17 04 15 Ruta da Tebaida Berciana

 

PUNTO DE SAÍDA

TRAZADO DA RUTA

GALERÍA DE FOTOS

PDF CASTELÁN

MAPA PARA IMPRIMIR

 

SITUACIÓN: Ponferrada (León)

PUNTO DE PARTIDA: San Clemente de Valdueza (680 m)

ACCESO: Dende a A – 6 a altura de Ponferrada, collemos a estrada comarcal 161 ata San Esteban. Aquí coller en dirección Peñalba de Santiago ata Herrería de Montes, lugar onde comeza a rota.

HORARIO: 6/7 horas     DESNIVEL: 825 m              DISTANCIA: 22 km

DIFICULTADE: Media       TIPO DE RUTA: Circular

MAPA: I.G.N. – 191 – II

COTA MÍNIMA: San Clemente (680 m)      COTA MÁXIMA: Chano Collado (1.300 m)

SINOPSE: No deserto de Tebas foi onde apareceron os primeiros eremitas. A partires do século VII, nos montes limítrofes entres Castela e Galicia comezan a concentrarse homes que buscan no silencio e a meditación un estilo de vida. Podemos pensar que se trataba de fuxidos da xustiza ou da igrexa Conciliar ou sinxelamente de santos. Nós imos facer hoxe o que se coñece como “SENDEIRO CIRCULAR DA TEBAIDA BERCIANA”.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Á entrada de San Clemente de Valdueza deixamos o autocar, xa que o estreito da estrada impídenos continuar. Seguimos paralelos ao río polo camiño de La Ramosa que desemboca máis adiante na estrada de Santiago de Peñalba, no lugar de Ferradal.

 

            Máis adiante collemos un sendeiro que sae pola dereita e comezamos a subir con forte desnivel, polo medio dun bosque de castiñeiros, aciñeiras e carballos ata chegar a o lugar coñecido como Teso de la Ramosa (935 m).

 

            A partir deste lugar, o camiño discorre preto dunha das canles romanas que sucaban as abas norte dos Montes Aquilianos, percorrendo agora sen case desnivel unha das zonas máis fermosas deste percorrido. Ao lonxe podemos ver Santiago de Peñalba e os cumes dos Montes Aquilianos. Ao fondo tamén distinguimos a Ferrería de Montes; lugar onde sae o camiño que sobe a Montes de Valdueza, ao que chegamos pouco despois. Na aldea de Montes (1.000 m) podemos admirar os restos dun mosteiro beneditino do século VI.

 

            Deixamos Montes e logo dunha pequena subida, iremos na procura do río Tuerto no lugar coñecido como as Furnias. A partir de aquí agárdanos  a subida mais dura, ata acadar o Chano Collado, unha fermosa braña. A vista de Peñalba, ao pé dos impresionantes cumes dos Montes Aquilianos, indícannos que estamos a cambiar de val. Se o día acompaña, a espesa herba pode ser o perfecto mantel do noso xantar.

 

            Comezamos un suave descenso, entre romeos, que nos levará ata o val. Ao chegar ó indicador da Cova de San Genadio, deixaremos a rota, para achegarnos ata a cova onde viviu un dos mais famosos ermitáns da zona, o bispo San Genadio. Uns dous quilómetros e medio ida e volta á cova e 100 m de desnivel a superar.

 

            De volta da cova, temos dúas opcións para entrar en Peñalba de Santiago, nós colleremos o sendeiro da dereita, que nos leva ata Peñalba pola parte mais alta, así poderemos cruzar o Regato do Silencio, que se perde de repente dentro da terra, segundo di a lenda, por mor do medo que colleu cando San Genadio, farto do ruído da auga, ordenou gardar silencio. Temos tempo para admirar algúns exemplares de castiñeiros e asomarnos a un privilexiado observatorio da aldea.

 

            En Peñalba (1.100 m), paga a pena perder algún tempo, para visitar a igrexa, de estilo mozárabe e unha das reliquias arquitectónicas neste estilo de toda a Península, pasear polas súas rúas ou coller “formas” na taberna.

 

            Deixamos Peñalba e durante uns trescentos metros baixamos pola estrada ata que collemos de novo o camiño á dereita. En toda a baixada son os nosos aliados os carrascos, xardóns e castiñeiros. Ao fondo do val podemos escoitar o río Oza. Ó chegar a depuradora de novo volvemos a saír a estrada que nos levará de volta a San Clemente, onde estará a espera o autocar.