17 06 03 Pico Moro e Pico Cerroso

 

PUNTO DE SAÍDA

TRAZADO DA RUTA

GALERÍA DE FOTOS

PDF CASTELÁN

MAPA PARA IMPRIMIR

 

SITUACIÓN: Sabero (León)

PUNTO DE PARTIDA: Santa Olaja de la Varga (1.000 m)

ACCESO: A uns 4 km de Cistierna en dirección norte pola N – 621 chegamos a un cruce que sinala Santa Olaja á dereita. Atravesamos o pobo seguindo a estrada que vai a Ocejo de la Peña. Aparcamos o coche uns douscentos metros logo de pasar unha canteira.

HORARIO: 6/7 horas    DESNIVEL: 1.200 m           DISTANCIA: 19 km

DIFICULTADE: Media      TIPO DE RUTA: Circular   MAPA: I.G.N. – 105 – III

COTA MÍNIMA: Punto de saída (995 m)       COTA MÁXIMA: Pico Cerroso (1.834 m)

SINOPSE: Tanto o pico Moro como o Cerroso quedan fora da masa principal da Cordilleira Cantábrica, situados ao sur da mesma forman un excelente balcón para termos unha nova perspectiva cara ao eixe principal da cordilleira.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Temos dúas pistas xunto a unha portiña metálica sendo a da esquerda a que debemos coller para comezar a subida cara a El Castillón. Entramos nun bosque poboado principalmente de aciñeiras e a pista vai desdibuxándose para converterse nun camiño entre arbustos. Chegamos a unha fonte onde nos aprovisionamos de auga, non fácil de atopar máis tarde. Abandonamos a fonte polo camiño da esquerda e de seguida chegamos a outro camiño que nos leva por debaixo do Castillón ata un punto desde o que podemos ver o primeiro dos cumes de hoxe, o pico Moro. O camiño lévanos a unha bagoada, perdéndose de todo na subida final á Collada Genciana (1.655 m). Desde este lugar, nunha curta subida poñémonos no cume sur do pico Moro (1.796 m). De novo na Collada Genciana baixamos cara ao nordeste a unha pista de nova construción que seguimos ata o Collado Argovejo (1.552 m).

            Segundo imos avanzando, podemos ver o cambio de tipo de rocha, sendo aquí un compacto conglomerado. Seguimos cara ao pico Cerroso (1.834 m) saíndo logo en dirección nordeste  por unha airosa cristeira. Podemos ver a pequena aldea de Argovejo, abaixo á esquerda e nós seguimos para acadar o Collado de Trapa (1.647 m) e seguindo na mesma dirección chegamos á Peña Verde (1.777 m).

            Aquí damos un brusco xiro ao sur para pasar por un cimbro (1.668 m) seguindo logo pola esquerda, por un pequeno val herboso, que remata xunto aos escombros dunha antiga mina. Un camiño pola dereita permítenos rodear un outeiro chegando ao lugar de La Peralina (1.406 m) onde é preciso baixar por un prado bastante costo ata a parte alta do río Duerna. Pola marxe dereita do río atoparemos un estreito camiño que logo se converte nunha pista bastante transitada que nos leva sen complicacións a Ocejo de la Peña.

Desde esta aldea, solo temos que seguir a pista asfaltada que a través do desfiladeiro de La Duerna nos leva ao comezo da ruta.