbanizacións é polo barrio do Fomento chegamos ao Vicedo, lugar que podemos visitar antes de subir á estación de tren situada na parte alta do lugar.