12 04 06 Pagomakurre - Itxina - Gorbeia - Saldropo

VER PUNTO DE SAÍDA VER TRAZADO DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELÁN

SITUACIÓN: Araba e Bizkaia

PUNTO DE PARTIDA: Pagomakurre (880 m)

ACCESO: Dende Villaro (Areatza) parte unha pista que sobe a Pagomakurre.                               

HORARIO: 6/7 horas                   DESNIVEL: 600 m              DISTANCIA:                        

DIFICULTADE: Media                 TIPO DE RUTA: Travesía

MAPA: I.G.N. – 87 – III 

SINOPSE: O parque ocupa 20.016 hectáreas de praderías, bosques e rochedo, sendo un dos espazos protexidos máis extensos de Euskadi.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Fronte ao hostal de Pagomakurre (870 m), no extremo da zona recreativa o camiño intérnase no pinabetal, a miúdo enlamado, buscando pasos alternativos polo bosque. O sendeiro vai facéndose máis nítido a medida que sobe. Cruza unha pista manténdose con tendencia á dereita onde un antigo camiño de carro era usado para transporte de carbón. Rodeamos a cerca xirando á esquerda para, desta maneira, achegarnos ao rochedo. No alto podemos distinguir o Ojo de Atxular (1.115 m), serpeando o sendeiro que nos leva á porta de Itxina.

      Cruzado este espectacular paso, baixamos cara ao cavouco ata acadar un cruce. Pola esquerda vaise a Arraba, camiño que colleremos á volta, de fronte seguimos a Supelegor por camiño totalmente sinalizado. O sendeiro baixa dando voltas pola labiríntica Itxina, cruzando carboeiras e chabolas en ruínas nun entorno kárstico. Un paso entre rochas ofrécenos un novo cruce á esquerda, as covas de Axlaor, pero nós seguimos pola dereita baixando ata a entrada da cova Supelegor (975m). No interior habitan gran variedade de morcegos.

      Volvemos de Supelegor polo mesmo camiño ata o cruce que nos leva a Arraba. O sendeiro balizado lévanos por un paraxe inhóspito pasando a espectacular sima de Lezabaltz de máis de corenta metros de altura. Saímos do bosque para chegar as praderías de Landanagusieta onde o rochedo mestúrase con prados. Nun alto temos a chabola de José Mari Olabarría, o derradeiro pastor de Itxina, situámonos en Kexardi, unha das brañas máis importantes do Parque. Sobre os cercados o sendeiro serpexa entre a rocha, bosque e buratos ata acadar o cimbro de Kargaleku (1.115 m), lugar onde se cargaba neve das neveiras de Gorosteta e o carbón de Itxina.

      O camiño, amplo, sae as campas de Arraba onde faremos unha parada. Logo collemos o camiño enfiando a liña de bidueiros  que atravesa a campa de norte a sur. Na metade da campa deixamos á dereita a fonte e refuxio de Elorria ou Elorriaga proseguindo ata o paso de Aldape (1.180 m) que se abre entre o cantil e as penas de Gatzarrieta. Saímos á parte alta de Zastegui onde un menhir é testemuña dende a prehistoria do mítico camiño de Egiriñao.

      As praderías de Eguiriñao(1.092 m), á sombra do vello faial son unha boa mostra do Parque do Gorbeia en miniatura. Existen vario refuxios e pegado a rocha do Aldamín a capela de Elurretako Ama ou, a Señora das Neves onde se celebraba misa todos os domingos na presenza dos pastores cos seus cans, e enfronte a fonte de Lekuotz. Subimos ata o cimbro de Aldamiñospe (1.325 m), punto onde se xuntan as abas do Aldamín (1.376 m) e o Gorbeia (1.481 m), ao que chegamos logo de subir a forte pendente que nos falta.

      Desandamos o camiño ata Aldamiñospe onde, no mesmo cimbro sobe un sendeiro que vai a o Aldamín (1.376 m). Seguimos en dirección leste ata un  cimbro formado entre o Aldamín e a pena Dulao, máis pequena á dereita. Deixando atrás as estribamentos do Aldamín baixamos pola pendente herbosa, por sendeiro que pasa por riba do refuxio de Gaztedi ata situarnos en Aldamiñape (955 m).

      Temos varias opcións collendo a que segue en dirección a Arimegorta onde temos situado nun pequeno outeiro un túmulo duns 20 m de diámetro e 2 de alto, da idade de bronce onde está a cámara do dolmen Errekatxuetako Atxa. As praderías esténdense polo cimbro de Arimegorta (905 m) onde se sitúa o refuxio de Aginalde entre un paraxe de teixos onde un deles está catalogado como árbore singular ao que se lle calcula unha idade de 700 anos.

      Deixando o túmulo á nosa esquerda seguimos o camiño que cruza o regato de Arimegorta e baixa a Leixarreta onde existe unha fonte e un fermoso teixo. Tamén temos un refuxio e un freixo catalogado como Árbore Singular. O sendeiro segue entre a caliza para levarnos ao famoso paso de Atxuri, un pouco esvaradío si está mollado máis, de escaso perigo. Entre capudres e espiños baixamos para pasar a lugares dominados por coníferas e especies autóctonas de faias, carballos, bidueiros e acivros.

      Chegamos a unha pista cha onde existe unha zona forestada de Alerces de Xapón e Ciprés Lawson cruzando o regato de Uguna por unha ponte de madeira para logo subir lixeiramente, deixando á dereita a Calera de Errekarte, forno que servía para producir cal a partir de pedra caliza, chegando así ao Centro de Acollida do Humedal.

      Dende este lugar temos uns dous quilómetros e medio, por pista, ata o porto de Barazar (604 m).