16 08 28 Pico Posets

 

PUNTO DE SAÍDA

TRAZADO DA RUTA

GALERÍA DE FOTOS

PDF CASTELÁN

MAPA PARA IMPRIMIR

 

SITUACIÓN: Valle de Benasque (Huesca)

PUNTO DE PARTIDA: Aparcadoiro de Pleta d`Estallo (1.520 m)

ACCESO: Desde Eriste, pola estrada con dirección a Benasque e a uns 400 m sae unha pista á man esquerda, hai un cartel que o indica, ao comezo asfaltada e logo de terra. A pista sobe facendo un zigzag polo val de Eriste. Logo duns tres quilómetros pasamos por un miradoiro seguindo pola pista da esquerda que perde un pouco de altura. Pasamos polo cruce que indica á ponte de Tramarriús e continuamos pola dereita volvendo a subir por pista uns tres quilómetros máis ata chegar ao aparcadoiro. (3,7 km en total)

HORARIO: 8/10 horas       DESNIVEL: 1.855 m     DISTANCIA: 20 km

DIFICULTADE: Alta           TIPO DE RUTA: Ida e volta         

MAPA: I.G.N. – 179 – II

COTA MÍNIMA: Pleta d´Estallo (1.520 m)       

COTA MÁXIMA: Posets (3.375 m)

SINOPSE: É imprescindible madrugar para realizar esta longa ruta con tramos de dura pendente.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Saímos a pé pola pista uns trescentos metros pasando enfronte da fervenza de Espigantosa. Aquí comeza o sendeiro entre abeleiras, álamos e buxos, subindo por unha pendente que se fai algo incómoda xa que comezamos fríos e hai que collela con calma. Logo de dez ou quince minutos de subida temos un respiro e continuamos en chan para subir outra pequena costa onde pasamos as vistas do refuxio. Seguimos polo sendeiro  e de seguida deixamos á dereita unha ponte chamada Palanca de Presentets. Continuamos subindo pola esquerda do barranco e chegamos á explanada de Pleta de Riveres onde se poden ver sarrios. Aquí comeza a derradeira subida ao refuxio de Ángel Orús, bastante forte, onde xa non camiñamos pola beira do barranco, que deixamos á dereita.  Seguimos subindo polo val de El Forcau en zigzag entre piñeiros ata chegar ao refuxio.

            Desde o refuxio collemos o sendeiro que vai en dirección noroeste é, a media hora, máis ou menos, atopamos un cartel que nos indica o Collado de la Piana e o Collado de Eriste.  Seguimos pola esquerda cara ao Collado de Eriste tendo que cruzar o barranco de Llardaneta e a explanada do mesmo nome para dirixirnos á Canal Fonda.

            Deixamos á nosa dereita a Tuca Baixa e máis adiante a Tuca Alta e a nosa esquerda as paredes do Diente de Llardana. Subimos pola ampla Canal Fonda unha primeira pendente ata chegar a un descanso onde se abre pola dereita un pequeno circo. Seguimos subindo a canle pola parte esquerda e afrontamos a última pala, bastante forte, ata chegar ao Collado del Diente (3.000 m).

            Este é un bo sitio para repoñer forzas, xa que nos falta a derradeira pendente polas costas do Posets para acadar a crista que da acceso ao cume do Posets, un dos grandes do Pirineo máis agradecido. Ao chegar ao cume podemos gozar dunha das mellores vistas de todo o Pirineo, pois non ten grandes cumes ao redor que lle quiten visibilidade. En días claros podemos divisar ata o Moncayo, na provincia de Zaragoza