17 01 21 Serra da Bobia
GALERÍA DE FOTOS |
SITUACIÓN: Vilanova d´Oscos (Asturias)
PUNTO DE PARTIDA: Ponte de Penacoba (780 m)
ACCESO: Desde a Veiga pola estrada AS – 11 ata o porto de A Garganta. Aquí coller a AS – 13 en dirección a Vilanova e San Martín. A Ponte de Penacoba está a 2,5 km do porto de A Garganta.
HORARIO: 6/7 horas
DESNIVÉIS: 844 m de subidas / 974 m de baixadas
DISTANCIA: 21 km DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Travesía
MAPAS: I.G.N. – 25 – IV – 49 – II
COTA MÍNIMA: Vilanova (650 m) COTA MÁXIMA: El Filso (1.197 m)
DESCRICIÓN DA RUTA: O punto de partida atópase na estrada rexional que atravesa toda a comarca osqueña (AS-13) máis ou menos na pequena aldea de Penacoba, xustamente onde existe unha ponte sobro do regato Acebeiral.
Na Ponte de Penacoba comeza esta camiñada por pista de inmellorable trazado. Nos primeiros pasos sae un camiño a nosa esquerda que non tomaremos para seguir de fronte, deste xeito a pista vai xirando a esquerda internándose por unha pequena bagoada aparecendo outro cruce no cal tomaremos a pista da esquerda que nos leva cara arriba seguindo sempre de fronte en tódolos cruces ate chegar á liña de cumios na que temos unha estrada asfaltada que comunica o Porto de A Garganta con Boal polo Gumio.
Agora espéranos unha marcha fácil pola estrada asfaltada ate un cimbro chamado Campo da Bobia. Este tramo ofrécenos amplas vistas sobre dos cumios despexados e masas forestais, con matueiras e reforestacións de pinos.
Dende o Campo da Bobia podemos subir de fronte ao Pico El Filso, cota máxima da Serra da Bobia (1.197m) que acadaremos sen moitos esforzos para poder contemplar a marabillosa paisaxe que nos depara este cumio dos Oscos.
Despois de descansar, tomaremos o camiño de volta ate a estrada asfaltada, a que cruzamos para coller un sendeiro que vai paralelo a estrada no seu primeiro tramo.
Esta parte da rota é especialmente rechamante porque podemos ver todo o val que nos queda por baixar. O camiño recentemente rozado abandona a súa traza paralela á estrada para virar en dirección sur internándose no val do rego da Bobia.
Sen ningunha perda, vamos seguindo o sendeiro que pasa por riba da aldea de A Bobia para, máis tarde aproximarse á aldea de O Picón á que nos podemos achegar.
De volta no camiño principal seguimos a nosa marcha para máis tarde entrar en San Cristovo con unha casa habitada, aquí poderemos observar a arquitectura popular é a súa igrexa.
De tódolos camiños que existen, tomaremos o que vai cara ao sur, que segue bordeando a ladeira cruzando varios regatos e con pequenas pendentes que nos leva ata a aldea de Murias, collendo aquí un camiño á dereita, por certo bastante pendente, que nos sobe á Sela de Murias onde tras descansar un anaco, retomamos o camiño en dirección sur pola vertente oriental do Pico Murias. Agora o camiño convértese nunha ancha pista pola que transitamos sen pendentes apreciables baixo as ladeiras de Pena Cagadoira e Pena Redonda.
Chegamos así a un amplo cruce no medio de praderías onde xiramos cara á dereita por unha pista pola que camiñaremos uns cincocentos metros ata chegar a outro desvío, tamén pola dereita que baixa a Ovellariza, que podemos ver desde arriba.
Atopamos unha pista asfaltada pola que seguimos á dereita unha ducia de metros virando esta vez á esquerda para internarnos nun fondo camiño. Non temos máis que seguilo para chegar, todo en baixada as primeiras casas de Vilanova.