16 03 25 Val glaciar do río Zêzere
TRAZADO DA RUTA |
SITUACIÓN: Serra da Estrela – Manteigas (Portugal)
PUNTO DE PARTIDA: Covâo de Ametade (1.430 m)
ACCESO: Desde Covilhâ pola estrada N – 339 ata entroncar coa N – 338 que vai a Manteigas seguindo o val glaciar do río Zêzere.
HORARIO: 3/4 horas DESNIVEL: 21 m de subidas / 630 m de baixadas
DISTANCIA: 11km DIFICULTADE: Baixa TIPO DE RUTA: Travesía
MAPA: Serra da Estrela de Adventure Maps
COTA MÍNIMA: Caldas de Manteigas (860 m)
COTA MÁXIMA: Côvao de Ametade (1.430 m)
SINOPSE: Con 13 km de lonxitude, o val glaciar do Zêzere é o máis longo de Europa. Durante este percorrido temos unha fermosa vista do val ademais de poder observar os tres macizos rochosos máis importantes: os Cântaros Raso, Magro e Gordo. O comezo da ruta no Côvao de Ametade está situado nunha antiga lagoa glaciar, sendo un lugar moi fermoso con un bosque de bidueiros e o río Zêzere que está practicamente seco.
DESCRICIÓN DA RUTA: A ruta comeza na área recreativa de Côvao de Ametade (1.430 m). Os primeiros pasos son pola estrada asfaltada, un quilómetro aproximadamente, ata pasar unha curva onde deixamos a estrada para baixar por un sendeiro ata preto do río.
O camiño vai pola vertente dereita do Zêzere deixando a súa esquerda dous sendeiros que baixan, un polo Esinhaço do Can e outro máis adiante que ven da lagoa de Candieira.
Logo, o sendeiro cruza o río por unha ponte, mellorando a partir deste lugar, para seguir por pista. Seguiremos esta pista practicamente sen desniveis, sempre pola marxe esquerda do río ata chegar ao balneario e logo a Manteigas.